O Concello do Porriño sigue avanzando na elaboración da súa axenda urbana abrindoa á participación de toda a veciñanza a través dun cuestionario que ten como principal obxectivo coñecer as súas impresións acerca da situación actual do municipio e as súas propostas para o futuro.

Como adiantaron dende a entidade en días anteriores, a elaboración do documento estratéxico que marcará o camiño a seguir os próximos anos atópase en fase de participación tras o diagnóstico inicial. Esta semana están a desenvolverse as mesas sectoriais para determinar aspectos clave nos diferentes eidos, nas que están chamadas a participar as entidades sociais, económicas, medioambientais e políticas do Porriño.

Amte a importancia dos cambios que xerarán os proxectos e actuacións incluídos nesta axenda urbana de cara a xerar novas oportunidades para persoas e empresas na vila, dende o Concello abren o proceso para coñecer a opinión dos veciños e veciñas e convidalos a participar a través do cuestionario disponible na páxina web https://axendaurbanaoporrino.com/ , onde tamén se poderá acceder a toda a información relativa á Axenda Urbana e Rural que se está a desenvolver.

“A participación e o compromiso de toda a poboación é clave para alcanzar os obxectivos propostos e construír un futuro sostible para O Porriño a través dun enfoque integrador e inclusivo”, explicou o rexedor, “O consenso é esencial para crear un Porriño máis cohesionado, dinámico e amable”.

Cabe destacar que a enquisa é totalmente anónima, e pretende tan só obter a valoración por parte da cidadanía dos retos identificados nunha primeira fase de diagnose para, a continuación, dar resposta a estas problemáticas a través de proxectos e accións concretas.