A alcaldesa, Eva García de la Torre, manterá este venres, día 20, ás 12 e media, na delegación da Xunta en Vigo, unha xuntanza con técnicos e representantes políticos do Goberno de Galicia para tratar sobre as actuacións que se puxeron en marcha dende que se detectara a presenza de lindano no barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros.

Na reunión, na que estarán presentes, entre outros cargos da Xunta, Andrés Paz-Arez Rodríguez, director xeral de Saúde Pública,  Ángel Gómez Amorín, subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde,  Xurxo Hervada Vidal, subdirector xeral de Información sobre saúde de Epidemioloxía, Mª Cruz Ferreira Costas, Directora xeral de Calidade Ambiental e  Cambio Climático ou  Carlos Calzadilla Bouzón, subdirección xeral de Avaliación Ambiental, a  alcaldesa coñecerá o informe sobre o estudo de solos, a situación en relación coa toma de mostras de auga para o seguimento de traídas, pozos e fontes, o estado da redacción do proxecto de descontaminación e acometerase a actualización da situación en relación co estudo epidemiolóxico.

Eva García de la Torre exporá as iniciativas acometidas polo Goberno local e as previstas para as vindeiras semanas, entre elas o desenrolo do  proxecto para levar a rede municipal de saneamento a todas e cada unha das casas afectadas polo lindano, unha obra orzamentada en máis de 350.000€ e que sufragará o Concello do Porriño.