O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Sanidade, está a levar a cabo o primeiro bloque do Programa de promoción da saúde dirixido á mocidade “Re-coñecéndonos”, que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio.

A entidade local volve apostar pola prevención de condutas aditivas co alumnado de 3ª da ESO dos institutos do Porriño, xunto con Mos, que se levará a cabo coa Asociación Érguete.

“Pretendemos romper cos mitos que rodean o alcohol, o tabaco, o cigarro electrónico ou vaporizador, as bebidas enerxéticas e o cánnabis”, explicou a concelleira, Teresa Veloso, “Para previr unha adicción, e saber dicir que non, hai que recoñecer os mitos e mentiras que rodean determinadas substancias e prácticas. Para isto, ninguén mellor que a Asociación Érguete”.

Desde o Concello destacan que este programa proporcionará información veraz, obxectiva e axeitada aos mozos e mozas para axudarlles a identificar o consumo de drogas como causa de dependencia, a coñecer as características das principais drogas consumidas de forma obxectiva e realista e contrastar a información que teñen sobre o consumo destas sustancias coa evidencia científica.

Este programa está financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, a través dunha subvención para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas aditivas promovidos por concellos, mancuminades ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.