O posto da campaña ‘O que se enchufa, recíclase’ está aberto na Praza de Antonio Palacios e as persoas que se acheguen ao mesmo levarán un agasallo para casa

Coa finalidade de informar e concienciar ás veciñas e veciños do Porriño sobre a reciclaxe de residuos e aparellos electrónicos, dende o pasado martes, e durante os días 23, 24, 25, 26, 27 e 30, haberá un posto desta campaña ‘O que se enchufa, recíclase’ situado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, no que se dará ás persoas que se acheguen unha breve explicación sobre qué son e onde se poden depositar estes aparellos unha vez deixen de funcionar.
O posto está aberto os días sinalados de 11 a 14 horas e de 16 a 19 h., e as veciñas e veciños que se acheguen ao mesmo poderán participar nun sinxelo xogo de ruleta grazas ao cal marcharán cun agasallo para casa.

‘Recoméndoche un libro’, impulsado por @festivaldecans, e que ten a Biblioteca Municipal do Porriño coma colaboradora, convocan o III Concurso ‘O Ollo de Vidro’

As entidades organizadoras do proxecto “Recoméndoche un libro”, entre as que figura o Festival de Cans e a Biblioteca Municipal do Porriño, coma colaboradora, convocan o III concurso “O Ollo de Vidro” para premiar os traballos audiovisuais máis valorados de entre os participantes nese proxecto.

Poderán participar no concurso, cuxas bases poden consultarse premendo aquí, todas aquelas persoas e colectivos que o desexen enviando un vídeo ao enderezo de correo electrónico: recomendocheunlibro@gmail.com.

Os traballos audiovisuais, que poderán tratar sobre calquera libro ou tema e non poderán superar os 3 minutos de duración, terán que estar en galego, e poden abranguer  críticas literarias, booktrailers, booktube ou calquera tipo de proxecto audiovisual dirixido á animación lectora.

A Fiscalía rexeita a denuncia do Grupo Municipal Popular contra a alcaldesa pola modificación orzamentaria de xuño de 2017

A Fiscalía da Área de Vigo ven de comunicar á  alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, que “non iniciará actuacións de clase algunha” e solicita o arquivo da denuncia presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular en data 23 de novembro de 2017, na que sinalaba coma constitutiva de delito “a tramitación polo plenario do Concello do expediente de modificación orzamentaria número 2 creto extraordinario e suplemento cto./2017 e recoñecemento de creto en favor de diversos acredores por importe de 2.114.426,13€”.

A Fiscalía esgrime, entre outros motivos para desestimar estas dilixencias de actuación penal, varios informes do interventor e do secretario municipal, que apuntan distintos erros na denuncia formulada polo Grupo Municipal do Partido Popular- entre eles que alude a feitos que non se refiren ao expediente tratado no Pleno de 16 de xuño de 2017, senón á modificación orzamentaria aprobada polo Pleno de 27 de xullo” por un importe de 2.174.982,80€-, ou que os gastos incluídos no expediente “corresponden a facturas expedidas nos anos 2014 a 1016, polo que resulta no posible a súa imputación directa ao orzamento de 2017”.

O ministerio público sinala, tamén que os devanditos informes advertían da posibilidade de interpoñer un recurso contencioso-administrativo antes do 20 de decembro de 2017 e que, sen embargo, “o 23 de novembro presentouse ante esta Fiscalía a denuncia que deu orixe ás presentes dilixencias de investigación penal” o cal, a xuízo da Fiscalía, ao non terse interposto ese recurso contencioso-administrativo e non haber pronunciamento do xulgado competente, “lévanos á conclusión de que non contamos con elementos de proba para poder instar a iniciación dun procedemento penal”, e “procede o arquivo das presentes dilixencias”.

A alcaldesa comparece este mércores nun Pleno Extraordinario do Concello

Tal e como anunciara, a alcaldesa do Porriño comparece este mércores,día 24 de xaneiro, a petición propia, nun Pleno no que dará resposta, polo miúdo, ás novas publicadas, nalgúns medios de comunicación, sobre  a suposta contratación irregular de servizos municipais.

Eva García de la Torre entende que “é diante das veciñas e veciños do Porriño e da súa Corporación Municipal onde teño que dar estas explicacións para tranquilizar ás porriñesas e porriñeses e deixar claro que non hai trama algunha para saltarse a lei”.

A Consellería de Medio Ambiente, coa financiación do Concello do Porriño, iniciou este martes no Contrasto as catas nos lugares”onde hai evidencias da presenza de refugallos de lindano soterrados”

A Consellería de Medio Ambiente, coa financiación do Concello do Porriño, que asume o pago dos 12.000€ do custo de realizar estas obras, vén de iniciar este martes, día 23 de xaneiro, a investigación polo miúdo dos tres camiños do Contrasto “onde hai evidencias da presenza de refugallos de lindano soterrados”, segundo informou ao Concello a subdirección xeral de Avaliación Ambiental.

O pasado venres, día 19, os técnicos da Xunta xa fixeron un recoñecemento do terreo e sinalaron os puntos nos que realizarán as gabias. Os traballos, como indicaron as técnicas da empresa APP Plus, contratada pola consellería, consistirán na apertura destes foxos na estrada, para confirmar a existencia do residuo, realizar medicións, tomar mostras e facer análises de cara a ter todos os datos precisos para elaborar o proxecto de recuperación do lugar.

Cunha pa escavadora fixéronse os primeiros cortes no asfalto, abrindo un foxo no cal as especialistas recolleron mostras de pedra e area antes de tapar o oco. Os foxos pecharanse cada día, sinala Medio Ambiente, deixando sempre un nivel de pedrullo limpo na superficie, antes do asfaltado completo final.

A previsión é a de facer entre 25 e 30 catas no prazo dunha semana, estudar se hai residuos de isómeros Alfa e Beta do lindano, tomar medidas de espesor e profunidade das escavacións e calcular a cantidade de refugallos que hai de cara á súa retirada.

Estes traballos, coma todos os que se fixeron durante os últimos meses no Contrasto, ata hoxe, coma o asfaltado a retirada de terra, o subministro de auga, os motores que permiten que a mesma chegue ás casas ou a limpeza, que superan en total os 152.000€ foron asumidos, na súa totalidade, polo Concello do Porriño, maila a que a competencia  nesta materia é exclusiva da Xunta de Galicia.

O Porriño, por medio da Concellería de Medio Ambiente, súmase á campaña ‘O que se enchufa recíclase’, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente do Goberno de Galicia

Durante os días 23, 24, 25, 26, 27 e 30 deste mes de xaneiro, o Concello do Porriño, por medio da Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Marcelino Coto, súmase á campaña “O que se enchufa recíclase” promovida pola  Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Como sinala o concelleiro, “con esta campaña búscase a concienciación para a reciclaxe de residuos e aparellos electrónicos” , coñecidos como RAEE, a través dos puntos de venda dos mesmos e, ao mesmo tempo, informar dos dereitos e obrigas que que establece a lei tanto a consumidores coma a distribuidores deste tipo de aparellos.

Os aparellos eléctricos e electrónicos son produtos moi complexos, con moitos materiais e distintos tipos de pezas. Nos mesmos pode haber, metais, madeiras, plásticos, cartón ou cristal líquido, por exemplo: un teléfono móbil ten ata 40 tipos de materiais e terras raras que teñen un alto valor.

Por isto último, recuperar eses materiais é un novo xeito de ‘minería urbana’, respectuosa coa contorna, co medio ambiente e que favorece o aforro de recursos naturais.

Coa finalidade de informar ás veciñas e veciños do Porriño de todos estes temas, haberá un posto desta campaña situado na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, no que se dará ás persoas que se acheguen unha breve explicación sobre qué son e onde se poden depositar estes aparellos unha vez deixen de funcionar.

As veciñas e veciños que se acheguen a este posto poderán participar nun sinxelo xogo de ruleta grazas ao cal marcharán cun agasallo para casa.

Técnicos da Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de persoal do Concello, empezan a realizar catas o martes que ven na zona de Pereira-Contrasto para establecer zonas nas que puidese haber lindano

O vindeiro martes, día 23, dende as 10 e media da mañá, técnicos da Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de persoal do Concello do Porriño, empezarán a realizar diferentes catas en Pereira -O Contrasto, da cara a establecer as zonas nas que puidese atoparse lindano.

Os traballos, que contarán con especialistas da empresa App Plus, contratada pola Xunta de Galicia, durarán unha semana e consistirán na apertura de foxos, a recollida de mostras, o peche das fochas con grava e a análise das mesmas. 

A alcaldesa comparecerá este mércores nun Pleno, a petición propia, para dar resposta, aos veciños e á Corporación, das novas sobre unha suposta contratación irregular de servizos municipais

O vindeiro mércores, día 24 de xaneiro, ás 5 da tarde, a alcaldesa do Porriño comparecerá, a petición propia, nun Pleno no que dará resposta, polo miúdo, ás novas publicadas, nalgúns medios de comunicación, sobre  a suposta contratación irregular de servizos municipais.

Eva García de la Torre, que pediu presentarse de xeito voluntario, entende que “é diante das veciñas e veciños do Porriño e da súa Corporación Municipal onde teño que dar estas explicacións para tranquilizar ás porriñesas e porriñeses e deixar claro que non hai trama algunha para saltarse a lei”.

A alcaldesa exporá os seus argumentos e someterase ás preguntas da oposición,porque entendo que é o correcto e porque as miñas veciñas e veciños e os membros da Corporación merecen esas explicacións e quero adiantarme a darllas de xeito exhaustivo”.

García de la Torre subliña que, “ata o día de hoxe, maila o publicado por algún medio que semella ter máis información da que teño eu”, non se lle citou a declarar coma investigada e “non se me comunicou a apertura de dilixencia algunha contra min”.

A alcaldesa subliña que ante a aparición deste tipo de novas, “a Fiscalía fai o que debe de facer: investigar” e, “como fixen sempre, e así seguirá sendo, estou á completa, total e enteira disposición das autoridades administrativas ou da orde xurisdicional”.

A alcaldesa aposta polo futuro da vila durante a presentación do libro ‘O Porriño. Historia e Patrmonio Cultural’, de Xosé Ramón Paz Antón e o fotógrafo Xulio Gil

A alcaldesa presentou este xoves, nun Centro Cultural Municipal ateigado, o libro “O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural”, do que son co-autores o historiados porriñés   Xosé Ramón Paz  Antón e o fotógrafo  Xulio Gil.

Eva García de la Torre, quen amosouse especialmente “ilusionada e emocionada” cualificou a obra de “imprescindible” tanto para coñecer a historia da vila, coma para estar orgullosos do noso pasado e, principalmente, para ser conscientes do feito de que temos a obriga de coidar e conservar “o noso patrimonio cultural, natural, arquitectónico, etnolóxico e social”.

O libro, como salientaron os seus autores, amosa a riqueza da historia do Porriño no que deixaron a súa pegada os viquingos ou árabes,  que viu loitas mediavais e o dominio da Igrexa, que foi o pasto do lume prendido nas invasións de portugueses e franceses, que dependeu de Baiona e Salvaterra, que deu o considerado vestixio máis antigo da Humanidade, que veu nacer a ministros, sindicalista, grandes militares que acompañaron na loita ao mesmo Simón Bolívar, ou a un dos xenios da arquitectura, tales foron os nomes de Antonio Pallares, Laureano Alonso, Francisco Pérez Leirós e, especialmente, Antonio Palacios; unha vila que tiña un pan apreciado en todos os reinos da península, que viviu a emigración, os movementos obreiro e agrario, as dúas repúblicas, a Guerra Civil, os asasinatos do franquismo e o nacemento dunha industria que é hoxe un dos sinais identificativos do Porriño.

O Porriño do futuro

A alcaldesa pechou o acto facendo unha exposición do que na súa opinión debería ser O Porriño do futuro e que, salientou, pasa por recuperar a vila para as súas veciñas e veciños, para os seus cativos e para os mais novos.

Eva García de la Torre, lembrou que hoxe os coches ocupan o 70% do espacio urbano do Porriño, que conta con numerosas barreiras arquitectónicas e aceras estreitas ou  que hai grnades zonas que poderían recuperarse para as persoas, sen obras faraónicas ou inversións multimillonarias.

A alcaldesa apostou por reconquistar para os cidadáns lugares coma a Avenida de Antonio Palacios e o entorno do Centro Cultural a Praza de San Sebastián ou a Avenida de Galicia que conta xa cun proxecto que permitirá facer un “espacio máis amable” con elementos que chamen aos cidadáns a ocupalos e facer deles “lugares de convivencia”.