O reto de acabar as maratóns máis importantes e multitudinarias do mundo é moito máis que correr seis carreiras. Trátase dos coñecidos como ‘Abbot World Marathon Majors’, circuito que comprende as seis grandes maratóns entre las que figuran Tokio, Boston, Londres, Berlín, Chicago e Nueva York. Todo aquel ou aquela que o completa faise coa codiciada medalla de seis estrelas.

Só setenta españolas conseguiron este recoñecemento e, entre elas, xa se atopa unha porriñesa, Ana Gómez Sousa, que se uníu ao grupo da élite do atletismo hai unha semana tras completar a maratón de Tokio.

Ana é funcionaria do Concello do Porriño e os seus compañeiros e compañeiras seguen con entusiasmo a súa traxectoria deportiva. Á súa volta a casa, foi sorprendida entre aplausos por toda a plantilla municipal, concelleiros, concelleiras e o alcalde, Alejandro Lorenzo, que lle fixo entrega dun agasallo en recoñecemento polo seu logro, de parte dos seus compañeiros de traballo, do Concello do Porriño e do seu pobo, que sinte un enorme orgullo.

“A súa constancia, o seu empuxe e o enorme sentido de responsabilidade que ten fan que sexa merecedora deste e calquera outro recoñecemento. Ana é quén de conseguir todo o que se propoña e facer que os seus éxitos sexan motivo de ledicia para todos os que a rodeamos”, apuntou o alcalde, “É unha gran compañeira e unha gran persoa”.

Ana comezou no mundo do maratón hai case 10 anos, antes fixo baloncesto e montañismo. Atopouse co atletismo de maneira casual, cando unha amiga a animou a participar nunha carreira benéfica contra o cancro. Eses 5 km despertaron nela a inquedanza que a levou a ir máis a alá e correr a súa primeira maratón, a de Berlín. A día de hoxe, e con moitas máis no seu haber, a porriñesa conta cun palmarés envidiable no que destaca ser a primeira española en entrar en meta na Maratón de Chicago (2019) e ser primeira na súa categoría e terceira na xeral na Maratón de Tromso (Noruega), a maratón de Nova York ou a recén conquistada maratón de Tokio.