Usuarios e usuarias de Afaga e Aceesca participaron hoxe na plantación de árbores organizada polo Concello do Porriño polo Día Internacional dos Bosques.

Foi na contorna do río Louro, o pulmón verde da vila. No desenvolvemento desta acción plantáronse varios exemplares de Liquidambar, unha especie moi acaída para este entorno, e informouse a todos os participantes dos métodos de transplante dunha árbore, así como dos coidados posteriores que requiren.

O Día Internacional dos Bosques é un recordatorio da importancia que teñen os poboadores máis antigos do planeta, as árbores, que sosteñen ao ser humano e ao medio ambiente. Non só son os encargados de liberar osíxeno e transformar o dióxido de carbono (CO2), reducindo o efecto invernadoiro na atmósfera, senón que, ademais, son alimento, fogar e acubillo de multitude de especies. A efeméride, é polo tanto, unha data que lembra a importancia de protexer as superficies arborizadas como unha forma de asegurar que a vida no noso planeta siga sendo posible.

“Neste día queremos lembrar a necesidade de manter o respecto polas árbores e a natureza e recalcar os beneficios que proporcionan, tamén nas contornas urbanas”, explicou o alcalde, “Son xestos simbólicos que pretenden infundir na veciñanza a necesidade de coidar e valorar o noso medio natural”