‘Motivación’, primeiro dos cursos do ‘Plan de Inclusión Social da Poboación Xitana’ organizado no período formativo 2017-2018 pola Concellería de Benestar Social

16 persoas, integrantes do ‘Colectivo Machado’, acudiron ao curso de ‘Motivación’, impartido no Centro Multiusos Municipal de Torneiros no que é o primeiro dos cursos do período formativo 2017-2018 do ‘Plan de Inclusión Social da Poboación Xitana’.

O curso, organizado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe Soledad Girón, e financiado con Fondos Europeos, é o primeiro dos programados nos que haberá tamén formación en Vivenda e Perruquería, ademais de clases de Apoio Escolar e Alfabetización de Adultos.

O obxectivo dos mesmos, sinala a concelleira, é a “normalización das condicións de vida das xitanas e xitanos pertencentes a este colectivo, de orixe portugués, fomentando a integración a muller xitana e a igualdade de oportunidades”.

#PorriñoSolidario Podes axudar a outras persoas doando sangue

Unha unidade móvil da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) desprazarase ata O Porriño os días 26 e 27 deste mes de decembro e estará de 10:00 ás 14:30 horas e de 16:00 ás 21:00 horas diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno.

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

A alcaldesa esixirá este xoves, nunha reunión con técnicos e representantes políticos da Xunta que “asuman a súa responsabilidade na solución do grave problema da contaminación por lindano”

A alcaldesa, Eva García de la Torre, manterá este xoves, día 21, ao mediodía, na delegación da Xunta en Vigo, unha xuntanza con ata once técnicos e representantes políticos do Goberno de Galicia para tratar sobre as actuacións que se puxeron en marcha dende que se detectara a presenza de lindano no barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros.

García de la Torre, quen exporá polo miúdo as medidas que ten impulsado o Concello do Porriño, esixirá, aos representantes da Administración galega que “asuman a súa responsabilidade”, lembrándolles que “é a Xunta de Galicia a que ten que facer as análises, e  quen ten que proporcionar ao Concello os medios económicos e materiais para afrontar esta situación”.

Onte, a alcaldesa estivo reunida cos voceiros dos grupos municipais e con afectados, logo da creación da Comisión Municipal de Seguimento do Lindano, no que a propia rexedora cualificou de un encontro “tenso”, no que os veciños presentaron as súas queixas pola descordinación na información das analíticas facilitadas pola Xunta, unha información que entenden que é contraditoria.

García de la Torre volve a instar aos conselleiros de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a que “reciban á alcaldesa do Porriño e presenten, de xeito prioritario e urxente, as súas proposicións e iniciativas para afrontar este grave problema”.

“Xa esta ben de que abandonen as súas obrigas e tenten desentenderse delas rebotándoas ao Concello que é a administración que menos posibilidades técnicas e económicas ten para afrontar unha circunstancia desta gravidade ”,engade a alcaldesa.

O Concello do Porriño pon en marcha unha mesa de coordinación interna de cara a elaboración do plan de infancia

A mesma pretende establecer un mecanismo de coordinación interna do Goberno Local, que terá como primeira tarefa participar do diagnóstico da infancia e adolescencia do concello, que se está a realizar, e no que se recollerá información sobre a situación da poboación de 0-18 anos do municipio.

Trátase dun proceso participativo, que pretende reforzar o compromiso deste concello coas políticas a favor da infancia, e contribuír a elaboración do futuro plan de infancia que establecerá as transformacións necesarias para facer de Porriño un concello no que os nenos e nenas sexan protagonistas principais.

Nesta primeira xuntanza participaron tanto persoal técnico, como político en representación das distintas áreas municipais, xa que tal como indicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Xuventude, e promotora da iniciativa, “unicamente coa implicación de todas as áreas poderemos deseñar as actuacións necesarias para facer deste concello un referente en materia de protección dos dereitos da infancia e da adolescencia”.

Moure quixo aproveitar para recordar que está en funcionamento unha conta de correo electrónico propostas.infancia.adolescencia@oporrino.org a que tanto nenos, nenas e adolescentes como adultos, poden enviar as súas aportacións e/ou suxestións de cara a elaboración deste futuro plan de infancia.

Este  xoves, día 21, entra en funcionamento no Porriño o novo sistema de transporte público baixo demanda

Este  xoves, día 21, entra en funcionamento no Porriño o novo sistema de transporte público baixo demanda, posto en marcha pola Xunta, logo da esixencia da maioría da Corporación, para que resolvese as graves dificultades de mobilidade xeradas ás veciñas e  veciños  coa implantación do novo Plan de Transportes de Galicia.

As persoas que precisen desprazarse poderán pedir o servizo chamando ao teléfono 988 68 78 00, que estará operativo de 8 da mañá a 8 da tarde todos os días laboráis.  Nunha única chamada poderá reservar varias prazas no autobús ou, mesmo, reservar varias viaxes para os seguintes 15 días.

A reserva debe facerse antes das 8 da tarde do día laborable anterior a aquel no que se vaia viaxar. Así, se o vindeiro mércores 27 de decembro quere coller o autobús para ir ao centro de saúde, deberá chamar antes das 8 da tarde do martes 26 de decembro. En cambio, se o martes 26 de decembro quere coller o autobús para ir facer compras, como o luns é festivo deberá chamar antes das 8 da tarde do venres 22 de decembro.

Para solicitar o servizo, cando chame, so deberá ter a man o número do seu DNI e saber cando quere viaxar e entre que paradas– poderá solicitar información da oferta dos servizos de transporte á empresa que o presta ou consultala na web www.bus.gal, na que tamén se publican os teléfonos e páxinas web das empresas-.

Ao final da chamada indicaráselle o número de confirmación da súa reserva, que deberá ter onde anotar.  Se ao chamar indica un correo electrónico, enviaráselle ao mesmo a confirmación da reserva co seu número e os seus datos, o que tamén lle facilitará a súa anulación, se fose o caso.

Si finalmente non vai viaxar deberá anular a reserva. Se non o fixese, outras persoas poderán quedar sen praza.

Só terá que chamar para reservar praza para autobuses que se presten baixo demanda. Tamén pode obter información dirixíndose á empresa de transporte que preste o servizo.

Ao subir ao autobús na súa parada deberá poder indicar ao condutor o nome da persoa que fixo a reserva e o código da reserva que se lle indicou.

Se ninguén fixo unha reserva para a súa parada o autobús non pasará por ela, polo que non poderá subir. Ademais, outras persoas poderán ter reservado noutras paradas as prazas das que dispoña o autobús, polo que aínda que non estean ocupadas pode que non queden prazas libres para a súa viaxe.

A partir da posta en funcionamento do novo sistema as reservas deberán facerse a través do teléfono 988 68 78 00, e xa non será posible facelas nos teléfonos das empresas.

Salceda, Ponteareas, Mondariz, As Neves, Mos e Porriño únense para impedir o despido de 140 traballadores, ou todos os empregados de Maderas Iglesias

Os alcaldes de Salceda, Marcos Besada, Ponteareas, Xosé Represas, Mondariz, Xoán Carlos Montes, As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o tenente de alcalde de Mos, Camilo Augusto Martínez, mantiveron este luns unha xuntanza, no Concello do Porriño, con representantes do Comité de Empresa de Maderas Iglesias, e dos sindicatos CIG, CCOO e UXT, que trasladaron aos rexedores que a empresa comunicoulles a apertura dun expediente de extinción de 140 contratos-ou de todos eles, preto de 300- o vindeiro día 12 de xaneiro.

Ante esta situación, os alcaldes e alcaldesa veñen de solicitar un encontro ao máis alto nivel, con representantes da Xunta de Galicia, acompañados polos membros do Comité de Persoal, de cara a evitar a eliminación destes empregos- ou da totalidade deles-e o peche dunha empresa que consideran parte dun sector estratéxico para a economía galega como é o da madeira.

Os alcaldes e a alcaldesa, coñecedores do interese da Xunta en evitar a eliminación destes empregos, considerando que a a empresa recibiu no seu día fondos públicos por medio do IGAPE e lembrando que todos os grupos do Parlamento de Galicia aprobaron unha iniciativa apoiando tomar a iniciativa para facer viable Maderas Iglesias, piden ao Goberno de Galicia que nesta situación de extrema gravidade para a continuidade desta firma, fagan efectivos os termos desta iniciativa e preste as garantías posibles e necesarias para manter os empregos.

O libro ‘O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural’ amosa o pasado da vila e fai unha viaxe pola súa riqueza patrimonial, arquitectónica, etnolóxica, cultural, natural e paisaxística

“O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, escrito por Xosé Ramón Paz Antón e ilustrado polo fotógrafo Xulio Gil ven a “encher un vacío sobre a historia porriñesa que se contempla neste libro dende os tempos prehistóricos ata a actualidade”.

Paz Antón resume en algo máis de duascentas páxinas o pasado deste territorio e as súas xentes ao tempo que se describe unha parte relevante do seu patrimonio cultural e paisaxístico, un relato que vén de salientar o excelente labor de Xulio Gil, quen capta coa súa cámara aspectos insólitos ou pouco coñecidos e engade unha lectura visual que fai moi atractiva a obra que se presenta.

Partindo dos xacementos arqueolóxicos, da romanización e da alta idade media, a información vai facéndose densa coas incursións viquingas e árabes, a creación dos mosteiros de Budiño e Cans, os señoríos e loitas medievais, o nacemento do concello da Louriña, a dependencia de Baiona e Salvaterra, a queima das fábricas de pan na guerra con Portugal, a forte reedificación de templos no Barroco e a invasión dos franceses.

A partir de aquí resúmense os fitos máis relevantes dos séculos XIX e XX, o concello constitucional, a vida social e cultural, a emigración, os movementos agrario e obreiro, a guerra civil, o franquismo e a industrialización. Entre outras achegas destacadas cabe citar a reproducción do primeiro mapa do concello que se conserva no Archivo General de Simancas e que foi realizado en 1655.

Como subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, “O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, que foi editado grazas a colaboración do Concello, “é unha excelente mostra dos nosos recursos naturais, o noso patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e cultural e amosa quenes somos, e ensina o porqué temos que estar orgullosos do noso pasado e, en base ao mesmo seguir avanzando cara ao futuro”.

García de la Torre reitera que este “magnífico traballo” que O Porriño non tiña e que necesitaba e que servirá de clave para mirar cara ao futuro e á necesidade de poner en valor os nosos costumes e a nosa esencia.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e varios concelleiros acompañan á conselleira de Medio Rural na súa visita á empresa alimentaria ‘La Torta’, do Porriño

A conselleira do Medio Rural,Ángeles Vázquez, acompañada pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, o delegado da Xunta en Vigo e os concelleiros da Corporación, Manuel Alejandro Lorenzo e Carlos Martínez, entre outras autoridades, coñeceron de primeira man a ampliación e expansión da empresa alimentaria “La Torta”, do Porriño.

A conselleira destacou que todos estes proxectos contribúen a facer un rural vivo e dinámico e valorou o labor dos GDR, que –lembrou– xestionan os fondos Leader cun enfoque de abaixo cara arriba, integrando aos poderes públicos e á sociedade civil no deseño e aplicación das políticas de desenvolvemento do agro.

Protección Civil do Porriño recibe da Xunta de Galicia un novo remolque que servirá para completar o material de emerxencias que manexa a diario este servizo

Manuel Carrera, tenente de alcalde do Porriño recibiu, en nome do Concello e de mans da Vicepresidencia do Goberno de Galicia, un novo remolque para o Servizo de Emerxencias e Protección Civil do Porriño.

O remolque inclúe unha electro-bomba somerxible, unha motobomba para augas residuais, un xerador de electricidade portátil de gasolina, unha motoserra, unha rozadora, unha torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización todos estes elementos con todos os complementos de seguridade necesarios para una correcta utilización.

Carrera, que estivo acompañado por responsábeis de Protección Civil do Porriño, salientou o “importantísimo traballo, altruísta e desinteresado e constante” dos integran deste servizo que, subliñou, contribúen a garantir a seguridade e tranquilidade das porriñesas e porriñeses en cooperación co traballo que levan a cabo outros servizos profesionais de emerxencias.

Este venres, día 8, co acendido das luces, arranca o programa do Concello para este Nadal

Exposicións, festivais, música, teatro, obradoiros, os anunciados Campamentos para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, rondallas, amais do acendido das luces, a Festa Pre-Fin de Ano ou a Cabalgata de Reis, son algunhas das actividades programadas polo Concello para este Nadal.

As mesmas desenrolaranse durante máis dun mes, dende o día 1 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2018, en todas as parroquias do Porriño.

Os ‘pratos fortes’ deste Nadal serán o Acendido das luces, este venres, día 8 ás 8 da tarde, un acto amenizado polo grupo musical ‘Os Claretes’; a Festa Pre-Fin de Ano, o sábado, 30 de decembro, ás 11 da noite, na Praza de Antonio Palacios e na Carpa do Roxy, coas actuacións da Rondalla de Pontellas e a Orquestra Club Naval, e a ‘Cabalgata de Reis’, o 5 de xaneiro de 2018, ás 6 da tarde, polas rúas da vila.