Co fin de crear conciencia entre a cativada da importancia da auga para o noso benestar e o dos ecosistemas, o Concello do Porriño e Consorcio de Augas do Louro uníronse hoxe para conmemorar da man dos coles o Día a Auga.

148 nenos e nenas de 4º de primaria, do CEIP Antonio Palacios, CEIP Xosé Fernández López, CEIP de Atios e CPR Hermanos Quiroga, participaron hoxe da actividada organizada por ambas entidades no marco do proxecto do Consorcio Misión Imposible.

Acompañándoos estiveron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e representantes do Consorcio de Augas do Louro, Rufino Rodríguez, xerente, Manuel Viñas, xefe de servizo de FCC Aqualia, e Alberto Fernández, técnico de abastecemento de FCC Aqualia.

A iniciativa iniciouse cunha parte teórica na que se explicou aos/as nenos/as o ciclo natural e a importancia deste recurso, por medio de fichas didácticas e dun xogo de tarxetas onde cada un tivo que explicar a súa vinculación en base ao debuxo que lle tocou. Seguidamente, realizaron un xogo sobre a posibilidade de tirar polo sanitario diferentes elementos resolvendo as dúbidas que lles puideron aparecer.

Tamén se centraron na explicación da depuración da auga que chega á EDAR recreando con xogos os diferentes procesos. Realizaron medicións de cloro e aprenderon sobre a potabilidade.

“Saben ben da importancia que ten este recurso na nosa vida e na do planeta e hoxe asinaron o seu `compromiso coa auga´, que levaron para a súa casa para tamén implicar ás súas familias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Para terminar, todos os participantes, incluído o rexedor e o persoal do Consorcio, rapearon xuntos na praza para que toda a veciñanza do Porriño se comprometa tamén con este recurso.