• Máis dun cento de persoas participarán nesta proba de atletismo polas rúas do casco urbano que ten aberta a inscrición ata a medianoite de mañá sábado

Mañá o protagonista será o ciclismo e o domingo o atletismo. E é que en Porriño non deixan de celebrarse eventos deportivos, máis aínda chegadas estas datas previas ás xornadas festivas do Cristo. “É un orgullo ser o Concello do Deporte, un distintivo conseguido grazas ao labor, traballo e esforzo continuo de todos os clubs do municipio, que se implican na promoción do deporte de base e na organización e posta en marcha de distintas competicións e probas ao longo de todo o ano como son A Nocturna, que ten lugar mañá e a Milla Porriñesa o domingo”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo asegurando que dende o goberno local “seguiremos apoiando o deporte, un dos alicerces da nosa vila”.

Este domingo, 3 de setembro, dende ás 10.00 horas, con saída e meta a Praza Arquitecto Antonio Palacios, terá lugar a tradicional Milla Porriñesa que chega a súa undécima edición. Organizada polo Concello en colaboración co Club Atletismo Porriño a proba ten aberta aínda ata a medianoite de mañá sábado a inscrición, de balde, a través da web www.atletismopor.com

Poderán participar atletas federados e non federados, habendo unha soa clasificación conxunta. A proba é aberta a diferentes categorías, os pequenos de 2 a 4 e de 5 a 7 anos correrán 100 metros, os de 8 a 10 anos 400 e os de 11 a 14 anos 800 metros. A carreira absoluta comezará ás 11.00 horas na que competirán, por categorías, de 15 a 35 anos, de 35 ata 50 e maiores de 50, nunha distancia de 1.609 metros, o que equivale a unha milla.

Premios e trofeos

Tódolos participantes recibirán unha medalla conmemorativa da proba ao entrar na meta. A entrega de trofeos realizarase no podio de vencedores o mesmo día na Praza Antonio Palacios, haberá trofeo para os tres primeiros de cada categoría e sexo.