Goberno municipal e os representantes sindicais da plantilla de traballadores do Concello do Porriño subscribiron hoxe un acordo para a progresiva reincorporación de funcionarios e demais persoal a partir do vindeiro luns 25 de maio. A negociación rematou hoxe coa firmado do acordo que subscribiu Lourdes Moure, concelleira de Persoal, no nome do goberno municipal, e os delegados da xunta de persoal do Concello.

O documento establece o proceso de reincorporación por etapas que xa está a realizarse dende esta semana e que a partires do vindeiro luns 25 suporá a reincorporación da meirande parte da plantilla. Estarán exceptuados o persoal pertencente aos colectivos vulnerables e aqueles suxeitos a a algún dos supostos de conciliación.

Tamén a partires do vindeiro día 25, restablecerase a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:
-para Servizos Sociais, pedir cita no número 986 334621
-para a Unidade de Atención a Drogo dependentes (UAD), no 986 330861
-para a Policía Local, no 620 40 40 40
-para todos o demais servizos, a través de centraliña no número 986 33 5000

O acordo firmado hoxe tamén determina que a unidade de Persoal do Concello facilitará aos traballadores o material de protección (máscaras, luvas e mamparas) que sexan necesarios e que ademais a disposición de mesas e cadeiras de traballo estarán redistribuídas para gardar a distancia de seguridade (2 metros) entre cada posto de traballo.
A tal fin, o Concello aplica as recomendacións da auditoría realizada pola firma “Cualtys” que supervisa o cumprimento das medidas de seguridade e hixiene no traballo.