O Kiwi Atlántico-Creaga presenta o seu equipo para esta tempada

O Club Master Louriña presentou hoxe ao seu equipo feminino, o Kiwi Atlántico-Craega. Ao acto de presentación acudiron o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o presidente do Club Master Louriña, Juan José Álvarez, a directora nacional do equipo, Sonia Pariente, e o responsable do principal patrocinador Kiwi Atlántico, Rafa Pérez

O Kiwi Atlántico-Louriña naceu en pleno ano da pandemia, 2020 e nestes anos foi quen facerse un oco no pelotón nacional e, sobre todo, no galego. Na actualidade, o equipo disputa o ranking Nacional, destacando a Copa de España, ocupando un noveno posto e coa vista posta a rematar o ano no top 10.

Destacan os reforzos da actual campioa Uruguai yeBrasil Sub 23, Luciana Wynants, e a campioa brasileña Sub 23, Lara Gabriel nunha clara aposta polos novos talentos. Renovan a campiona galega de Élite de ruta, María Coya e a porriñesa Carla Guisande, Medalla de bronce nos europeos de Triatlón.

O presidente do Master Louriña quixo destacar a evolución do equipo “desde a nosa humilde orixe ata hoxe, que disputamos contra os grandes e nos convertemos nun importante trampolín para que moitas mulleres dean o salto ao ciclismo profesional. Como é por exemplo o caso de Allison Mugral, que tras pasar polo Kiwi Atlántico-Craega hoxe é profesional en Francia”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes reiterou “o apoio do Concello ao deporte feminino e a este equipo en concreto. O Master Louriña é un club que xoga un papel importante no no Porriño, organizando eventos con especial esmero que colleitan éxitos de participación e público. Unha entidade que non para de crecer e que nos permite ter no Porriño a ciclista de primeiro nivel, á que lle desexo unha tempada de éxitos”.

Volve “Do libro ás letras”

O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño volve celebrar este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título Do Libro ás Letras.

Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os luns 15 e 29 de abril e 13 de maio na biblioteca, en horario de 18.00 a 19.30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.

Neles, “as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións, xogos e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e á obra da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Luísa Villalta, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, que hoxe se compartiu un ratiño co Club de Lectura.

O club de lectura volve celebrar en 2024 este programa especial de actividades, que complementa os seus encontros regulares e que se abre a calquera persoa interesada en participar nel. Do Libro ás Letras está organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes, e tivo xa moi boa acollida en anos anteriores.

Nova edición do curso de monitor de tempo libre

A Concellería de Xuventude do Porriño, a través da OMIX, presenta unha nova edición do curso oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre, a desenvolver en seis fins de semana de maio e xuño no Centro Cultural Municipal do Porriño, impartido pola Escola de Tempo Libre Scolé e a cooperativa Avada, especializada no sector.

Un primeiro curso desenvolveuse nos meses de marzo e abril nas instalacións municipais, pero debido á gran acollida e sobretodo ao elevado número de persoas que quedaron en lista de espera, o Concello do Porriño agarda poder respostar ás inquedanzas formativas e laborais da súa mocidade.

Os contidos do curso impartiranse seguindo unha formación mixta que combina a docencia presencial e en liña. Trátase dun curso de 200 horas, combinando a formación presencial de 125 h coa telemática, neste caso de 75 h, e cunha fase de prácticas obligatorias de 150 horas, a realizar unha vez rematado o curso.

O alumnado que remate o curso obterá o título oficial de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre e aprenderá a dirixir actividades para grupos de persoas menores ou maiores, e así dinamizar, coidar, entreter e sobre todo educar mediante as súas accións.

Este curso é requisito imprescindible para traballar en campamentos, conciliacións, granxas escola, ludotecas, parques de aventuras, obradoiros, extraescolares, centros socioculturais, establecementos turísticos…

Desde hoxe ata o próximo 1 de maio poderanse realizar as inscricións (daráse prioridade ás persoas empadroadas no Concello do Porriño ata o día 25 de abril) a través da seguinte ligazón

https://forms.gle/s8aWwSZZA3DcS2ei7

O Porriño acolle a XXXVI Feira Apícola Rías Baixas

A Feira Apícola Rías Baixas chega á súa trixésimo sexta edición con máis forza ca nunca da man dun nutrido programa de actividades dirixidas tanto aos maiores como aos cativos da casa, que nos convidan a vivir unha doce e diferente fin de semana no Porriño.

Organizada polo Concello do Porriño, xunto coa Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector e unha cita indispensable para todas aquelas persoas versadas ou afeccionadas ao interesante mundo das abellas.

A apertura da feira terá lugar este sábado 13 de abril, ás 10 h, cun programa cheo de actividades que se estenderán ata última hora da tarde. As Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura emprazaranse nunha carpa situada no parque do Cristo, entre as 10 h e as 19:30 h. Case o mesmo horario no que permanecerá activo o mercado de artesanía Bee Happy Market e a Feira do Mel, concretamente de 10:30 h a 20 h. As catas, degustacións e obradoiros infantís terán lugar tanto en horario de mañá coma de tarde. A asistencia a calquera das actividades é totalmente de balde, pero contan con aforo limitado.

Mentres, a ruta hostaleira convídanos a saborear diferentes preparacións e cócteis os días 12 e 13, ao longo de todo o día, nos locais do municipio.

A trixésimo sexta edición desta feira foi presentada hoxe no Concello do Porriño polo alcalde, Alejandro Lorenzo, as concelleiras de Mercados e Turismo, Antía Carrera e Vanessa Ucha, respectivamente, o presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, a presidenta da IXP Mel de Galicia, Ester Ordóñez, e Diego Collazo en representación da Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra.

Publicadas as bases para a instalación de postos de venda e casetas no Porriño Fashion Market

A concellería de Comercio do Concello do Porriño convoca a Festa Fashion Weekend para os días 19, 20 e 21 de abril. Dita festividade distribuirase en tres acontecementos que arrancará coa Shoping Night, continuará coa Fashión Night e concluirá cunha Fashion Market. A finalidade destas bases é establecer os requisitos, pautas e condicionantes que se deberá cumprir para poder participar durante a celebración deste ultimo acontecemento, e dicir, da Fashion Market.

BASES POSTO DE VENTA : https://oporrino.org/documentos/bases-de-funcionamento-postos-de-venda-fashion-market/

BASES ASOCIACIÓNS CULTURAIS E VECIÑAIS SEN ÁNIMO DE LUCRO https://oporrino.org/wp-content/uploads/2024/04/BASES-DE-FUNCIONAMENTO-DOS-POSTOS-DE-VENDA-OU-CASETAS-POLAS-ASOCIACIONS-CULTURAIS-E-VECINAIS-SEN-ANIMO-DE-LUCRO-Fashion-Weekend.pdf

ANEXO I: https://oporrino.org/wp-content/uploads/2024/04/Anexo-I.pdf

DOCUMENTACIÓN A ADXUNTAR: https://oporrino.org/documentos/documentacion-a-presentar-coa-solicitude/

Como queres que sexa O Porriño do futuro?

O Concello do Porriño sigue avanzando na elaboración da súa axenda urbana abrindoa á participación de toda a veciñanza a través dun cuestionario que ten como principal obxectivo coñecer as súas impresións acerca da situación actual do municipio e as súas propostas para o futuro.

Como adiantaron dende a entidade en días anteriores, a elaboración do documento estratéxico que marcará o camiño a seguir os próximos anos atópase en fase de participación tras o diagnóstico inicial. Esta semana están a desenvolverse as mesas sectoriais para determinar aspectos clave nos diferentes eidos, nas que están chamadas a participar as entidades sociais, económicas, medioambientais e políticas do Porriño.

Amte a importancia dos cambios que xerarán os proxectos e actuacións incluídos nesta axenda urbana de cara a xerar novas oportunidades para persoas e empresas na vila, dende o Concello abren o proceso para coñecer a opinión dos veciños e veciñas e convidalos a participar a través do cuestionario disponible na páxina web https://axendaurbanaoporrino.com/ , onde tamén se poderá acceder a toda a información relativa á Axenda Urbana e Rural que se está a desenvolver.

“A participación e o compromiso de toda a poboación é clave para alcanzar os obxectivos propostos e construír un futuro sostible para O Porriño a través dun enfoque integrador e inclusivo”, explicou o rexedor, “O consenso é esencial para crear un Porriño máis cohesionado, dinámico e amable”.

Cabe destacar que a enquisa é totalmente anónima, e pretende tan só obter a valoración por parte da cidadanía dos retos identificados nunha primeira fase de diagnose para, a continuación, dar resposta a estas problemáticas a través de proxectos e accións concretas.

O Concello e Érguete animan á mocidade a “Re-coñecerse”

O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Sanidade, está a levar a cabo o primeiro bloque do Programa de promoción da saúde dirixido á mocidade “Re-coñecéndonos”, que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio.

A entidade local volve apostar pola prevención de condutas aditivas co alumnado de 3ª da ESO dos institutos do Porriño, xunto con Mos, que se levará a cabo coa Asociación Érguete.

“Pretendemos romper cos mitos que rodean o alcohol, o tabaco, o cigarro electrónico ou vaporizador, as bebidas enerxéticas e o cánnabis”, explicou a concelleira, Teresa Veloso, “Para previr unha adicción, e saber dicir que non, hai que recoñecer os mitos e mentiras que rodean determinadas substancias e prácticas. Para isto, ninguén mellor que a Asociación Érguete”.

Desde o Concello destacan que este programa proporcionará información veraz, obxectiva e axeitada aos mozos e mozas para axudarlles a identificar o consumo de drogas como causa de dependencia, a coñecer as características das principais drogas consumidas de forma obxectiva e realista e contrastar a información que teñen sobre o consumo destas sustancias coa evidencia científica.

Este programa está financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través dunha subvención para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancuminades ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Porriño promociona o Festival de Cans cunha nova edición da novela de Carlos Meixide, “Cans”

Xa non queda nada para o XXI Festival de Cans e o Concello do Porriño xa vai quentando motores. Co fin de promover o certame, dende a concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, lánzase unha nova edición da novela de Carlos Meixide, Cans, que ten como escenario o festival e a aldea que lle da nome.

Trátase da décimo cuarta edición da obra que levará outros cen exemplares ás librarías. Cabe destacar que dende que se publicara por primeira vez no ano 2016 vendéronse xa máis de 2000 exemplares.

Autoeditada e ilustrada por María Mejide, a novela conta a historia dun grupo de mozos, os cinco de Ons, que deciden rodar unha curta durante o Festival. Ao longo da historia aparecerán persoaxes que de seguro resultarán moi familiares aos/as lectores e a calquer asíduo ao certame: actores e actrices, xornalistas, cineastas e veciños/as da aldea. Todos eles formando parte dunha novela con moitos rasgos de humor propios do autor, pero tamén con partes de suspense e misterio.

O mundo do running darase cita no Porriño nunha nova edición da OP10K

O mundo do running ten unha cita no Porriño o vindeiro domingo 28 de abril nunha nova edición da ‘Porriño 10k’. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron a XV edición da proba a pé de pista, xunto cunha nutrida representación de directiva, equipo deportivo e atletas do Atletismo Porriño.
 
Como cada ano a clásica carreira OPK10, organizada polo Concello do Porriño e o club Atletismo Porriño, disputarase xunto coa proba OP5K, nun circuíto de 5 km no centro urbano homologado pola RFEA.
Así, os amantes deste deporte poderán correr un ano máis polas rúas da vila nesta edición que xa ten aberta a inscrición. As persoas que queiran participar xa poden inscribirse ata o 16 de abril na seguinte ligazón: https://ccnorte.com/…/ide/2745/xv-carreira-ou-porrino-10k
 
A carreira de pitufos e chupetes non require de proceso de inscrición e poderán participar na mesma presentándose na liña de saída á hora estipulada.
 
A proba de 10K ofrecerá unha atractiva gama de premios en metálico para recoñecer o desempeño excepcional dos participantes. Haberá premios por clasificación aos tres primeiros en cada unha das categorías masculinas e femininas, de 500 euros para o primeiro posto, 350 para o segundo e 200 para o terceiro.
 
Cabe destacar que a OP10K conta con records establecidos por destacados atletas en edicións anteriores. O masculino osténtao Alejandro Fernández, que completou a carreira nun tempo de 00:29:23 no ano 2015, e o feminino Ester Navarrete, quen rexistrou un tempo de 00:34:38 en 2019. Co fin de recoñecer o esforzo e a dedicación que conleva a preparación e competición nunha proba desta natureza, outorgarase un premio especial de 500 euros ao atleta feminino e/ou masculino que logre bater o record na súa categoría.
 
“Un ano máis seremos epicentro do atletismo podendo gozar de deportistas de primeiro nivel nas nosas rúas”, explicou o alcalde, “Podemos dicir que se trata da gran festa do atletismo, que cada ano reúne a miles de persoas na vila, entre participantes e público. E isto require dun gran traballo de organización que agradecemos enormemente ao club de Atletismo Porriño”.

O Porriño impulsa a declaración da Festa dos Callos e a Feira Apícola como Festas de Interese Turístico de Galicia

O Concello do Porriño iniciará os trámites necesarios para declarar a Festa dos Callos e a Feira Apícola Rías Baixas, dous emblemáticos eventos da localidade, como Festas de Interese Turístico de Galicia, en recoñecemento á súa importancia cultural, gastronómica e turística para a rexión.

A Festa dos Callos é un evento enraizado na cultura e tradición do municipio que este chegará xa á súa trixésimo primeira edición. Esta festividade, que se celebra anualmente os meses de setembro/outubro, é unha ocasión única para exaltar os sabores da gastronomía local e para compartir momentos de convivencia e fraternidade coa comunidade e visitantes. “A Festa dos Callos, ademais de ser unha celebración gastronómica, é unha oportunidade para poñer en valor os nosos produtos e os nosos artesáns, así como para dinamizar a nosa economía local e promover o turismo na nosa rexión”, expuxo a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, “Cada ano, a festa atrae a un gran número de visitantes, que quedan cautivados pola autenticidade e o ambiente festivo que se vive nas nosas rúas”. Neste sentido, a declaración da Festa dos Callos como Festa de Interese Turístico de Galicia non só recoñecería o valor e a trascendencia desta festa para O Porriño, senón que tamén abriría novas oportunidades para a súa promoción e difusión a nivel rexional e nacional. “Ademais, esta declaración contribuiría a reforzar a nosa identidade cultural e turística e a poñer en valor os nosos recursos gastronómicos e turísticos”, continuou a edil.

Unha declaración á que aspirará tamén a Feira Apícola Rías Baixas, un evento emblemático en toda a rexión que se celebra cada ano na vila do Louro. Esta feira, que pon en valor tradición apícola do concello e a calidade dos nosos produtos derivados da colmea, é un verdadeiro escaparate da cultura e gastronomía local.

A Feira Apícola Rías Baixas non só é un evento de interese para os amantes da apicultura e da natureza, senón tamén unha oportunidade para dinamizar o sector turístico e promover a identidade do Porriño como destino turístico. Cada ano, a feira atrae a un gran número de visitantes, que gozan das actividades, exposicións e degustacións que se organizan durante os días do evento.

“A súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia tamén nos permitiría reforzar o noso compromiso co turismo sostible e responsable e poñer en valor os nosos recursos naturais e gastronómicos”, concluíu a concelleira.

O primeiro paso para iniciar a solicitude deuse hoxe no pleno da corporación, onde as propostas do executivo foron aprobadas, sumándose á do Xogo da Ola que se está a tramitar tamén.