O Goberno local do Porriño acometerá a reforma e humanización integral da Avenida de Galicia, un proxecto que disporá dun orzamento total de 600.000€ e que estará financiado con cargo ao ‘Plan Concellos 2018’ da Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, subliña que o obxectivo principal é o de “recuperar espazos públicos para os veciños” e para o cal, engade , haberá elementos que van a dar resposta ás demandas dos cidadáns”, coma un parque infantil, zonas verdes, espazos de lecer e partes que disporán de sombra de xeito que se poida gozar dos mesmos nos meses do verán.

Ao tempo que “se integra esta zona na nosa vida cotiá, creando un lugar con atractivo e personalidade propia”, tamén “apostamos polo impulso económico dunha das arterias do Porriño”, buscando o incremento de número de establecementos e negocios de todo tipo, dende hostaleiros ata de novas tecnoloxías, cubrindo un déficit dotacional e acabando coa falla de atractivo desta parte da vila pola que pasan cada día milleiros de persoas.

O prazo de realización dos traballos, unha vez sexan licitados e adxudicados, será duns 6 meses e os mesmos acometeranse sobre unha distancia total duns 450 e máis de 2.270 metros cadrados de superficie, incluíndo a medianeira que separa os carrís de cada sentido de circulación.

Considerando que a Avenida de Galicia é unha das principais vías de acceso ao casco urbano, as obras vanse realizar en dúas fases coa finalidade de reducir ao máximo as molestias que poidan ocasionar.

Os traballos, ademais das melloras dotacionais e estéticas, abranguerán unha nova rede de conexión de pluviais, instalación de luminarias e xardineiras, adiamento da praza e das beirarrúas, reposición de pavimentos e mobiliario urbano, plantación de árbores, colocación de xardíns ou a instalación dunha pérgola de folla.