A Escola Municipal de Música do Porriño presenta a súa Banda Infantil no Festival das Letras Galegas

O vindeiro mércores día 15, os/as alumnos/as da Escola Municipal de Música do Porriño festexarán o Día das Letras Galegas con toda a veciñanza e visitantes a partir das 19 horas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, ou no Círculo Recreativo Cultural en caso de chuvia.

Neste festival, organizado polo Concello e a Agrupación Musical do Porriño, presentarase a Banda Infantil, unha nova formación dirixida por David Trastoy Oseira, que conta con instrumentos de vento madeira, vento metal e percusión, tocados por unha ducia de estudantes da Escola de entre 8 e 14 anos de idade. “É un comezo para asentar las bases dunha banda de música de calidade e referente para o futuro no Porriño”, declara Trastoy.

banda de música infantil do Porriño

O festival das Letras Galegas contará tamén coas actuacións dos/as pequenos/as de Música e Movemento, a Coral Infantil, a Coral Polifónica, o Grupo de Música Tradicional e a Banda de Música.

A maiores da celebración das Letras Galegas, a programación musical continúa o sábado 18 co Festival de Bandas de Música a partir das 12 horas, e o Festival de Corais ás 19:30, na praza do Arquitecto Antonio Palacios. En caso de choiva, as actuacións das bandas de música terán lugar no Círculo Recreativo Cultural; e as das corais, na Igrexa de San Rosendo de Torneiros. As agrupacións participantes serán a Banda de Música do Conservatorio de Verín, a Agrupación Musical do Porriño, a Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, a Coral Frol Nova do Círculo Cultural de Chapela e a Coral Polifónica do Porriño (EMMus Porriño).

A Escola imparte as súas clases desde principios de curso no edificio do Centro Cívico na avenida Domingo Bueno.

A Escola de Música dirixe seis agrupacións

Este curso a Escola está dirixida por David Trastoy Oseira, e a compoñen trece mestres/as máis que imparten as clases das diferentes disciplinas e instrumentos, ademais de dirixir seis agrupacións.

“A música axuda no aumento da memoria, da atención e da concentración”

Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura

“A Escola de Música é un motor na vida social, cultural e educativa no noso municipio. É ben sabido que a música axuda no aumento da memoria, da atención e da concentración tanto en nenos/as como en adultos/as, e desde o Concello apoiamos todas estas actividades tan beneficiosas para a nosa veciñanza”, salienta Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura.

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, conclúe que “a fusión da música e as letras é un dardo directo ao corazón, por iso que mellor que festexar o día das Letras Galegas co son da nosa Escola de Música. As emocións están aseguradas”.

Os comerciantes do Porriño celebran con premios o Día da Nai

Os comeciantes do Porriño adiantan as celebracións do Día da Nai cunha divertida acción para que a veciñanza participe e entre no sorteo de varias tarxetas regalo.

Dende hoxe, 25 de abril, ata o vindeiro 5 de maio haberá instalados tres photocalls en horario comercial na praza do arquitecto Antonio Palacios, e nas rúas Antonio Palacios e San Benito. As persoas que queiran participar no sorteo de tres tarxetas regalo de 50 euros para gastar nos comercios locais asociados, terán que sacarse unha foto no photocall e subila os seus perfís de Facebook ou Instagram e etiquetar a CCA Morea. O sorteo realizarase o 8 de maio.  

Noelia Conde, xerente de ACIPOR, salienta que “dada a gran acollida da campaña similar para o Día do Pai, queríamos repetir e darlle agora o protagonismo as nais no seu día. Unha campaña na que poda participar todo o mundo e sexa divertido para os cativos e cativas, que son unha parte moi importante da clientela dos comercios do Porriño”. Noelia anima á participación recordando que “non hai límite de fotos por persoa, cantas máis fotos subidas, máis opcións hai de gañar!”.

Un convite ao que se sumaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Comercio, Rosa Isabel Alonso, agradecendo ademais a Acipor as súas iniciativas de dinaminación do comercio local.

17 novas incorporacións reforzan o persoal municipal

O Concello do Porriño incorporou hoxe a 17 traballadoras/es que reforzarán equipos en diferentes servizos municipais.

 

O Departamento de Vías e Obras conta desde hoxe con cinco incorporacións: un oficial 1ª de carpintería, un oficial 1ª de soldadura, un oficial 1ª de albanelería e dous peóns de obra pública. Pola súa banda, o Departamento de parques, xardíns e limpeza conta con seis novos peóns forestais. E para departamentos e instalacións municipais contase con tres conserxes, unha publicista e un analista de xestión e organización ou estatística.

 

Todas estas contratacións supuxeron unha inversión de 292.000 euros, dos cales 211.000 foron a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra e 81.000 euros de aportación municipal.  

 

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, déronlle hoxe a benvida ao seu novo posto de traballo.

 

Ambos representantes municipais destacaron a oportunidade que estas incorporacións supoñen para activar o emprego e tamén para poder dar un mellor servizo á veciñanza.  “O voso traballo é moi necesario e estamos encantados de que formedes parte do noso equipo”.

 

Retomamos a restauración ambiental do río Couso

Retomamos xunto con Verdegaia os traballos realizados o ano pasado encamiñados a recuperar o estado natural do treito final do río Couso, tamén coñecido como Fonteliño, mesmo ao carón do paseo do Louro no Porriño.

Ao longo de tres xornadas, 4 de maio, 1 de xuño e 15 de xuño, recollerase o lixo acumulado, eliminaranse algunhas especies invasoras e acompañarase o crecemento das arboriñas que plantaron durante o inverno.

Esta actividade procura tamén, ademais do impacto directo sobre o medio, visibilizar as intervencións de restauración de espazos naturais, que moitas veces se realizan en zonas afastadas e non se observan por parte do público. Programandoa nunha zona que moitas persoas de toda a comarca utilizan para pasear e facer deporte demostraremos como a recuperación de espazos naturais moitas veces é posible contando simplemento co traballo voluntario e comunitario dos propios veciños.

A actividade constará de tres xornadas, todas elas en horario de 11 a 13 h, os sábados 4 de maio, 1 de xuño e 15 de xuño. Nas mesmas, despois dunha breve charla explicando os obxectivos da actividade, repartiranse luvas e ferramentas entre as persoas participantes para proceder á retirada do lixo e de especies invasoras que impiden o crecemento das especies autóctonas.

A inscrición é gratuíta e pode formalizarse a través do email omix@oporrino.org ou chamando ao 691 657 039. O punto de encontro será como sempre na rúa Leandro DIz, número 5 (ao lado do paso inferior da liña do tren).

Torneiros acollerá a III Xuntanza Literaria Escolar

A concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX do Concello do Porriño continúa apostando por proxectos innovadores para difundir a lingua e cultura galegas entre a nosa comunidade educativa.

Tras o éxito das pasadas edicións, a celebración da III Xuntanza Literaria dará lugar a unha xornada de convivencia e fomento e animación á lectura, favorecendo a inclusión coa participación dos centros educativos do Porriño, ACEESCA, o Centro de Día de Torneiros e a Asociación AFAGA. Intentaremos facelo dun xeito lúdico e utilizando a contorna natural que nos ofrece a parroquia de Torneiros.

O programa para este día está organizado polos/as coordinadores/as das bibliotecas dos centros escolares, coas que o Concello do Porriño colabora.

Os centros participantes nesta III Xuntanza Literaria son o CPR Santo Tomás, IES Pino Manso, Aceesca, CEIPP Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CEIPP Antonio Palacios, IES Ribeira do Louro, CEIP da Cruz-Budiño, CEIPP de Atios, o Centro de Día de Torneiros, a Asociación Afaga e o CEIPP da Ribeira.

O alumnado distribuirase por grupos nos que, ademais da lectura individual, compartirán lecturas grupais de fragmentos de obras galegas. Estas expresións literarias reforzaranse tamén, coa música (outra forma de expresión literaria) que serve para expresar determinados sentimentos e emocións dunha forma máis lúdica e divertida.

Será da man, outro ano máis, de Xoán Curiel, con dous artistas máis en escena, que ofrecerán un concerto interactivo de 50 minutos ao estilo dunha representación teatral; no que pequenos, mozos e maiores, non serán simples espectadores/as senón que participarán desta actividade lúdica e cultural mediante coros e xogos e sempre empregando a lingua galega como ferramenta de traballo.

Aberto o prazo de solicitude das axudas para a rehabilitación de vivendas en Torneiros

O BOP publicou o pasado venres, 19 de abril, o extracto da resolución da alcaldía pola que se aproban as Bases e convocatoria para a concesión de axudas en materia de rehabilitación residencial e vivenda social no entorno residencial de rehabilitación programado de Torneiros, abrindose así o prazo para solicitalas. O prazo para requerilas finalizará o 31 de xaneiro de 2026.

Para este proxecto o Concello do Porriño recibiu un millón de euros, no marco do Programa de axudas para a rehabilitación de entornos residenciais a nivel barrio, que se distribuirán en axudas para impulsar medidas de eficiencia enerxética.

Dentro do ámbito delimitado do proxecto, que comprende 945 vivendas en 81 edificios, programouse inicialmente a rehabilitación dun número estimado de 105 vivendas que ocupan 1,38 hectáreas, repartidas en diferentes bloques. Deste millón de euros, preto de 130.000 destinaranse á urbanización e mellora da contorna, que se complementa con outras actuacións que o Concello está a levar a cabo para humanizar a zona, como o acondicionamento de beirarrúas ou a renovación do alumeado público. No marco desta actuación instalaranse 156 lámpadas leds, cunha inversión total de preto de 75.000 euros.

A parte restante será para axudas a particulares e/ou comunidades de propietarios destinadas á mellora de fachadas, mellora de cubertas, incluíndo aquí a eliminación de amianto, e o relevo de xanelas e vidros exteriores, empregando carpintería de pvc e vidro eficiente térmicamente, todo isto co obxectivo de conseguir un aforro enerxético mínimo do 30%.

O importe das subvencións a particulares dependerá do grao de eficiencia enerxética que se alcance coas obras executadas, que pode ser do 40%, do 65% ou do 80% do orzamento, incluso do 100% cando se identifique un caso de vulnerabilidade económica.

Cáritas A Louriña organiza a súa I Andaina Solidaria

O sábado 20 de abril, ás 17 h, o grupo de Cáritas do arciprestazgo da Louriña organiza a primeira edición da súa “Andaina solidaria”, co obxectivo de recaudar fondos para poder continuar desenvolvendo os prexentos que levan a cabo desde esta organización na bisbarra. A iniciativa conta coa colaboración dos concellos do Porriño, Mos e Salceda de Caselas, así como da Asociación de Hostaleiros do Porriño, Pan do Porriño e Dj Pitty.

A andaina presentouse hoxe aos pés da Igrexa de Santa María do Porriño, que será punto de partida este sábado. O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, presentaron a actividade xunto cos representantes de Cáritas Parroquial, Pepi Rodriguez, Sugui e Beatriz Correa, hostaleiros e o Dj Pitty, que animará o fin da camiñata.

Esta ruta, que ten un nivel medio de dificultade comezará na igrexa de Santa María do Porriño, continuarán pola senda do Louro, Fonte do Cristo, capela das Angustias, Malladoura e Aloques, rematando na capela do Cristo, onde os/as participantes repoñerán forzas cunha chocolatada e roscas.

A inscrición ten un custo e 5 euros, para todas as persoas maiores de 14 anos – os menores desta idade participan gratis. Tamén se aceptan donativos a través do número de Bizum 08323, baixo o concepto “Andaina”. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ou solicitar máis información n o número de teléfono 662 455 815.

Os representantes municipais animaron a toda a veciñanza a participar e sumarse a esta acción solidaria camiñando por unha boa causa.

Cáritas parroquiais do Val da Louriña

Cáritas Parroquian atende na Louriña a 70 familias. Co de centrar nas persoas a atención, recentemente cambiou o seu tradicional modelo de axuda social de doazón de alimentos e roupa por tarxetas económicas. Tal e como indican desta maneira dignifican o proceso de atención e responden mellor ás necesidades dos seus usuarios/as.

Ademais ofrecen nas súas parroquias do Porriño, Mos e Salceda de Caselas obradoiros de formación e búsqueda de emprego, atención a maiores, obradoiros de costura, e acollida e acompañamento como acción central.