Por primeira vez na súa historia, o Festival de Cans incorpora na súa Sección Oficial unha competición de curtametraxes de non ficción, que leva o nome de ‘FuraCans’.

“Deste xeito, outorga un espazo preeminente a aqueles filmes que exploran as diferentes variantes do documental e o cinema experimental, dando un novo pulo a esta sección ofrecéndolle ao público de Cans unha mostra de pezas cheas de procura estética e con xeitos de narrar afastados do convencional”.

O público pode atopar unha banda aproximacións ao documental dende unha perspectiva social, como ‘Marxes’, de Sara Chuerches (que celebrará a súa estrea absoluta en Cans); ou ‘La mujer invisible’, a curta de Noemí Chantada gañadora de tres premios en Curtocircuito, froito dunha longa e sensible investigación sobre mulleres en situación de prostitución.

Por outra banda, hai na escolma pezas que traballan con material etnográfico como ‘Salitre’ nas veas, de Adrián Canoura; ‘Rapa das bestas’, de Jaione Camborda; ou ‘Charkpen (esperanza)’ de Paulino Cadórniga. Se esta última ten un espírito fotográfico no seu rexistro dos pobos indíxenas Selk’nam en Arxentina e Chile, as curtas de Canoura e Camborda empregan recursos experimentais para achegarse ao traballo dos mariñeiros e á citada rapa das bestas respectivamente. Esta experimentación estética é común a pezas como ‘Forest’, de Guille Vázquez; ou ‘Tiempo’, de Alicia Alonso, que tamén se verá por primeira vez no Festival. Completan a selección dous filmes encadradas en proxectos ambiciosos dos seus autores: ‘Americano’, curta de Fon Cortizo sobre Emanuel Xavier, unha das voces máis representativas da escena Spoken Word de Nova York, que é parte do seu traballo prolongado arredor de poetas e o seu proceso creativo. Por último, ‘Europa’, de Hugo Amoedo, forma parte dunha “Triloxía Belga” deste cineasta galego que utiliza o formato do diario fílmico e que xa pasou por ZINEBI, ALCINE ou o OUFF.

‘El séptimo vicio’ instalarase en Cans

A programación do Festival vén de sumar outra presenza fundamental do mundo do cinema en España: Radio 3 fará unha programación especial en Cans para celebrar o 15º do certame. Javier Tolentino realizará tres días consecutivos en Cans o seu programa El Séptimo Vicio, o programa de referencia dos cinéfilos e cinéfilas.