A Concellería de Limpeza, que dirixe Orlando Márquez, iniciou a principios de mes o desborde dos camiños, corte de maleza, retirada de silvas, saneamento de pontes e sendas, corte de herbas, roza, poda e o aviado de pistas e beiravías.

Os traballos seguirán de xeito “ininterrompido” ata finais de setembro – principios de outubro e abranguerán todas as parroquias, tal e coma se fixo xa os anos pasados.

Márquez subliña que dende hai tres semanas estes traballos están a realizarse en Atios, Mosende e Cans e nos vindeiros días seguirán por Torneiros, Chenlo, Budiño, Pontellas e Porriño.

Na actualidade son catro as brigadas as que están realizando esta labor que, “en canto complete todas as parroquias volverá a comezar”, salienta o concelleiro, de xeito que “actuaremos durante os meses nos que hai máis risco de incendios”.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, lembra que o ano pasado a actuación de prevención, “rozando e desbordando, facendo un traballo constante durante meses de coidado dos camiños, quitando a maleza e mantendo limpas as pistas e beiravías, tivo coma resultado que os danos dos lumes no Porriño fosen moitísimo menores que noutros concellos”.