Un ano máis, o Festival de Cans chega á súa fin e faino por todo o alto, coa entrega dos premios desta 15ª edición pero tamén co audiovisual, a música e os encontros máis interesantes. Ás 11 da noite desvelarase no Torreiro cales son as obras que acadan un lugar no palmarés de entre as diferentes seccións que o público terá oportunidade de ver nos baixos e jalpóns ao longo do día: Ficción, Animación e Non ficción (FuraCans).

Ademais do filme gañador en cada unha destas categorías, premiaranse as mellores interpretacións masculina e feminina, a mellor realización, o mellor guion, a mellor banda sonora, o premio do público e o premio do xurado dos veciños. Estes galardóns uniranse ao que coñecimos onte: “Omertá”, de Gero Costas para BALA, foi a peza premiada polo xurado de videoclips.

Premio do xurado de videoclips: “Omertá”, de Gero Costas para BALA

Ao remate da gala os míticos rockeiros madrileños Burning serán os encargados de poñer o broche de ouro ao Festival co seu repertorio cheo de clásicos, pechando un día que ten tamén como momentos moi esperados os Coloquios na Leira con Fernando Trueba (ás 12h00) e Gracia Querejeta (ás 17h00). Por primeiro ano esta sección está presente en Cans por partida dobre, dando ao público a oportunidade de escoitar as experiencias e opinións destas dúas grandes figuras do cine español. Ambos cineastas colocarán tamén a súa estrela no Torreiro ao remate dos seus coloquios.