Nenos e nenas do Porriño, integrantes do Consello Municipal de Infancia, participaron nun novo Pleno Infantil que tivo lugar esta mesma semana no Concello.

A orde do día incluía a aprobación dun borrador de regulamento para este  Consello Municipal de Infancia, e o debate e aprobación de propostas relativas a Infraestruturas e Medio ambiente.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, tivo a oportunidade de presidir un pleno moi animado, no que a concelleira de Educación, Lourdes Moure, actuou como secretaria, durante o cal cada un das voceiras e voceiros dos centros expuxo o resultado do traballo feito nos “obradoiros de participación”, convocados durante as últimas semanas nas súas aulas.

Entre as decisións adoptadas cabe subliñar a aprobación por unanimidade da realización dun “Pinchorriño infantil” con produtos saudables que terá lugar no vindeiro mes de setembro, coincidindo coas festas locais.

O Pleno Infantil, que foi retransmitida en directo pola web municipal, oporrino.org, contribúe a consolidar o Consello Municipal de Infancia, como un órgano de participación infantil e adolescente, de carácter consultivo e informativo, que representa ao conxunto das rapazas e rapaces do Porriño.

Esta iniciativa forma parte da candidatura do Porriño para o seu recoñecemento coma por parte de UNICEF coma Cidade Amiga da Infancia e, coma salientou a alcaldesa, “contribúe a facer un concello mais transparente, próximo e sobre todo, coñecedor das opinións, intereses e necesidades dos veciños e veciñas mais novos”.