O Concello ten xa un proxecto que permitirá ampliar a rede municipal de abastecemento a todas as vivendas do Contrasto que non estaban ‘enganchadas’ ao mesmo

O Concello do Porriño conta xa, nun tempo “récord”, cun proxecto, elaborado polo Consorcio de Augas do Louro, que recolle a conexión á Rede de Abastecemento Municipal, das casas do Contrasto, na parroquia de Torneiros, afectadas pola contaminación por lindano.

Tal e coma se comprometerá cos veciños deste lugar, a alcaldesa acurtou, “ao máximo”, os prazos para poder ter un proxecto-que xa é coñecido por todos os grupos da Corporación- que permita que todas as vivendas reciban auga da popularmente coñecida coma ‘traída’ e non dependan da dos pozos para o seu consumo.

A ampliación da rede de saneamento ata “todas e cada unha das casas do Contrasto que aínda non están ‘enganchadas’ ao mesmo, requirirá un investimento, aproximado, duns 350.000€”, coma explicou Eva García de la Torre aos voceiros dos grupos municipais nunha xuntanza mantido o pasado venres, día 1.

Esta cantidade, indica a alcaldesa, será asumida na súa totalidade polo Concello do Porriño, algo no que estiveron dacordo todos os representantes da Corporación que amosaron a súa conformidade en que se convoque un Pleno extraordinario no que se aprobe a habilitación urxente dunha partida orzamentaria destinada a este fin. A intención do Goberno municipal es que as obras poidan empezar en 3 meses.

García de la Torre insiste en que, coma sinalou ás veciñas e veciños nas xuntanzas que mantivo con eles, esta solución é para facer fronte, “o antes que nos sexa posible”, ao problema do subministro, “con todas as garantías” ás vivendas do Contrasto, pero en modo algún pretende resolver a acumulación de lindano baixo o chan do Porriño.

Esta última é unha labor que debe acometer a Xunta de Galicia cun “plan cuantificado e orzamentado para, en primeiro lugar, identificar e sinalizar as zonas afectadas en todo o Porriño polo depósito de lindano e, de seguido, dar unha resposta efectiva que acabe coa contaminación e os riscos para a saúde”.

Neste senso, García de la Torre vén de mandar un “oficio” ás consellerías de Medio Ambiente e Sanidade da Xunta de Galicia pedindo que se cumpran as demandas das veciñas e veciños do Contrasto que pediron que, ademais das análises na terra e na auga, se realicen probas médicas de sangue e graxa, entre outras, ás persoas residentes neste lugar para coñecer o seu estado e detectar si o seu organismo está afectado polo lindano.

Así mesmo, a Xunta de Voceiros do Concello, aprobou a proposta de crear unha ‘Comisión de Seguimento do Lindano’, na que ademáis da alcaldesa e os representantes dos grupos da Corporación, se sente, tamén, unha persoa nomeada pola Plataforma de Afectados polo Lindano, que está a piques de constituírse.

Nesta Comisión tamén se invitará a participar á Xunta de Galicia por medio de técnicos das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade.

Abastecemento ás casas e nova capa de asfalto

Como adiantara aos veciños na xuntanza que tiveron no Salón de Plenos do Concello o pasado día 17 de novembro, todas as vivendas do Contrasto que so puidesen abastecerse de auga nos seus pozos e carecesen de ‘enganche’ coa rede municipal, teñen xa uns depósitos de emerxencia de 1.000 litros cada un, cun motor, que permite que dispoñan de auga para o lavado de roupa e louza e o aseo persoal. Ademais, faise chegar a cada vivenda auga en bidóns para poder cociñar e para beber, nos dos casos, sen custo algún.

Amais, o Concello vén de contratar unha empresa autorizada para o tratamento da terra, seguindo as normas específicas do Servizo de Xestión de Residuos, para que retire a terra nas beiravías e no propio camiño no que se realizaron as obras de saneamento que levaron ao descubrimento da acumulación de lindano, antes de realizar, nuns días, un novo asfaltado, polo miúdo, desta pista, tal e como demandaran veciñas e veciños da zona.

O paro baixa un mes maís no Porriño

O paro descendeu por terceiro mes consecutivo no Porriño e a finais do mes pasado había na vila 1.639 persoas desempregadas, un dato que non se daba dende hai preto de dez anos.

Dacordo cos datos publicados este luns polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e Xunta de Galicia,a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,7%, en total 5,3 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, 500 máis que na actualidade.

En relación co mes de novembro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.836 a 1.639, o que supón que hai 197 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu preto de 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre lembra que o paro medrou en Galicia en 1.277 persoas e en 7.255 no conxunto de España mentres que no Porriño descende, polo cal amósase convencida que “as medidas que estamos a impulsar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, funcionan” e subliña entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles en base a un acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de máis de 600.000€ de fondos municipais.

García de la Torre sinala, por último, como “fundamental” para crear emprego o  feito de chegar a acordos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño, e pon coma exemplo o recen aprobado ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM), que conta cun orzamento total de 255.000€, dos cales a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia achega 204.000€ e a Concellería de Emprego do Porriño, 51.000 para facilitar que as 85 mulleres que participarán no mesmo realicen formación e prácticas en distintas empresas o cal abrirá a posibilidade “real” de que poidan entrar, ou voltar, ao mercado laboral.

En marcha o ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM) que permitirá que 85 porriñesas se formen e opten a un posto de traballo

Un total de 85 mulleres desempregadas, veciñas do Porriño, terán a oportunidade de formar e optar a un posto de traballo grazas ao ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ (PIEM), posto en marcha polo Concello do Porriño e o Goberno de Galicia.

O Plan conta cun orzamento total de 255.000€, dos cales a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega 204.000€ e a Concellería de Emprego do Porriño, 51.000 para facilitar que as mulleres que participen neste plan realicen formación e prácticas en distintas empresas, 7 das cales xa amosaron o seu interese en participar nesta iniciativa.

A concelleira de Emprego, Soledad Girón subliña que o obxectivo do ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ é, “coma todas as medidas e proxectos que estamos desenrolando dende o Goberno municipal, a de reducir a taxa de desemprego no Porriño e en especial o que padecen as mulleres”.

Para conquerilo, se realizarán accións de orientación laboral, formativas, con prácticas en empresas, “que permitirán mellorar as competencias profesionais das participantes neste plan e chegar á súa inserción no mercado de traballo”.

Para que esta finalidade sexa máis doada de acadar, as beneficiarias do Programa gozarán de “medidas que permitan conciliar o seu aprendizaxe coa súa vida familiar, coma acceso ao servizo de gardería”, indica a concelleira de Emprego.

Para participar no ‘Plan Integrado de Emprego para Mulleres’ as interesadas deberán acudir á Oficina de Emprego e solicitar na súa demanda o servizo de “Programas experimentais” (930).

Este luns, día 4 de decembro, na Aula CeMIT do Porriño, ‘Dalle luz a túa factura’

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, do concello do Porriño, emite a través de videoconferencia  a charla “ Dalle luz a túa factura”,  impartida pola “Escola Galega de Consumo”

O programa Dálle luz á túa factura pretende facilitar os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura eléctrica, para adoitar medidas de aforro no gasto eléctrico e para realizar unha reclamación nos distintos supostos que se poidan presentar en relación á contratación dos servizos prestados polas compañías eléctricas.

Os contidos da charla serán:Mercado regulado/mercado libre; comercializadoras de referencia; conceptos básicos: potencia eléctrica, ICP, CUPS; tipos de tarifas; tipos de contadores y medidas de aforro

A acitvidade será retransmitida  o vindeiro día 4 de decembro en horario de 11:00 horas a 12:00 horas, dende a  aula CeMIT do Porriño. As persoas interesadas en asistir deberán facer a súa reserva da praza na propia Aula CeMIT, no teléfono 986.338.217 ou ben enviando un correo electrónico a cemit.oporrino@xunta.gal.

Xornada de portas abertas, o vindeiro martes, día 5 de decembro, no Centro de Maiores do Porriño

O centro de día de maiores do Porriño, pertencente a rede de centros de maiores da Xunta de Galicia, celebra unha xornada de portas abertas, á cal convida a participar a todas as veciñas e veciños.

Esta xornada terá lugar o vindeiro martes, día 5 de decembro, no Centro de Día do Porriño situado no lugar de Torneiros.

As persoas interesadas en participar nos obradoiros e actividades organizadas para ese día, ou que simplemente queiran coñecer o centro, poden poñerse en contacto chamando ao teléfono 986331750, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cd.porrino@cogami.gal.

Este martes, día 28, Pleno Infantil no Concello do Porriño coincidindo co Día dos Dereitos da Infancia

Este martes, día 28 de novembro o Concello do Porriño celebra ás 12:00h. o seu Pleno Infantil no que estarán presentes alumnas e alumnos de centros educativos da vila que exporán os seus proxectos, ideas e propostas no mesmo, coincindindo coa celebración do Día dos Dereitos da Infancia, impulsado por UNICEF.

O Pleno, que estará moderado pola alcaldesa, Eva García de la Torre, seguirá o seguinte orde de intervencións, se seguindo un criterio de idades dos participantes, de menos a maior:

Proposta do Centro Santo Tomas – 3º e 4º, voceiros: Rodrigo Martín Pedrares e  Carla Márquez Vaquero.

Centro de Educación Infantil e Primaria Xosé Fernandez López – 4º, voceiros:  Raúl  Servide Sequeiros e  Irene Galloso Rodríguez.

Centro de Educación Infantil e Primaria Atios – 4º, voceiros: David Alonso  Pérez e Noa Vázquez Ojea.

Proposta do Centro de Educación Infantil e Primaria de Budiño – 5º, voceiros: Pablo Férnandez Pérez e Antía Férnandez Ramirez.

Centro de Educación Infantil e Primaria da Ribeira – 5º e 6º, voceiros:  Laura Dios Claro e Ainoha Guisande Fernández.

Centro de Educación Infantil e Primaria Antonio Palacios – 6º, voceiros: Alejandro Gómez Granja e  Marta Estevéz Alonso

Proposta do Centro ACEESCA, voceiro:  Lucas Baz  Bernández

Instituto de Educación Secundaria  Pino manso – 1º ESO, voceiros:  Noa Castaño Rodríguez,   Clara Giraldez  Fernández, Hugo Novás González, Tiago Sebastián  Fernández, Laura Barbosa Baladrón e Martin Bar Vieito.

Centro Hermanos Quiroga – 1º e 2º ESO, voceiros:Antía Martínez Márquez e Manuel Moras Fernández.

Proposta do Instituto de Educación Secundaria Ribeira do Louro – 4º ESO , voceiros: Hugo Rodríguez Iglesias e  Tatiana Rodríguez Domínguez.

As exposicións, en varios dos casos, irán apoiadas por proxeccións de vídeos ou exposicións en Power Point. As persoas interesadas en seguir o Pleno en directo poden facelo entrando no portal web do Concello, www.oporrino.org, e poden debater sobre o mesmo nas redes sociais coa etiqueta  #PlenoInfaltilPorriño.

Aberto o prazo de inscrición para o ‘Campamento de Nadal’, que organiza a Concellería de Igualdade co cofinanciamento da Deputación de Pontevedra

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade continúa a  mesma liña de actuación que en anos pasados, e “para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, organiza, de novo, o ‘Campamento de Nadal’, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.

O prazo de inscrición para o mesmo quedou aberto este luns, día 27 de novembro, e non pechará ata o 15 de decembro.

A concelleira de Igualdade, Soledad Girón, lembra que poden participar neste campamento as rapazas e rapaces residentes no Porriño que teñan entre 5 e 12 anos-os dous inclusive– e que as persoas que precisen máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller, no 3º andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 986 337429.

A Concellería de Vías e Obras sustitúe as luminarias dos polígonos industriais o que permitirá un aforro de 51.430€ anuais e reducirá as emisións de CO2 á atmosfera

51.430€. Ese será o aforro anual en subministro de electricidade que acadarán as veciñas e veciños logo da substitución das instalacións de alumeado  nos polígonos industriais do Porriño levada a cabo polo Goberno local a través da Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera.

Os traballos de substitución das lámpadas de vapor de sodio de 150 e 250 W, xa obsoletas e enerxéticamente insuficientes, por luminarias de tecnoloxía LED de 40 e 60W, non so suporán un “importantísimo aforro enerxético, senón que cumprirán cunha das premisas que nos fixaramos ao comezo do mandato: a reducións das emisións de CO2 á atmosfera”, sinala Manuel Carrera, que superarán os 70.000 quilos de dióxido de carbono anuais.

En total, e por medio dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, dentro do Plan de Habilitación e Mellora de Infraestruturas dos Parques Empresariais de Galicia, substituíronse 370 focos no Polígono de As Gándaras, o PPI6 e PPI7 instalando non so luminarias re-programadas sen fío demando, senón incorporando ás mesmas de  programadores dotados de reloxos astronómicos, que permiten un aforro adicional de enerxía.

Os novos focos teñen unha vida útil, media, de 60.000, un custo mínimo en mantemento, ofrecen un alumeado de 110 lumens por watt, “mantendo os niveis de luminosidade nesta zona tan transitada”, e permiten que a inversión feita na súa colocación estea amortizada nun período de 2 anos e medio.

O Concello instala os depósitos de auga nas casas do Contrasto afactadas polo lindano, incluindo unha das 6 vivendas que teñen pozo e que deron positivo nas últimas horas

Tal e como se comprometera a alcaldesa, Eva García de la Torre, o pasado día 17, durante a xuntanza que mantivera no salón de Plenos do Concello con veciñas e veciños do Contrasto, xunto con técnicos da Xunta de Galicia, xa están instalados os depósitos de auga a aquelas familias que non teñen mais subministro de auga que o procedente dos seus pozos.

En total, o Concello colocou 14 depósitos, de 1.000 litros e un motor en 8 casas, para bombear a auga que se utilizará para a hixiene persoal e o lavado da louza e da roupa.

Os depósitos foron debidamente hixienizados, seguindo as instrucións de dous inspectores de Sanidade- que analizaron os mesmos e certificaron a súa adecuación para conter a auga-e xa están a ser empregados polas familias afectadas que, do mesmo xeito, seguen a recibir as garrafas de auga para cociñar e beber, que so teñen que pedir ao supermercado, sen custo algún para elas.

Estes depósitos son, coma salientou a alcaldesa, unha “solución provisoria” para atender as necesidades máis urxentes das persoas que carecen de conexión coa rede municipal de abastecemento e, por tanto, so dispoñen de auga do pozo. Nas vindeiras semanas está previsto contar cun proxecto que permita conectar estas vivendas coa rede municipal de abastecemento, de xeito que todas elas reciban, “no menor prazo de tempo”, a auga da traída.

A alcaldesa sinalara naquela xuntanza que a auga da traída podía usarse con garantía, logo de que as repetidas análise realizadas á mesma por técnicos da Consellería de Sanidade deran resultados negativos a contaminación por lindano.

Así mesmo, García de la Torre comprometérase a ter informados, ao instante, ás veciñas e veciños do Contrasto, algo que se fixo puntualmente logo de que onte, venres, ás 9 da noite, a Consellería de Sanidade comunicase ao Concello que había 6 pozos  máis que deran positivo en contaminación por lindano.

Dende o Concello puxéronse en contacto cos seus donos para comunicarlles este feito e comprobouse que 4 destas familias non consumen a auga do pozo porque teñen conexión coa traída; a outra delas xa se lle dispuxeron os depósitos con auga para que teña garantido o subministro de emerxencia, e non foi posíbel contactar,aínda, cos donos da outra casa posto que non residen habitualmente na mesma. A Policía Local segue a facer as xestións para localizalos e comunicarlles os resultados das analíticas.

Este sábado, día 25, O Porriño berrará en contra da Violencia Sobre a Muller

Este sábado, día 25 de novembro, terá lugar, as 6 e media da tarde na Praza de Antonio Palacios, o Acto en Memoria das Vítimas da Violencia de Xénero co que o pobo de Porriño quere render homenaxe a todas as mulleres, nenos e nenas asasinadas polo machismo criminal.
 
Tamén hoxe, no mesmo lugar, ao redor das 7 da tarde, terá lugar a presentación de “Rap contra a Violencia de Xénero”, proxecto dirixido ao alumnado de Porriño e que cursa 2º e 3º da ESO.
 
Ás 8, no Centro Cultural Municipal, proxectarase a película “Verano 1993”, da directora Carla Simón, dentro do ciclo ‘Mulleres de Cine’. A profesora María Lameiras será a encargada de conducir o debate.
Así mesmo, segue aberto o ‘Concurso de Tweets contra a Violencia de Xénero’, que o Concello de Porriño convoca por primeira vez. Neste concurso poderán participar todas as persoas que publiquen na rede social Twitter unha mensaxe contra a violencia de xénero, debendo acompañar a publicación coa etiqueta #PorriñoDiNONVX.
 
As bases poden consultarse nas redes sociais do Concello (Facebook e Twitter), na web municipal, www.oporrino.org e na conta @Porrinodiquenon.
 
As mensaxes e os contidos poderán estar escritos tanto en galego como en castelán e entrarán en concurso todos os tuits publicados entre as 00:00 horas do xoves día 23 de novembro e as 23:59 do vindeiro luns, día 27.