A Alcaldesa falou coa familia afectada polo brote e ponse a súa disposición polo que poidan necesitar

Eva García de la Torre falou coa familia do Porriño afectada polo brote de coronavirus e trasladoulle o apoio do Concello. A alcaldesa púxose á disposición da familia polo que puidera necesitar e na medida que a administración municipal fora quen de colaborar.


A través dunha conversa telefónica coa nai do mozo primeiramente infectado, a alcaldesa interesouse polo estado de todos eles. Segundo lle trasladaron, cursan illados nos seus domicilios. O seu seguimento realizase a través do Centro de Saúde , polo persoal de Atención Primaria.



A alcaldesa do Porriño aproveitou para facer un chamamento público a toda a veciñanza para que “cumpra co uso obrigatorio da máscara, coas distancias sociais e demais protocolos anti-Covid vixentes na nosa comunidade”. Eva García exhortou, “de xeito especial á mocidade para que eles sexan conscientes de que son un vector de contaxio e polo tanto tamén de risco e ás probas me remito”, rematou a alcaldesa.

 

Sanidade confirma ao Concello a existencia dun brote de Covid-19 con 6 positivos

A Consellería de Sanidade informou esta mañá ao Concello do Porriño da existencia dun brote de Covid-19 con media ducía de positivos. Dende a Consellería comunicaron telefónicamente coa alcaldesa Eva García á que informaron que o brote está localizado no centro da vila.

Pola información recibida polo Concello, sábese que o primeiro contaxíado foi un mozo que transmitiu a patoloxía a súa noiva e a familiares cercanos de ambos. Todos eles están illados nos seus domicilios e realízase o seu seguemento a través do Centro de Saúde, polos médicos de Atención Primaria.

A Consellería informou á alcaldesa que os rastrexadores epidemiolóxicos seguen a investigar se houbo máis contaxios e realizaron unha serie de probas “PCR”.

Os resultados agardanse coñecer hoxe para determinar se o radio de contaxios foi máis amplio.  

O Concello resolverá mediante concertación directa a venda dunha parcela no PPI 6 en Budiño por 338.000 €

A Comisión Municipal de Urbanismo tratará este mércores da resolución, mediante concertación directa, da venda dunha parcela de chan industrial urbanizable no PPI 6 de Budiño, valorada en 338.000 €.  O térreno, de uso industrial, ten 5.110 metros cadrados

Despois de que o anterior procedemento de concurso público celebrado quedase deserto, agora apareceu un comprador interesado o que motiva a resolución da venda por concertación directa. Esa resolución terá que ser aprobada polo pleno da Corporación Local do Porriño.

O asunto será informado previamente na Comisión Municipal de Urbanismo coa exposición de motivos que fará Pedro Pereira, concelleiro responsable do patrimonio municipal.

Novo reparto do Banco de Alimentos “SOS Porriño” entre as familias máis necesitadas

 
 
Membros da agrupación de Protección Civil do Porriño e voluntarios que colaboran co Banco de Alimentos iniciaron hoxe un novo reparto de produtos.
 
 
“Son ó redor de 5 toneladas de alimentos non perecedoiros para atender a unhas 300 familias, é dicir, aproximadamente a un milleiro de persoas entre menores e adultos que se atopan nunha situación de emerxencia”, segundo explicou David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.
 
O reparto durará tres dias e abrangue todo o termo municipal.
 

O mércores realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda sur das Gándaras


O Concello do Porriño informa que este mércores día 22 realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda das Gándaras que afectará ao tráfico rodado do acceso sur aos polígonos industriais de As Gándaras e A Granxa.

A empresa “ENDENOR, Construcción, Mantenimiento y Servicios”, adxudicataria da contrata, informou ao Concello que a duración dos traballos será dun día, de xeito que o xoves 23, recuperarase á normalidade, se non xurde algún imprevisto.

Os traballos a realizar son o levantado e novo asfaltado da rotonda sur das Gándaras sita a continuación da saída 21 da Autovía A-55 en dirección Tui, polo que cumpre cortar o tráfico rodado. Mentres duren as obras, a circulación de vehículos cara ao sur do Polígono das Gándaras, se realizará pola saída anterior, número 18.

Tamén o acceso dende a rotonda sur do polígono de A Granxa, queda cortado namentres se realizan estes traballos, desviándose a circulación entre o sur dos polígonos á altura da saída 18 da A-55, dirección Tui.

O Concello do Porriño agradece a colaboración dos condutores e usuarios.

O Concello lembra que a Piscina Municipal,está aberta dende hai unha semana e funciona segundo os protocolos anti-Covid



A Concellería de Deportes do Concello do Porriño lembra que dende hai unha semana está aberta a Piscina Municipal baixo unas estritas pautas de prevención do Covid-19.

O emprego da máscara é obrigatorio en todo momento, agás dentro da piscina.

A solicitude de cita previa é un requisito imprescindible. Debe solicitarse cun máximo de 48 horas de antelación, ben por teléfono a través do número 986 34 44 20 ou por correo electrónico no enderezo: piscinaporrino.eulen@gmail.com

O tempo de nado é de unha hora e non poderá haber máis de dúas persoas por cada rúa na piscina grande. No vaso pequeno, o aforo máximo será de 8 persoas.

O horario de apertura da Piscina Municipal do Porriño será:
de luns a venres, de 7 da mañá a 14 horas; e de 16 h. a 23 horas. Os sábados, de a 14 h. e de 17 a 20,30 h. E domingos, tan só en quenda matinal, de 10 a 14 horas.

Os responsables da instalación municipal advirten que non se permitirá o acceso a persoas con síntomas compatibles co “Covid-19”: tose, febre ou dificultade para respirar.

A Xunta de Voceiros estudará se é posible algunha compensación ás canteiras polo estado de alarma


A Xunta de Voceiros Municipais convocada para o vindeiro venres 17, ás 12 horas, tratará a petición dunha posible devolución de parte do canon que canteiras radicadas no Porriño aboan anualmente ao Concello. A petición basease na paralización forzosa –entre as canteiras que aínda están activas- durante os tres meses que durou o estado de alarma polo “Covid-19”.

O primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira como concelleiro responsable do Patrimonio Municipal, levará a proposta á consideración dos voceiros dos restantes grupos da corporación para determinar se procede algunha compensación. Ata este intre, catro canteiras solicitaron formalmente ao Concello a devolución de parte do canon anual que pagan.


Precisamente outro asunto que tratará a Xunta de Voceiros, a proposta de Pereira, vai ser o establecemento dun Prego Xeral para as Canteiras, como ferramenta para ordenar a relación deste sector co Concello do Porriño.

Son dous dos seis asuntos que forman a orde do día da reunión da xunta de voceiros municipais que tamén, tratará en qué situación atópase a Comisión de Deslinde con Mos cúa actividade que retomaron ambos concellos, paralizouse co estado de alarma

15.680 PORRIÑESES ESTÁN CHAMADOS A VOTAR NAS ELECCIÓNS GALEGAS DO VINDEIRO DOMINGO 12-X. – Polos protocolos anti-Covid19, modificáronse espazos de votación en varios colexios electorais

O Concello do Porriño, colaborando co a Xunta Electoral de Zona, está rematar hoxe a preparación do dispositivos das 23 mesas distribuídas en 14 colexios electorais onde poderán exercer o seu voto 15.680 porriñeses e porriñesas con dereito a votos nestes comicios autonómicos do vindeiro domingo 12.

Debido aos protocolos anti-Covid19 que son de aplicación para gardar as distancias interpersoais e evitar as aglomeracións, Concello e Xunta Electoral acordaron certas modificacións na ubicación de algunhas mesas electorais na procura de espazos máis abertos. É o caso das mesas electorais situadas no CEIP de Atios que en vez de quedarse nas instalacións do centro educativo, están situadas no pavillón polideportivo do colexio. O mesmo acontecerá nas mesas localizadas no CEIP de A Ribeira. 

Ademais no CEIP Xosé Fernández López que acolle catro seccións cun total oito mesas electorais que suman 6.410 electores, repetirase a súa colocación no pavillón deportivo do colexio. Como xa se fixera nas últimas eleccións xerais, para mellorar a accesibilidade e previr aglomeracións.

 

A Policía Local realizou as primeiras denuncias para sancións de 100 € por non empregar a máscara

 

A Policía Local do Porriño impuxo onte á noite na Avenida de Buenos Aires, as primeiras denuncias a varias persoas, todas elas mozas, que non facían uso das máscaras de protección nunha reunión. Cada denuncia dará lugar a multas económicas de 100 € por persoa, segundo a normativa vixente da Xunta de Galicia.

A Policía Local do Porriño, seguindo as instrucións da Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure, considera que rematou o período pedagóxico. Ata onte, os axentes lembraban aos cidadáns que debían facer uso das máscaras de protección, tanto as cirúrxicas coma as téxtiles, “de xeito obrigatorio cando non sexa posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal”, segundo estableceu a Xunta no decreto publicado no DOG do pasado 27 de xuño.

Tanto a Concellería de Seguridade coma a Policía Local recomendan o uso permanente das máscaras de protección aos peóns nas rúas para previr situacións de risco.

Celebradas once mesas de contratación: vendéronse, de momento, 6 dos vehículos en desuso do parque móbil municipal

Esta mañá celebráronse once mesas de contratación doutras tantas licitacións convocadas polo Concello do Porriño por un importe aproximado de 3 millóns de euros. Entre elas a poxa de vehículos municipais en desuso, dos que se venderon media ducia.

 

Dous licitadores adquiriron eses vehículos. Un deles ofreceu un total de 7.500 € para mercar unhas furgonetas Citroen Berlingo, Peugeot Partner, Peugeot Expert, un turismo Citroen Xsara e un Kia Picanto que utilizaron diversos servizos municipais nos últimos 20 anos. O outro licitador, ofreceu 701 € por unha Fiat Ducato que mercou. Houbo máis ofertas nesta poxa que abrangue ata 26 vehículos en desuso, pero incorrían en baixa temeraria e serán valoradas polos técnicos municipais.

Entre os pregos con máis empresas interesadas figura o proxecto de humanización da rúa Aloques, cun orzamento de partida de 422.000 € ao que aspiran 9 construtoras, e a pavimentación de camiños municipais en Torneiros, Centeáns, Covelo e Cavadas que saen en tres lotes de adxudicacións aos que aspiran 6 construtoras. En ambos casos, son obras con cargo ao Plan Concellos 2020 e os plicas pasarán agora á valoración dos técnicos municipais.