A Policía Local do Porriño imparte educación vial a 215 alumnas e alumnos de centros de infantil e primaria

A Policía Local do Porriño está a desenrolar  os colexios de ensino infantil e de primaria Xosé Fernández López, Atios, Cruz-Budiño, Antonio Palacios, Da Ribeira, Santo Tomás e Hermanos Quiroga, unha campaña de educación vial que chegará a un total de 215 rapazas e rapaces.

Nunha primeira parte teórica, os axentes ensinarán aos estudantes cal é a función da Policía Local, a súa mobilidade coma peóns, o uso da bicicleta, monopatín e patíns, o transporte de mascotas, o comportamento que deben de gardar coma viaxeiros, o uso do cinto de seguridade, o casco e os sistemas de retención nos vehículos, os sinais de circulación e o 112, o teléfono de Emerxencias.

Nunha segunda parte, que será práctica, as rapazas e rapaces deberán conducir e camiñar por un circuíto aplicando o  que aprenderon nas clases teóricas. Mesmo haberá un ‘carné por puntos’ para impoñer sancións no caso de que non respecten os sinais, non sigan as normas de tráfico ou non fagan caso das indicacións dos axentes.

O Goberno local informa aos veciños do Contrasto que as análise feitas pola Xunta dan “valores moi altos” de lindano na terra onde se realizaba unha obra

Os concelleiros de Medio Ambiente, Marcelino Coto, e de Seguridade, Lourdes Moure, xunto co xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, informaron este luns ás 75 familias da Zona do Contrasto, en Torneiros, que poden estar afectados polo achado de lindano nunha obra de saneamento que se estaba a realizar nesta zona, sobre os resultados das análise feitas en terra polos técnicos da Xunta de Galicia, que ten a competencia no tratamento desta situación.

Como subliñou Marcelino Coto, as analíticas, comunicadas ao Concello pola xefa territorial de Sanidade, indican “valores moi altos de contaminación” na terra do lugar da obra que superan “en máis de 100 veces o valor de referencia”.

Coto aclarou que estas análise non teñen que ver coas das mostras de auga, que aínda están a realizarse e que se coñecerán nuns días, e asegurou que aquelas casas que teñan abastecemento de auga da traída, “non teñen risco algún”, posto que non hai filtracións de lindano neste subministro.

Sí que pediu aos veciños das 13 vivendas da zona que so teñen auga de pozo, que non usen a mesma “nin para beber nin para cociñar” e, así mesmo, que tampouco  se consuman os alimentos que puidesen ter cultivado nos terreos desta zona.

O concelleiro de Medio ambiente, quen recoñeceu que a situación é “preocupante”, pediu que non se cre alarma social e asegurou que nin os obreiros que estaban a facer os traballos de saneamento, “e que estiveron en contacto directo co lindano”, nin os persoal municipal que se achegou ao lugar “tivo reacción algunha”.

Os concelleiros, que están en “contacto diario” cos responsábeis das consellerías de Sanidade e de Medio Ambiente, aseguraron que os veciños estarán informados “en todo momento” e que se lles dará traslado, “de inmediato”, de calquera novidade que haxa.

O Concello acomete unha das obras máis importantes deste mandato:a conexión á rede de saneamento de 16 vivendas e a apertura dun novo camiño no barrio de Igrexa, na parroquia de Pontellas

Coa apertura dun novo camiño e a conexión de 16 vivendas á rede municipal de saneamento, no barrio de Igrexa, en Pontellas, o Goberno local acomete un dos traballos máis importantes do actual mandato municipal.

Como subliña Manuel Carrera, concelleiro de Vías e Obras, “este proxecto non so suporá seguir levando o saneamento a todo O Porriño, senón que fará realidade a apertura dun camiño nunha rúa que ata o dagora non tiña saída favorecendo tanto ás veciñas e veciñas de Pontellas coma aos usuarios dean Centro de Día que hai neste barrio”.

Para levar adiante esta obra vaise instalar unha tubaxe de máis de medio quilómetro que permitirá levar o saneamento a dezaseis familias. Así mesmo, para a evacuación de augas pluviais, sobre o camiño secundario se colocará unha tubaxe de PVC de máis de 100 metros e 7 sumidoiros.

Para facer posible a existencia desta nova vía, o Concello comprou unha parcela duns 350 metros cadrados e levantará varios muros de cachotería ao longo de preto de 90 metros lineais.

Toda esta obra faise con cargo ao ‘Plan Concellos 2016’ da Deputación de Pontevedra e conta cun orzamento total de 99.698,05€ que servirán para satisfacer esta  vella demanda cidadá.

Manuel Carrera lembra que este proxecto xa estaba orzamentado en 2011, cando él era concelleiro de Vías e Obras, “pero o anterior alcalde non quixo facelo, polo cal agora é unha grande satisfacción poder cumprir o compromiso que adquirira daquela coas veciñas e veciños”.

Cando estea rematada esta primeira parte do traballo, aproximadamente a finais da semana que ven, o concelleiro de Vías e Obras agarda que xa estea moi adiantada a redacción do proxecto da segunda, que abranguerá a ampliación do novo camiño e a súa pavimentación e que, como esta primeira parte, está previsto que sexa sufragada con fondos da Deputación de Pontevedra.

A Biblioteca Municipal do Porriño organiza este venres, día 10 o obradoiro “Salvar a terra dos incendios está nas nosas mans”

Este mes de novembro é o “Mes da ciencia”, e na Biblioteca Municipal do Porriño o celebran convocando un obradoiro de divulgación científica para público infantil, cun tema de enorme importancia e de moita actualidade: os incendios.

“Salvar a terra dos incendios está nas nosas mans” é o seu título e está previsto este venres 10 de novembro entre as 6 e as 8 da tarde. Trátase dun obradoiro práctico, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 13 anos para o que se require inscrición previa –pódese facer na propia Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 986337624-.

Dada a catástrofe medio ambiental que temos vivido nas últimas datas, “cremos que, dende a biblioteca podemos aproveitar este mes da ciencia para concienciar aos nosos pequenos e pequenas sobre este tema tan importante para a nosa sociedade. A través do obradoiro, impartido por dous profesionais con experiencia, darase a coñecer a riqueza medio ambiental dos nosos solos, e a perda que se produce cando sofren un incendio”.

No obradoiro analizaranse distintos tipos de solo en estado natural -fraga, matogueira, eucaliptal…- e o seu estado tras sufrir un incendio, avaliando os distintos graos de severidade do lume, así como as consecuencias que produce a auga, primeiro sobre chans en estado natural, e despois sobre chans queimados. Tamén se aprenderán técnicas de rexeneración do chan despois dun incendio, algunhas delas incluso moi divertidas.

Hai que lembrar que para asistir é necesaria a inscrición previa, e que está dirixido a un grupo moi reducido de participantes, para así poder aproveitar todas as súas ensinanzas.

A presidenta da Deputación, acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, inaugura as melloras do Campo de Fútbol do Carballo, en Atios

A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu esta mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.

No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”

Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.

As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos  e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.

Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.

En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.

O Porriño volve a liderar a creación de emprego na Área Metropolitana e a finais de outubro había traballando 500 veciños e veciñas máis que cando o actual Goberno local chegou ao Concello

O Porriño liderou en outubro, xunto con Salceda de Caselas, a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo, como xa pasara no me de setembro. A finais do mes pasado había na vila 1.642 persoas desempregadas, unha realidade inaudita no Porriño dende hai preto dunha década.

Dacordo cos datos publicados este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta da Galicia,a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,8%, en total 5,3 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

En relación co mes de outubro de 2016, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.893 a 1.642, o que supón que hai 251 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu preto de 3 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña que os actuáis datos de creación de emprego no Porriño son aínda máis esperanzadores tendo en conta que en xullo de 2015, cando o actual Goberno municipal iniciara a súa xestión, había na vila 18.500 habitantes e hoxe supera os 20.000.

García de la Torre, que fuxe de calquera tipo de confianza, reitera que “a creación de emprego é a nosa primeira preocupación e o eixe esencial da nosa xestión”. Neste eido, amósase convencida que as medidas que estamos a impulsar dende a Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Girón, “funcionan” e lembra entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Do mesmo xeito, tamén están a facilitar o descenso do paro os ‘Plans de Emprego’, posibles en base a un acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de máis de 60.000€ de fondos municipais no que vai deste ano.

A alcaldesa sinala, por último, como unha importante contribución á creación de emprego o  feito de chegar a entendementos con outras administracións, obtendo axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade das veciñas e veciños do Porriño.

A alcaldesa entregou na Aula CeMIT do Porriño os diplomas ás veciñas e veciños que adquiriron coñecementos en OpenCart, deseño con Qcad, edición ou creación de páxinas web con WordPress

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada pola concelleira de Benestar, Igualdade e Emprego, Soledad Girón, fixo entrega este xoves na  Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Rede CeMIT, do Porrriño, dos diplomas aos alumnos a alumnas que participaron nos talleres programados dende o mes de xuño.

A oferta formativa impartida, foi  moi variada; Iniciación á informática (2 edicións), Edición de imaxes con Gimp, Google APPS,  Deseño con Qcad, Crea a tua tenda virtual con OpenCart, Creación de páxinas Web con WordPress, Libre Office Base, Libre Office Calc,Ofimática con Libre Office- CODIX, e Microsoft Office Word.

A aula CeMIT impartiu máis de 220 horas de formación gratuíta, da que se beneficiaron 62 veciños e veciñas do Porriño que tiveron, así, a ocasión de mellorar non so os seus coñecementos nestes eidos, senón de mellorar as súas posibilidades de empregabilidade.

Este é, como insiste a alcaldesa, o obxectivo “principal”, da xestión do actual Goberno Municipal: “a diminución do paro no Porriño incrementando as accións, proxectos e iniciativas formativas que, como sinalan os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, permitíronos reducir o desemprego en 500 persoas e baixar o mesmo na nosa vila de máis do 24 ao 18,6%”

A Rede CeMIT , como indica Ana María Pérez Martínez, responsábel desta aula no Porriño,  configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega.

A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

A alcaldesa cualifica de “infamia” o ataque ao monumento da Volta da Moura que lembra aos veciños do Porriño asasinados polo exército franquista logo do Golpe de Estado de 1936

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto co alcalde de Salceda, Marcos Besada, o ex alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, responsábeis da ‘Asociación Levada Libre’ e familiares das veciñas e veciños asasinados polo Exército franquista denunciou este xoves o ataque sufrido polo monumento erixido o pasado mes de agosto na ‘Volta da Moura’ para lembrar aos republicanos represaliados días despois do Golpe de 1936.
 
García de la Torre cualificou de “infamia” o ataque á escultura, realizada polo artista Marcos Escudero e no que se lembra a loita pola liberdade e a defensa da democracia, da legalidade e das institucións republicanas dos veciños do Porriño Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
 
A alcaldesa, que amosouse dacordo co rexedor de Salceda, que subliñou que “somos herdeiros dos valores da República” e de Enrique Cabaleiro, quen lembrou que o monumento puxera en valor “a memoria das persoas que deron as súas vidas pola liberdade”, púxose a dispor dos familiares e da Asociación Levada Libre para que o mesmo lugar sexa un espazo emblemático de defensa dos valores democráticos e da convivencia.
 
Pola súa banda, o representante de Levada Libre, logo de citar a Nelson Mandela afirmando que “é máis doado ensinar a amar que ensinar a odiar”, propuxo deixar o lugar coma o deixaron os que o atacaron, para que se saiba que os herdeiros dos que mataron, seguen odiando, engadir un caixón, coma unha caixa para o correo, no que “quen queira insultarnos o poda facer e se quere poñer o seu nome”, pediu plantar no lugar tres oliveiras, cada unha delas procedente dos concellos do Porriño, Salceda e Tui, e adiantou o proxecto de facer unhas xornadas, con historiadores especialistas na II República, para que conten a verdade do que aconteceu dende 1936.

O Concello dalle a palabra aos estudantes dos distintos centros públicos da vila e segue adiante coa proposta para que O Porriño sexa Cidade Amiga da Infanciaque promove UNICEF

Como adiantara o mes pasado, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, xa está en marcha o proxecto que permitirá que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos do Porriño, poidan expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupen, así como tamén achegar as propostas de solución que consideren, co compromiso de que serán tidas en conta polo Goberno Municipal.

Así mesmo, Lourdes Moure, que este xoves estivo no CEIP da Ribeira, lembra que o Concello presentará a candidatura para que O Porriño obteña o‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’, que promove UNICEF, e polo tanto camiñar cara unha política local de infancia baseada nun diagnóstico da realidade dos nenos e nenas e da localidade, realizada de forma participativa.