A Feira Apícola Rías Baixas chega á súa trixésimo sexta edición con máis forza ca nunca da man dun nutrido programa de actividades dirixidas tanto aos maiores como aos cativos da casa, que nos convidan a vivir unha doce e diferente fin de semana no Porriño.

Organizada polo Concello do Porriño, xunto coa Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector e unha cita indispensable para todas aquelas persoas versadas ou afeccionadas ao interesante mundo das abellas.

A apertura da feira terá lugar este sábado 13 de abril, ás 10 h, cun programa cheo de actividades que se estenderán ata última hora da tarde. As Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura emprazaranse nunha carpa situada no parque do Cristo, entre as 10 h e as 19:30 h. Case o mesmo horario no que permanecerá activo o mercado de artesanía Bee Happy Market e a Feira do Mel, concretamente de 10:30 h a 20 h. As catas, degustacións e obradoiros infantís terán lugar tanto en horario de mañá coma de tarde. A asistencia a calquera das actividades é totalmente de balde, pero contan con aforo limitado.

Mentres, a ruta hostaleira convídanos a saborear diferentes preparacións e cócteis os días 12 e 13, ao longo de todo o día, nos locais do municipio.

A trixésimo sexta edición desta feira foi presentada hoxe no Concello do Porriño polo alcalde, Alejandro Lorenzo, as concelleiras de Mercados e Turismo, Antía Carrera e Vanessa Ucha, respectivamente, o presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, a presidenta da IXP Mel de Galicia, Ester Ordóñez, e Diego Collazo en representación da Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra.