É Tempo de Outono no comercio local do Porriño

Desde o 1 ata o 21 de outubro o CCA Morea, en colaboración co Concello do Porriño, convida á veciñanza a participar da campaña “É tempo de Outono”. Esta é unha marabillosa oportunidade para apoiar aos nosos comerciantes e, ao mesmo tempo, levar moitos agasallos.

Por cada compra que se realice nos establecementos asociados a Acipor, recibirase un rasca que podería conter un fabuloso premio. Hai 5 tarxetas de agasallo Morea de 20 euros, 420 paraugas e 305 tote bags esperando a ser descubertos.

Os rascas premiados poderán trocarse ata o 23 de outubro nas tendas Lola, Serianper, Zafiro, Charol Shoes, Lencería Tere, Mapa Porriño, Rocío Lemos Peluquería e Conxelados Frandi, só presentando o rasca e unha copia do ticket da túa compra.

Esta campaña non só é unha forma divertida de incentivar as compras, senón que tamén resalta a importancia de contar cun tecido comercial activo e dinámico. “Apostar polo comercio local é fundamental para manter viva a vida social e económica do pobo. Cada compra conta e cada comerciante merece o noso apoio”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Así que, saiamos a ver todo o que poden ofrecernos e a comprar! Xuntos, fagamos do Porriño un lugar aínda máis cheo de vida.”

O Porriño aproba definitivamente o seu Orzamento que ascende a 21 M de euros

O pleno celebrado onte no Concello do Porriño deu luz verde definitiva á aprobación do orzamento municipal para o ano 2024. Un orzamento que se incrementa nun 9,68% respecto ao vixente alcanzando os 20.832.693,65 €.

As contas municipais foron aprobadas, co voto a favor do goberno municipal e o voto en contra dos grupos da oposición,  tras o periodo de información pública e a presentación de alegacións que foron debatidas e informadas polos técnicos municipais, concluíndo a súa desestimación por omitir o crédito necesario para as obrigas esixibles á administración local ou non cumprir cos requisitos legais de prazos u obxecto.  

O alcalde, Alejandro Lorenzo, incidiu en que este orzamento -o segundo aprobado polo executivo que preside-  basease na eficiencia da xestión dos recursos públicos. “Trátase dun documento realista, rigoroso e previsor pensado para buscar o desenvolvemento, mellora e promoción que O Porriño necesita para seguir crecendo en servizos, infraestruturas e calidade de vida”, indicou o rexedor engadindo que “xa estamos inmersos na elaboración dos orzamentos do 2025 para presentalos en tempo e forma”.

A maior partida do plan de gastos e ingresos é para servizos públicos

Tres son os piares básicos deste orzamento: reforzar os servizos municipais, o benestar social e o mantemento do centro urbano e parroquias. A estas areas destínanse o 38, 29 % dos recursos.

Así, máis de 3,1 millóns de euros resérvanse para a prestación dos servizos básicos como a iluminación pública, limpeza, cemiterios ou saneamento. Preto de 2,7 para urbanismo e vivenda e máis de 2,2 para servizos sociais e promoción social.

O orzamento non deixa de lado a aposta do executivo local polo deporte e a cultura, consignando ao redor de 2 millóns de euros a cada unha destas áreas. Un respaldo que se mostra tamén coas subvencións nominativas aos clubs deportivos, asociacións culturais e veciñais e entidades de carácter social.

Cabe destacar que se continúa coa aposta por minimizar a presión fiscal sobre a veciñanza mantendo os impostos e taxas e incluíndo bonificacións.

Desestimadas as alegacións do Concello de Vigo e PSOE do Porriño ao Orzamento Municipal

Nun feito sen precedentes, o Concello de Vigo presentou alegacións ao orzamento municipal do Porriño, reclamando o pago de 6 millóns de euros pola subministración de auga. Esta acción foi apoiada polo grupo municipal do PSOE, que se sumou á reclamación da administración viguesa.

O portavoz do goberno municipal, Carlos Martínez, aclarou que, a día de hoxe, “non existe ningún dereito recoñecido administrativamente nin resolución xudicial algunha que estableza que o Concello de Porriño debe a cantidade que o Concello de Vigo reclama de maneira unilateral”. Martínez subliñou que, aínda que Vigo menciona un pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza (TSX) de abril de 2024 que supostamente confirma esta débeda, esta afirmación é incorrecta. “Se realmente existise tal sentenza, o Concello de Vigo debería proceder a executala en lugar de ameazar cun novo recurso contencioso para cobrar”, explicou o edil.

Martínez tamén destacou que “hai varios procedementos xudiciais e administrativos en curso relacionados con esta cuestión”, e que “actualmente non hai ningunha resolución que indique que Porriño deba esa cantidade ao Concello de Vigo”. Ademais, salientou que Porriño “está aberto a negociar e resolver esta situación. Solicitáronse varias reunións co alcalde de Vigo, pero ata o de agora non se recibiu resposta. Así mesmo, o borrador dun convenio de colaboración enviado polo Consorcio en 2019 foi rexeitado”.

En base a todo isto e aos  informes concluíntes dos técnicos municipais, así como os de intervención e xurídicos, o goberno municipal desestimou as alegacións presentadas polo Concello de Vigo. 

Aprobación definitiva da modificación da  RPT

Na sesión plenaria aprobouse tamén con carácter definitivo a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello do Porriño. Tendo en conta as actuais circunstancias da administración local creáronse varios postos de traballo.

Destaca a creación dunha nova nova unidade administrativa no departamento de Vías e Obras centrada na acometida do saneamento a `Unidade de instalacións e espazos municipais, saneamento e abastecemento´  estará dotada dun novo posto de oficial de primeira capataz e dous operarios. Ademais súmase un administrativo adscrito ao departamento de Deportes e un técnico de publicidade para administración xeral e secretaría.

Salientar tamén que, ante a demanda existente, amplíase a xornada completa o posto de Psicólogo adscrito ao CIM.  A relación de postos de traballo amortiza tamén dous postos de traballo vacantes, un técnico de Administración Xeral e un Oficial de Policía Local.

Publicada a listaxe de admitidos/as no Campamento de Verán o mes de agosto

A Concellería de Igualdade vén de facer pública a listaxe de admitidos/as nas dúas quendas do Campamento de Verán para o mes de agosto. A primeira delas será do 12 ao 23 de agosto, e a segunda do 26 de agosto ao 10 de setembro. 

Todas as persoas que solicitaron foron admitidos. Cabe destacar que o horario amplíase para facilitar a conciliación daquelas familias que o precisen. Neste caso poderán deixar ás/os nenos/as ás 8:30 h e recollelos ás 14:30 h. 

ADMITIDOS/AS PRIMEIRA QUENDA https://oporrino.org/wp-content/uploads/2024/08/LISTADO-DE-PARTICIPANTES-DA-1a-QUENDA-DA-CONTINUACION-DO-CAMPAMENTO-DE-VERAN-DO-12-DE-AGOSTO-AO-23-DE-AGOSTO.pdf

ADMITIDOS/AS SEGUNDA QUENDA: https://oporrino.org/documentos/listaxe-admitidos-as-segunda-quenda/