O goberno municipal esixe á empresa que subrogue aos traballadores do servizo de recollida do lixo


A empresa “Narom S.L.” que se fixo cargo dende o pasado luns 17 da recollida do lixo no Porriño, subrogará aos traballadores que prestaban este servizo coa anterior empresa, “Ascan”.
Este foi o compromiso acadado hoxe xoves, despois dunha reunión mantida polo goberno municipal co empresario. Encontro que presidiu a alcaldesa Eva García e no que participaron tamén Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde, e Sergio Casal, concelleiro delegado de Limpeza e Medio Ambiente.
A continuación, tanto Eva García como Sergio Casal comunicaron o acordo acadado aos traballadores e ás representacións sindicais de CIG e UXT.

A alcaldesa explicou que “a pesares de que o contrato non puido ser licitado aínda, prevalece o establecido no Estatuto dos Traballadores que garante o dereito á subrogación. Polo tanto a empresa que se fai cargo agora da recollida do lixo manterá a plantilla preexistente segundo esiximos”, manifestou Eva García. A rexidora lembrou que “dende a Alcaldía sempre amosamos unha postura inflexible a favor de que os traballadores tiñan que ser subrogados a pesares de que estamos ante un contrato que aínda non se licitou pola súa complexidade e dificultades legais que xurdiron”.

Os sete traballadores do servizo iniciaran onte concentracións de protesta diante do Concello para reclamar a subrogación que hoxe remataron nada máis coñecerse o acordo. Non obstante, as reunións entre empresa, traballadores a representación sindical continuarán esta tarde para rematar outros aspectos do acordo.

Concello e Deputación comprobaron as obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue

A alcaldesa, Eva García e o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira comprobaron hoxe, xunto cos deputados provinciais, Carlos López Font e Santos Héctor o desarrollo das obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue. A actuación tradúcese nunha ampliación de beirarrúas, mellora da seguridade vial mediante resaltos para o calmado do tráfico e pasos peonís nos accesos tanto aos centros docentes alí existentes como tamén ás instalacións do Polideportivo Municipal e outros edificios oficiais e privados.

Para o orzamento da obra, que chega ao medio millón de euros, a Deputación Provincial aportou a través do Plan “Depo-Remse” o 85% do mesmo e o Concello o 15% restante. As obras que están a executarse pola empresa “COVSA”.  

“Esta actuación no Porriño é exemplar para que as persoas recuperen e ocupen os espazos públicos que antes utilizaban os vehículos”, manifestou Carlos López Font. “Neste caso concreto estamos nun entorno que definiría coma paradigmático pois temos un instituto, un colexio, polideportivo municipal, edificios oficiais como a Tesoreria da Seguridade Social, Centro de Saúde o so Xulgados, que moven xente de todas as idades que se beneficiarán deste cambio radical por unha mobilidade tranformadora e segura”, engadiu o deputado responsable de Infraestructuras.

Pola súa banda, Eva García ponderou “o traballo realizado” polo concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira “pola súa capacidade para buscar e axeitar solucións constructivas conforme avanzaba a obra”, manifestou a alcaldesa.   

Para Eva García “esta obra é un primeiro paso para evidenciar que o concepto de cidade que compartimos neste goberno de coalición vaise facendo realidade para transformar O Porriño e agardo que sexa coa plena colaboración da Deputación Provincial coma acontece dende hai 5 anos”.

A Policía Local impón as tres primeiras denuncias por fumar en público sen respetar a restrición de 2 metros de distancia



A Policía Local do Porriño informa que onte domingo, pola tarde, impuxeronse as tres primeiras denuncias por incumprimento da restricción de fumar sen respetar unha distancia de 2 metros. Dúas desas sanciones levantaronse contra un camareiro e un cliente dun mesmo establecemento de hostalaría do casco urbano que estaban fumando sen gardar a distancia social.

O terceiro caso denunciouse por fumar na vía pública incumprindo tamén o preceptúado na normativa que aprobou a Xunta de Galicia e que está en vigor dende o pasado xoves 14 de agosto.

A Policía Local do Porriño informa que tamén onte levantaronse 5 denuncias a peóns que circulaban sen facer uso da máscara. Dúas delas, tramitaronse contra veciños do Polígono de Torneiros e as tres restantes no casco urbano.

Dende a Concellería de Seguridade lémbrase á veciñanza do Porriño a obrigatoriedade de empregar a máscara de protección cando salgan ás rúas, aínda que sexa para baixar o lixo ou para coller o coche así como nas zonas comúns nos edificios de vivendas.

O Concello colabora coa Seguridade Social para facilitar trámites para obter o Ingreso Mínimo Vital


O Concello do Porriño acadou un acordo coa Dirección Provincial do Instituto Nacional da Seguridad Social (INSS) para simplificar trámites aos solicitantes do Ingreso Mínimo Vital. A medida estrearáse a vindeira semana, segundo anunciou David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.

Coa finalidade de evitar aos solicitantes desprazamentos e colas, o INSS solicitará por vía telemática os certificados de empadroamento históricos e colectivos, que é un trámite indispensable para pedir e acceder ao Ingreso Mínimo Vital.

“Deste xeito simplificanse as xestións aos demandantes que non terán a obriga de ter que acudir ao Concello xa que será a propia administración municipal a que se encargará de enviar os certificados á Seguridade Social”, manifestou o concelleiro. Neste senso, David Alonso agradeceu a colaboración de Fernando Alvarez-Blázquez, director provincial do INSS “polo que supon de axilizar trámites aos veciños e veciñas do Porriño evitandolles que corran riscos por causa da pandemia”, rematou o concelleiro.

O Porriño acada a aprobación pola Unión Europea dun proxecto formativo sobre mocedade e cambio climático

Por primeira vez na historia deste municipio, o Concello do Porriño ven de acadar a aprobación pola Unión Europea dun proxecto formativo sobre mocedade e cambio climático. O anuncio realizouno Lourdes Moure, concelleira responsable de Proxectos Europeos que é unha competencia que se estrea neste mandato no goberno municipal.

O Concello do Porriño é o promotor e coordinador do proxecto que se circunscribe ao “Programa de Desarrollo de Capacidades da Xuventude”, xestionado directamente pola UE e dotado cun orzamento de 150.000 €. Xunto co Con cello do Porriño partici`pan diversas institucións e universidades de España, Portugal, Mozambique e Cabo Verde.

O proxecto “EYFEC”, siglas que corresponden a súa denominación en inglés (“Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”), ten como obxetivo empoderar aos mozos e mozas e ás institucións públicas e organizacións non gubernamentais, polo desarrollo ambiental e sostible.

A concelleira Lourdes Moure explicou que “o proxecto ten como destinataria á mocedade e como propósito convertir aos nosos mozos e mozas en axentes activos contra o cambio climático”. Lembrou que neste eido “O Porriño tivo un papel moi sobranceiro como acreditou a implicación de centos de escolares e os seus centros educativos nas reivindicacións dos ‘Fridays for Future’ que se celebraron na nosa vila”.

Tamén lembrou a “participación de Miriam Campos Leirós na Cumbre do Cambio Climático en Madrid en representación do movemiento “Profes polo futuro” que tivo o seu centro de operacións no CEIP Antonio Palacios.

Por último, Moure citou que entre as entidades que participarán neste proxecto da UE figura o IES Ribeira do Louro, centro docente porriñés que xa ten unha ampla experiencia en intercambios escolares e traballos internacionais.

A concelleira de Proxectos Europeos valorou que “ao reto de implementar o proxecto haberá que sumar agora as restriccions derivadas do Covid-19 no que atinxe á realización de viaxes internacionais e celebración de actividades conxuntas que tamén albergaremos no Porriño”, manifestou Lourdes Moure.

O Concello felicita á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil polo seu constante traballo, especialmente sobranceiro con esta pandemia

O Concello do Porriño felicitou á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil polo seu continuado traballo a prol da veciñanza como ven amosando dende o estado de alarma e no período posterior.

A concelleira Lourdes Moure, responsable de Protección Civil, trasladou a Suso Gónzalez Pexegueiro, a felicitación no nome do Concello para que a fixera extensiva a todos os membros da Agrupación que, ás ordes de “Carrola” están a traballar diariamente nun feixe de actividades.

Neste días, os voluntarios de Protección Civil están a colaborar na extinción de incendios forestais como aconteceu onte nos lugares de Sanguío e Eirís, na parroquia de Budiño onde os lunes ameazaban núcleos habitados.

A concelleira Moure Varela lembrou o papel desarrollado polos voluntarios de Protección Civil do Porriño na recollida, clasificación e reparto de alimentos, a través de “SOS Porriño”, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello.

Tamén recordou a concelleira no seu ámbito de Educación que “o persoal de Protección Civil foi indispensable para o reparto dos 250 “routers” e “pinchos” de 60 GB entre escolares dos centros educativos do Porriño que carecían de conexión á Internet nas súas casas” para que poideran seguir as clases e rematar o curso sen fenda dixital co respecto aos seus compañeiros”, maifestou.  Do mesmo xeito, tamén Protección Civil encargouse do reparto de material didáctico en centros de día, para o alumnado de ACEESCA ou da distribución de medicamentos entre as persoas maiores durante o confinamento.

 

Pleno municipal extraordinario

A Corporación Local do Porriño celebrará este venres 7, a partir das 12 horas, un pleno extraordinario con tres asuntos na orde do día que reproducimos a continuación. 

Debido aos protocolos anti-Covid, a sesión será a porta pechada, cos concelleiros repartidos entre os seus sitios habituais e nas butacas do público.

A sesión poderá seguirse en directo, a través da retransmisión por “streamming” que faremos nesta mesma páxina web, a través de “mediateca de plenos”. 

 

Aclaración sobre o proceso selectivo para cubrir 3 prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello

A Concellería de Persoal quere aclarar que as persoas interesadas en participar no proceso selectivo para cubrir interinamente 3 prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello, NON DEBEN PRESENTAR AÍNDA AS SÚAS SOLICITUDES ANTE O CONCELLO.

Ás persoas que xa fixeron esa presentación DEBERÁN REPETIR AS SÚAS SOLICITUDES POR QUE ACTUALMENTE CARECEN DE VÁLIDEZ

Ás que acuden presencialmente a realizar o trámite ante o rexistro xeral do Concello, xa se lles avisa que deberán agardar. 

Algunhas xa o fixeron a través da sede electrónica do Concello e se lles avisa a través deste medio, que non ten válidez e que deberán repetir a solicitude cando a convocatoria sexa publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Neste intre tan só publicouse no Boletín Oficinl da Provincial (BOPPO) nº 137, de data 20 de xullo.

Unha vez sexa publicada no DOG, os aspirantes terán un prazo de 20 días naturais a contar dende o día seguinte á data de publicación. NON SERÁ NECESARIO SOLICITAR CITA PREVIA. 

Deixamos ligazón coa convocatoria 

http://www.porremprego.org/archivos_editor/file/PUBLICACI%C3%83%E2%80%9CN%20BASES%20PARA%20CUBRIR%203%20PRAZAS%20INTERINAS%20DE%20AUXILIAR%20ADMINISTRATIVO.pdf

 

25 camioneiros multados pola Policía Local por incumprir a ordenanza que prohíbe o tráfico pesado no casco urbano

O concelleiro de Tráfico, Sergio Casal explicou que as multas a 25 camións formuladas pola Policía Local na noite do luns 3 ao martes 4, na zona das Sequeiras, “responde ás repetidas queixas veciñais que demandaban que o Concello dera cumprimento á ordenanza municipal que prohíbe circular e aparcar ao tráfico pesado dentro do casco urbano”.

 

Casal Quintas lembrou que esta ordenanza municipal foi elaborada e aprobada en 2012 polo goberno municipal que presidía entón Nelson Santos. Establece a devandita prohibición que ademais está reforzada pola sinalización vertical que existe na entrada de Cans e na baixada da Risca, así como pola sinalización horizontal pintada.

O concelleiro explicou que durante os estado de alarma, “houbo certa tolerancia” pero en canto rematou e recuperouse a normalidade, a Policía Local advertiu reiteradamente da prohibición aos transportistas.

Na noite do pasado luns 3, o concelleiro recibiu diversas chamadas de veciños da zona protestando pola acumulación de camións aparcados. Sergio Casal solicitou a Policía Local que intervira o que desencadeou as 25 multas que impuxeron.

Cada sanción é por unha contía de 200 € (100 no prazo bonificado).  

36 multas da Policía Local durante xullo por conducir baixo os efectos do alcohol, drogas ou sen carné

A Policía Local do Porriño fixo balanzo de actuacións en materia de seguridade vial no mes de xullo que arroxa 36 multas por conducir baixo os efectos do alcohol, drogas ou co carné caducado.

En 22 casos formularon multas por infracción administrativa por alcoholemias positivas. Segundo a taxa, a multa económica oscila entre 500 a 1.000 euros e supón a perda de 4 a 6 puntos do carné.

En seis casos máis, os axentes da Policía Local instruíron 6 atestados (contra 5 homes e unha muller) por un presunto delito contra a seguridade vial por superar a taxa de 0,60mg/l. en aire espirado. Un destes casos presentou o a agravante de que o condutor levaba dous menores no seu vehículo.

Tamén, a Policía Local do Porriño formulou durante o mes de xullo, 6 denuncias administrativas contra condutores por dar positivo en drogas ao volante.

E por último, instruíronse dous atestados por presuntos delitos contra a seguridade vial por circular co permiso de conducir sen puntos.

Dende a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure reiterase “unha apelación ao sentido común e á responsabilidade dos condutores para evitar coller o coche se beben, e previr a siniestralidade de tráfico e o risco para outros usuarios das vías”.