Axentes da Policía Local reanimaron a unha nena de 2 anos que estaba atragoada, en parada cardiorrespiratoria

Dous axentes da Policía Local do Porriño acadaron reanimar con éxito a unha nena de 2 anos que estaba atragoada e xa non respiraba. Os feitos ocorreron onte sábado, ás 19,40 horas. Os pais da nena acudiron á Xefatura da Policía Local coa nena explicando que acababa de atragoarse na casa. Un dos axentes que estaban de garda, fixo a manobra de reanimación cardiorrespiratoria a que respondeu co éxito, namentres o outro axente solicitou unha ambulancia. Cando chegaron os efectivos sanitarias, a nena xa estaba reanimada. Non obstante foi trasladada ata o Centro de Saúde do Porriño para a súa valoración.

Tanto dende a Alcaldía coma pola Concellería de Seguridade valorase moi positivamente a actuación dos axentes que ven a revalorizar a importancia da formación continua pola que aposta o goberno municipal porriñés. Toda a plantilla da Policía Local recibiu e completou en 2019 un curso de reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibriladores (DESA) para poder atender emerxencias como a ocorrida onte. Ao mesmo tempo todos os vehículos de patrulla están equipados cun “DESA” que se engade ó restante material que levan para atender emerxencias.

De feito xa en novembro pasado, a dotación dun coche patrulla da Policía Local do Porriño atendeu a un condutor en parada cardiorrespiratoria que sufriu un accidente na rotonda do Cristo de Belén, acadando a súa estabilización ata que chegou a ambulancia do 061.

Por outra banda, a Policía Local, en colaboración co persoal do 061, impartiron cursos de reanimación e primeiros auxilios tanto a veciños, a través das AAVV, coma ao alumnado dos institutos da vila.

A Concellería de Deportes lembra a necesidade de cumprir coas normas de uso dos circuítos habilitados no paseo do río Louro

A Concellería de Deportes anuncia que ven de solicitar á Policía Local do Porriño que faga rondas de vixilancia nos circuítos habilitados no paseo do Río Louro para correr e camiñar ante as denuncias de certos comportamentos que infrinxen as normas establecidas e poñen en perigo aos restantes usuarios.

Chegaron ao coñecemento da Concellería denuncias de persoas que circulan en sentido contrario ao establecido e tamén a presenza de ciclistas por esas sendas, o que está expresamente prohibido.

Lembramos as normas de uso destes circuítos:

Normas Obrigatorias:

  1. Dirección única. Inicio na marxe esquerda do río e volta pola marxe dereita.
  2. Distancia mínima entre corredores. 10. Metros.
  3. Corre sempre pola marxe dereita do camiño.
  4. Trata de evitar ol rebufo do corredor que leves diante.
  5. No caso de adiantamento, fai algún sinal acústico para avisar ao corredor que vas rebasar.
  6. Circuíto prohibido para patíns, bicicletas e monopatíns.
  7. No caso de que prefiras pasear, segue as normas; mantén unha distancia mínima de 4 metros, e ocupa só a marxe dereita do camiño.
  8. Nos sitios estreitos, fai o favor de extremar a túa precaución evitando contactos.
  9. Recomendamos o uso de máscara de protección e luvas.
  10. No primeiro tramo do circuíto existen marcas para a realización de series. Nunca vaias atrás; recupérate camiñando e volve ao circuíto atravesando a ponte de madeira, xira á dereita e camiña ata o inicio de percorrido.

A Concellería de Tráfico pide aos porriñeses que respecten as normas para circular polas beirarrúas

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Tráfico, fai un chamamento aos porriñeses para que observen o xeito de circulación peonil polas beirarrúas para cumprir coas normas de distancia social e seguridade que impón o actual estado de alarma. É dicir: que circulen polas beirarrúas pola man dereita, segundo o sentido da marcha, evitando cruzarse.

Sergio Casal, concelleiro responsable de Tráfico, manifestou que “este chamamento fai se con maior fincapé para os veciños que circulan polas beirarrúas de entrada e saída dende o centro do Porriño cara a Cans, Atios e Torneiros”. O concelleiro engadiu que “tamén debe observarse a norma de que os peóns circulen pola súa man dereita nas rúas peonalizadas do centro”.

O “VII Triatlón Concello do Porriño” cancelase ata 2021 e os cartos serán redirixidos para axuda á economia local

 

A Concellería de Deportes anunciou hoxe que a sétima edición do Triatlón Concello do Porriño queda cancelada. Esta proba que ten un especial recoñecemento entre os triatletas de Galicia e Portugal reunindo a máis de 200 participantes como acontecera en 2019, ía celebrarse o sábado 20 de xuño.

Como todos os demais eventos calendados no mes de xuño pola FEGATRI (Federación Galega de Triatlón) foron suspendidos por decisión deste organismo á vista da prolongación do estado de alarma e ante os prazos previsibles do plan de desescalada. A decisión federativa adoptouse esta semana e comunicouse onte ao Concello do Porriño.

 

David Alonso, concelleiro de Deportes manifestou hoxe que a dotación económica que estaba asignada polo Concello para a organización do Triatlón que son 8.000 euros “serán redirixidos a axuda social xunto coas outras partidas orzamentarias municipais que serán modificadas segundo acorde a corporación porriñesa para contribuír a reiniciar a economía local”, declarou Alonso Bargiela.

Máis da metade dos porriñeses xa non teñen restricións por franxas horarias para moverse nas súas parroquias


A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) fixo chegar ao Concello do Porriño a orde da Xunta de Galicia que comunica a eliminación das restricións horarias para as saídas, en núcleos separados de menos de 5.000 veciños.
A medida que está vixente dende hoxe, permite que algo máis da metade dos porriñeses, ó redor de 11.500 habitantes que viven en sete parroquias xa non teñan restricións por franxas horarias. A liberdade horaria de mobilidade é, de momento, tan só utilizable no ámbito da respectiva parroquia de cada veciño.

A medida tomada pola Xunta de Galicia e comunicada pola FEGAMP ao Concello, posibilita, polo tanto, que os veciños de TORNEIROS (3976 hbts.); ATIOS (2299); BUDIÑO (1989); PONTELLAS (1396); MOSENDE (831); CHENLO (513) e CANS (439) non teñan restricións por franxas horarias nin idades para saír.

En cambio, en SANTA MARÍA DO PORRIÑO (o centro urbano) NON É DE APLICACIÓN, dado que o núcleo ten unha poboación de máis de 9.000 persoas.

Adxuntamos a carta remitida pola FEGAMP á alcaldesa do Porriño informando desta novidade que entrou en vigor hoxe.



O Concello coas bandeiras a media asta polo loito oficial en memoria das vítimas do “Covid-19”

Na seguinte galería de hoxe pódese ver o edificio consistorial coas bandeiras a media asta polo loito oficial decretado en Galicia pola Xunta en memoria das vítimas do “Covid-19”.
Tamén aprécianse diversas imaxes urbanas entre as que destacan alguns establecementos comerciais abertos e outros que aínda permanecen pechados agardando polas seguintes fases da desescalada.

Segue a distribución dos “routers” e tarxetas de internet nos centros docentes para reducir a fenda dixital entre o alumnado

Hoxe realizouse en catro centros docentes do municipio. As imaxes corresponden á entrega realizada a pais e nais de alumnos do CEIP Antonio Palacios, en Torneiros. Alí correspondían 38 “routers” e outras tantas tarxetas de conexión a Internet de 60 GB.

Tamén distribuíronse no CEIP da Ribeira (30 routers e tarxetas); no CPR Santo Tomas (11) e o IES Ribeira do Louro (60).

Onte foi a quenda do CEIP Fernández López (42); “Hermanos Quiroga” (8); CEIP Atios (23) e Cruz Budiño (15).

Mañá xoves rematará o reparto cos pais e nais de 15 alumnos do IES Pino Manso tamén recibirán este apoio telemático.

A operativa é apoiada por voluntarios de Protección Civil do Concello do Porriño para “garantir que se mantiveran as distancias de seguridade e as medidas de hixiene precisas”, segundo explicou a concelleira de Educación, Lourdes Moure.

A concelleira aproveitou para reivindicar neste eido que “Porriño está a marcar tendencia na contorna. Antes outros concellos veciños estaban a facer e repartir fotocopias e agora imítannos. Semella que Porriño marcou un antes e un despois con esta solución de compra e reparto destes aparellos co propósito de reducir a fenda dixital entre o alumnado dos centros docentes do Porriño”, segundo indicou.

As tarxetas só terán vixencia durante tres meses. Os routers deberán ser devoltos ao Concello onde permanecerán en depósito en previsión de que por un rebrote fose necesario un novo préstamo ou que finalmente cheguen a cumprirse as previsións de que o vindeiro curso comezará en setembro coa posibilidade de que a metade do alumnado estea presencialmente en clase e a outra metade dende os seus domicilios.

 

O Consorcio de Augas do Louro anuncia un novo aprazamento de pago de taxas polo estado de alarma

O Consorcio de Augas do Louro anuncia aos veciños de Porriño, Salceda, Mos e Tui que procedeu a realizar o segundo aprazamento do pago das taxas do sexto bimestre de 2019 con motivo da situación de alarma
polo coronavirus.
O Consorcio valorou os efectos económicos que as medidas de confinamento e de cese das actividades decretadas están a ter especialmente nas familias e pequenos comercios así como as limitacións que esta situación supón aos usuarios para acceder fisicamente ás
entidades bancarias.

No seguinte comunicado adxunto, O Consorcio de Augas informa do novo calendario de pagamentos establecido. 

Policía Local e Protección Civil do Porriño repartiron máscaras

Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil do Porriño repartiron hoxe máscaras hixiénicas, do mesmo xeito que fixeron onte luns, seguindo ordes da Subdelegaión do Goberno.

A operativa, en apoio á Garda Civil, realizouse dende as 7 horas, nas estradas de acceso aos polígonos industriais.

As máscaras de protección corresponden ao lote de 298.500 que o o Goberno Central destinou á província de Pontevedra e que dende onte son de uso obrigatório nos transportes públicos e tamén entre os traballadores que comparten espazos reducidos e pechados.

 

O Concello entregou 250 “routers” e tarxetas de conexión para reducir a brecha dixital entre os escolares do Porriño

Hoxe a concelleira de Educación, Lourdes Moure convocou e fixo entrega aos directores dos centros docentes, dos routers e tarxetas para que os alumnos que carecen de conexión a Internet, poidan seguir as clases en igualdade de condicións co restos dos seus compañeiros.
Unha vez dimensionadas as necesidades por cada centro de ensino, o Concello tivo que adquirir 250 routers e outras tantas tarxetas de conexión (“pinchos” ou “pen drives”) de 60 GB.


A partir de mañá , serán citados os pais e nais de alumnos en cada centro docente. Co apoio da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, realizarase a entrega que será en depósito.
O reparto por centros e o seguinte: o martes corresponderá a Aceesca, 7; Fernández Lopez, 42; Hermanos Quiroga, 8; CEIP Atios, 23 e Cruz Budiño, 15.
O mércores entregaranse os 38 necesarios para lumnos do CEIP Antonio Palacios; 30 para o CEIP da Ribeira; no Santo Tomás, 11 e 60 routers e tarxetas para alumnos do IES Ribeira do Louro.
Finalmente, o xoves serán citados os pais e nais de 15 alumnos do IES Pino Manso que recibirán routers e tarxetas para conectarse ás clases por internet.


As tarxetas só terán vixencia durante tres meses. Os routers deberán ser devoltos ao Concello onde permanecerán en depósito en previsión de que por un rebrote fose necesario un novo préstamo.
O custe final desta actuación para reducir a brecha dixital é aproximadamente de 20.000 euros. A adquisición dos routers á empresa “TCR Datos Norte” importa 11.700 máis IVE namentres as tarxetas implicaron un gasto de 6.800 (IVE incluído) á operadora “Vodafone” que doa a metade das mesmas.