Mañá abre o prazo para inscribirse no campamento de Entroido do Porriño

Están  preto as vacacións escolares do Entroido e a concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González,  aposta un ano máis por facilitarlle ás familias un recurso que lles permita conciliar a vida familiar e laboral. Tal e como explicou a edil con este campamento “non só se facilita a conciliación, tamén se ofrece aos rapaces e rapazas de entre 3 e 14 anos (ambos inclusive) un lugar onde compartir as súas inquedanzas, experiencias e habilidades ao tempo que se fomentan entre eles  valores de respecto, solidariedade, igualdade, a importancia da capacidade de escoita e de xestionar situacións de conflicto.”

Esta actividade de conciliación desenvolverase os  días 12, 13 e 14 de febreiro en instalacións municipais..

As inscricións poden presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello ou de xeito presencial no Rexistro do Concello de Porriño en horario de 9 h a 14 h de luns a venres.

O  prazo abrirase o venres 2 de febreiro ás 9 horas e rematará o xoves 8 ás 9 h de igual mes.

 As solicitudes poderán descargase na páxina web do Concello ou recollerse no primeiro andar. O aforo está limitado a 50 participantes que se seleccionarán, previa baremación e por orden de inscrición. Xunto coa publicación de admitidos e admitidas achegarase nota con información sobre o lugar exacto de entrega e recollida dos rapaces e rapazas así coma outros datos de interese.

Esta actividade forma parte do programa “Conciliación, corresponsabilidade doméstica e de impulso para acceder ao mercado laboral”, cofinanciado con procedentes do Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.

 

Folla de inscrición

 

A ruta D·Gusta Porriño 23 entrega os seus premios

O Concello Do Porriño acolleu onte o acto de entrega dos premios ás/os  gañadores/as da Ruta de pinchos e tapas `D·Gusta Porriño 2023´, organizada por Ahospor en colaboración co Concello do Porriño.

As dez tarxetas por valor de 50 euros, para gastar no comercio e hostalería local,  corresponderon a María Begoña Fernández, Mari Carmen Martínez, Uxía Relova, Ana Cristina Gómez, María Nieves Rey, Maria del Carmen Diz, Cristina Iglesias, Paula Saavedra e Xose Anxo Ferreira. O de maior valor, a tarxeta dotada de 500 euros, foi para o porriñés Iván Coto.

Eles/as foron os agraciados entre os máis de 5.000 trípticos selados que se entregaron e recibiron as súas tarxetas de mans do alcalde, Alejandro Lorenzo, o presidente de Ahospor, José Manuel Fernández, o director de Abanca no Porriño, Jorge García, e o concelleiro Marcos Martínez.

 

As xornadas `Acompañando na aventura de crecer´ chegan á súa terceira edición

O Porriño acolle unha nova edición, e xa van tres, das xornadas para familias e profesionais Acompañando na aventura de crecer, impulsadas pola Concellería de Cultura a través da Biblioteca Municipal.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, presentaron hoxe as xornadas xunto co responsable da Biblioteca Municipal e a coordinadora das mesmas, Laura Alonso Coto.

Nesta nova edición abordarase novamente e dende diferentes perspectivas, como favorecer e previr problemas de atención e aprendizaxe. A atención e a presenza plena son habilidades que se cultivan dende a primeira infancia e as persoas adultas temos a responsabilidade de ser modelo e fomentar o espazo que lle permita á nosa infancia cultivar esta aprendizaxe.

Repetindo o formato do ano anterior, que tivo tan boa acollida, nesta ocasión volverase realizar un obradoiro, previo á conferencia, no que se favorecerá a experimentación en grupos reducidos e que precisa dunha inscrición previa na biblioteca ou a través do correo electrónico: biblioteca@oporrino.org

Despois do obradoiro terá lugar a conferencia aberta a todo o público, que non require inscrición. Cabe destacar que durante o tempo da charla contarase con persoal para acompañar ás crianzas e aproveitar para mostrarlles o fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal.

A actividade arrancará o venres 16 de febreIro, coa conferencia A importancia do sono na saúde dos/as nenos/as a cargo de Isabel Portela, graduada en Enfermería experta en diagnóstico e tratamento de trastornos do sonos. Nela explorarase a relación entre o sono, o crecemento físico e o rendemento cognitivo dos/as nenos/as. O obxectivo é que os/as asistentes saian cun entendemento máis profundo da importancia do sono e obteñan as ferramentas prácticas para promover hábitos saudables nos/as pequenos/as.

A seguinte quenda será o venres 15 de marzo e abordarase a Visión e atención da man de Blanca Olmedo García-Señoráns, Óptica e Optometrista. Nela falarase sobre como a visión inflúe directamente no nivel de atención e no rendemento escolar.

A última será o 19 de abril a cargo da fisioterapeuta especialista en desenvolvemento infantil, Yolanda García Pizarro baixo o título O corpo e o movemento do/a neno/a como ferramenta para a súa aprendizaxe. Nesta xornada tratarse a conexión entre o desenvolvemento motor e os problemas de aprendizaxe.

Ioga, zumba e pilates no centro cultural Alba

O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición nos cursos de ioga, zumba e pilates que se impartirán no Centro Cultural Alba, de Torneiros.
 
As actividades darán comezo a finais de febreiro e as inscricións xa poden realizarse por rexistro telemático ou de maneira presencial. As prazas están limitadas a 15 persoas por grupo.
 
As clases de Ioga impartiranse os luns de 19 a 20 h, as de Zumba os martes e xoves de 17 a 18 h e as de Pilates os venres de 19 a 20 h.

Hard GZ, Maka, Maikel Delacalle e Pignoise súmanse ao Negrita Music Festival do Porriño

Hard GZ, Maka, Maikel Delacalle e Pignoise serán algún dos artistas que se suman ao cartel do Negrita Music Festival , que se celebrará no Porriño os días 13 e 14 de setembro.

A organización avanzou hoxe os primeiros artistas que formarán parte deste festival, aínda que sete nomes máis desvelaranse máis adiante.

Abren o cartel Maka e Hard GZ. O cantante granadino Maka destaca pola súa fusión do flamenco, hip hop español e reguetón, colleitando grandes éxitos con temas como “El Arte de Vivir” que sumou máis de 85 millóns de reproduccións en Youtube. O galego Hard GZ dará a súa ampla visión do rap, na que fusiona a vella e nova escola, algo que o fixo triunfar en Europa e Latinoamérica.

Entre os confirmados atópase tamén Maikel Delacalle, recoñecido rapeiro coñecido por incorporar á súa música diferentes elementos do R&B, o hip hop ou o dancehall, e Pignoise, a banda de pop punk que conta con dez discos ás súas espaldas en dúas décadas de traxectoria.

Outros nomes desvelados son Lia Kali, J Abecia, Julieta, Lucho RK, Alvama Ice, Anthony Godfather, Amygdala e Traffic House.

E atentos! Que o mércores poñeranse á venta os primeiros abonos!

A nova sala de estudo cumpre tres meses sumando 1000 usuarios

Esta semana cúmprense tres meses dende que a nova sala de estudo do Porriño abrira as súas portas.

Proba da boa acollida deste recurso son os 1000 novos usuarios e usuarias rexistrados desde a súa posta en marcha e a asistencia diaria ás instalacións que supera os 150 accesos diarios.

Este espazo, dotado con 80 postos de estudo con conexión wifi e con un sistema de acceso libre y gratuito, ofrece todas as condicións para para facilitar a concentración dos usuarios e usuarias ofrecendo autonomía e unha flexibilidade horaria que permite a un segmento da poboación, que compaxina traballo con estudio, facer uso do mesmo.

Tamén destaca a a autoxestión do espazo e o ambiente de estudio colaborativo e respectuoso que se ofrece.

Dende a concellería de Cultura lembran que facer uso desta sala tan só é necesario rexistrarse na Biblioteca Municipal. Tamén lembrar que está aberta ao público todos os días da semana, en horario de mañá e tarde, con reforzo en época de exames.

“A alta demanda que ten esta sala demostra que era necesaria, que contar cun espazo en condicións para estudiar era unha petición da veciñanza máis que xustificada”, explicou o alcalde Alejandro Lorenzo, “As antigas instalacións non estaban á altura das necesidades da veciñanza”. 

O PORRIÑO PROXECTA A POSTA EN VALOR E HUMANIZACIÓN DA MALLADOURA

O Concello do Porriño avanza no deseño da súa axenda urbana, un marco de referencia para a planificación estratéxica do Porriño dos próximos anos. Esta inclúe unha diagnose da situación actual, que permitirá identificar e definir as necesidades do municipio e os principais retos a afrontar permitirá acceder de forma máis eficaz e competitiva á financiación precisa.

No marco desta folla de ruta atópase unha intervención global no barrio da Malladoura, que contempla varias intervencións de acondicionamento e humanización na contorna proxectadas para os próximos anos.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o barrio da Malladoura era unha das asignatura pendentes no desenvolvemento do centro urbano e a súa mellora vén sendo demandada pola veciñanza dende hai anos polo mal estado no que se atopa”. “A humanización da Malladoura e a súa posta en valor é esencial para conéctalo co resto da vila, máis anda cando o número de habitantes se incrementou notablemente nos últimos anos”, continuou o rexedor, “Por iso proxectamos varias intervencións dirixidas a ofrecer á cidadanía unha contorna máis habitable e un espazo público urbano de calidade”.

Unha delas é a obra de peonalización e construcción de beirarrúas entre a rúa Lugo e a rúa Malladoura. Estes traballos, cuxo preceptivo proxecto técnico xa está en redacción, humanizarán un tramo de preto de 250 m dunha zona de vivendas, na que se acometerán beirarrúas de formigón a ambas marxes da calzada e se dotará da necesaria iluminación.

Proxectase tamén a humanización da rúa Navuxil, con novas beirarrúas e mellora da calzada, nun tramo de 380 m que conecta o penedo da Malladoura coa travesía Antonio Palacios C. Unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns ao albergar un colexio. Está mellora completa o proxecto xa redactado de acondicionamento e humanización das rúas que conectan Aloques con Antonio Palacios, que inclúe as rúas Tarela e inicio de Navuxil.

O asfaltado e mellora do saneamento da rúa Lugo e o proxecto de renovación da rede de pluviais que resolvería os problemas de auga na rúa Coruña, xa en redacción, completan as intervencións desta primeira fase.

CAMPAÑA PARA DAR A COÑECER A NOVA LEI DE RESIDUOS

O Concello do Porriño, a través das concellerías de Medio Ambiente e Limpeza, levará a cabo ao longo deste ano unha campaña informativa para dar a coñecer á veciñanza a nova Lei de Residuos, a implantación e uso do novo colector marrón e outros recursos para a reciclaxe. 

A tal fin, instalaranse mesas informativas na praza Arquitecto Antonio Palacios os días en que se celebre o mercado.  Estas estarán disponibles os días 20 de xaneiro, 19 de marzo, 28 de maio, 30 de xullo, 24 de setembro e 26 de novembro.

Nelas informarase á poboación sobre a nova Lei de Residuos, que incide na obligatoriedade de separar o lixo en cada vivenda para a súa posterior reciclaxe. Ademais, persoal técnico darase a coñecer a nova xestión dos biorresiduos a través do colector marrón. Tamén se explicará o procedemento a seguir para solicitar un composteiro doméstico e, en resumo, resolveranse todas as dúbidas que a veciñanza poida ter no tocante á xestión de residuos.

Xogos e obradoiros para aprender a reducir os nosos residuos

O alumnado do CPR Santo Tomás participa estes días nas actividades sobre compostaxe enmarcadas no programa “Ponte a Zero”, impulsado pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello do Porriño.

Estes obradoiros de educación ambiental teñen como obxectivo concienciar aos nenos e nenas da problemática dos residuos, conseguir un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a reducción deste lixo, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e sustentable que os tratamentos actuais.

A través de xogos e obradoiros adaptados á súa idade e comprensión, como o “Xogo da Miñoca” e o obradoiro “Quen vive aí?”, o alumnado aprende a importancia de aproveitar os residuos orgánicos, convertilos en compost e coidar o medio ambiente.

O luns foi a quenda dos nenos e nenas de 1º de primaria, que participaron no Xogo da Miñoca. Trátase dunha variación do xogo da oca na que, formando equipos, teñen que pasar unha serie de probas e preguntas sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión da basura no compost ou que técnicas hai que aplicar.

Onte tocoulle á rapazada de 3º de primaria, co obradoiro “Quen vive aí?” no que aprenden a identificar os invertebrados presentes nos composteiros e a súa importancia no proceso de compostaxe. 

O obradoiro ¿Quen vive ahí?, no que aprenden a identificar os invertebrados presentes nos composteiros e a súa importancia no proceso de compostaxe.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia de “concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da separación dos residuos e do coidado do medio ambiente para conseguir un futuro mellor, máis sustentable e respectuoso”.

O pregón de Afaga dará a benvida ao Entroido do Porriño

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar que este ano, os usuarios de Afaga, entidade sen ánimo de lucro dedicada ao apoio de persoas maiores con deterioro cognitivo, especialmente relacionado co Alzheimer, serán os pregoeiros do Entroido.

Afaga, recoñecida pola súa labor na colaboración con distintas administracións, destaca por ofrecer unha variedade de terapias, obradoiros e actividades que buscan previr e ralentizar o deterioro cognitivo dos nosos maiores.

Este recoñecemento como pregoeiros do Entroido é unha homenaxe á súa inestimable contribución á comunidade, destacando o papel activo e vital que teñen os nosos maiores na sociedade.

“A elección dos usuarios de Afaga como pregoeiros non só celebra o seu espírito e aportación á vida comunitaria do Porriño, senón que tamén busca xerar conciencia sobre a importancia do coidado e a inclusión das persoas con deterioro cognitivo en todas as esferas da vida pública e cultural”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É unha verdadeira honra que sexan os pregoeiros do noso Entroido”.

Así, dende o Concello convidan á veciñanza a participar no Entroido e a apoiar esta iniciativa, que reflicte o compromiso do Porriño coa inclusión e o respecto á diversidade.