@festivaldecons chega este sábado ao seu ‘día grande’ con 16 horas de actividades e programación

O Festival de Cans chega este sábado ao seu ‘día grande’ cun programa de 16 horas seguidas que arrancaron ás 10 da mañá co ‘CanSonoro’, o roteiro musical con Xurxo Souto que saíu da  Rotonda do Can.

Á mesma hora, empezou o primeiro pase matinal da Sección Oficial de Ficción e Animación; ás 10 e media será o momento e ‘Contra o lume’, coa proxección de pezas audiovisuais arredor do problema dos incendios, no Jalpón de Alicia; ás 11 ‘MiniCans’, coa Proxección de curtametraxes da iniciativa Participa Méliès, no Baixo de Carlos

Ao mediodía será o ‘Coloquio na Leira’ co director Fernando Trueba, no  Espazo Mahou da Leira de Alicia; a 1 da tarde hi dúas actividades: ‘MiniCans’, cunha retrospectiva de videoclips de Magín Blanco, no Baixo de Carlos, e Pasarrúas, coa  Banda de Música de Rubiós, con saída da Rotonda do Can.

A 1 e cuarto, Trueba destapa a súa estrela no Torreiro de Cans e 15 minutos máis tarde será a hora do segundo pase matinal da Sección Oficial de Ficción e Animación; de novo, ‘MiniCans’, co concerto de Magín Blanco, no Parque do Río e a Sesión vermú, coa Banda de Música de Rubiós, no Torreiro de Cans.

Ás 3 e media: Pasarrúas coa Charanga Nova Jomada, desfile de chimpíns, pola parroquia; ás 4 da tarde: ‘Dálle caña!’, un encontro de curtametraxistas das seccións de ficción e animación, no Espazo Mahou da Leira de Alicia e estrea de ‘Sevilla y Gomorra’. Co director Ángel Filgueira, no Cuberto de Mucha do Peso; a esa mesma hora, ‘MiniCans’: A caixiña de mistos. Inicio de proxeccións periódicas de curtametraxes, no Parque do río; Obradoiro de curtametraxes con Mr. Misto, tamén no Parque do Río e, ás 4 e media, Concerto: Mounqup, no Cans Voulevar.

Á mesma hora: Primeiro pase de tarde da Sección Oficial de Ficción e Animación, en varios espazos; ás 4 e media, de novo ‘MiniCans’: Espectáculo O cinematomago, co Mago Paco, no  Cuberto de Pato.

Ás 5 da tarde, ‘Coloquio na Leira’, con Gracia Querejeta, no Espazo Mahou da Leira de Alicia; primeiro pase de FuraCans: Sección Oficial de Non ficción, na Casa de Mari; Therefilme, con Paulo Nimoy, dentro de ‘Minicans’, no Cuberto de Antonio.

Ás 6 da tarde, Audiovisual e música: avance do documental Kevin vs. Ray + concerto de Kevin Weatherill. Coa presenza dos directores Eduardo Herrero e Manuel Lemos e o produtor Enrique Otero, no Cuberto e Invernadoiro de Mucha do Peso; 6 e media: concerto de Pardo, no Cans Voulevar; ‘Dálle caña!’ Encontro de curtametraxistas das seccións FuraCans e ExtraCans, no Espazo Mahou da Leira de Alicia.

Ás 7 da tarde, ‘MiniCans’: Contacontos ilustrado Unha vida de cine, con Polo Correo do Vento no Cuberto de Pato; 7 e cuarto: colocación da estrela de Gracia Querejeta, no Torreiro de Cans e ás 7 e media, concerto de Familia Caamagno, tamén no Torreiro de Cans.

Ás 8 da tarde, de novo ‘Minicans’, coa proxección das pezas realizadas no obradoiro de curtametraxes de Mr. Misto, no Parque do Río; ás 8 e media: ‘ExtraCans’: proxección de curtas internacionais con vínculos profesionais a Galicia. Coa presenza das e os cineastas , no Jalpón de Alicia; segundo pase de FuraCans: Sección Oficial de Non ficción, na Casa de Mari; Audiovisual e música: retrospectiva Rubén Domínguez: Unha década de creación (2008-2018) + Concerto de Pantis, no invernadoiro e Cuberto de Mucha do Peso; ‘MiniCans’: Proxección de curtas producidas por Chelo Loureiro, coa súa presenza, no Cuberto de Antonio e ás 9 menos cuarto: eegundo pase de tarde da Sección Oficial de Ficción e Animación.

Ás 10 da noite, no Cans Voulevar: concertó de Tanxugueiras; Sesión Discochimpín, con  Edu Romero DJ, no Espazo Mahou da Leira de Alicia; ás 11 da noite, entrega de premios | Torreiro de Cans.

Ás 12 e media da noite, concertó de Burning, no Torreiro de Cans e, ás 2 da mañá, no mesmo lugar: Sesión Discochimpín co DJ Rafa Morcego.

@festivaldecans entrega os seus premios e recibe a Fernando Trueba e Gracia Querejeta

Un ano máis, o Festival de Cans chega á súa fin e faino por todo o alto, coa entrega dos premios desta 15ª edición pero tamén co audiovisual, a música e os encontros máis interesantes. Ás 11 da noite desvelarase no Torreiro cales son as obras que acadan un lugar no palmarés de entre as diferentes seccións que o público terá oportunidade de ver nos baixos e jalpóns ao longo do día: Ficción, Animación e Non ficción (FuraCans).

Ademais do filme gañador en cada unha destas categorías, premiaranse as mellores interpretacións masculina e feminina, a mellor realización, o mellor guion, a mellor banda sonora, o premio do público e o premio do xurado dos veciños. Estes galardóns uniranse ao que coñecimos onte: “Omertá”, de Gero Costas para BALA, foi a peza premiada polo xurado de videoclips.

Premio do xurado de videoclips: “Omertá”, de Gero Costas para BALA

Ao remate da gala os míticos rockeiros madrileños Burning serán os encargados de poñer o broche de ouro ao Festival co seu repertorio cheo de clásicos, pechando un día que ten tamén como momentos moi esperados os Coloquios na Leira con Fernando Trueba (ás 12h00) e Gracia Querejeta (ás 17h00). Por primeiro ano esta sección está presente en Cans por partida dobre, dando ao público a oportunidade de escoitar as experiencias e opinións destas dúas grandes figuras do cine español. Ambos cineastas colocarán tamén a súa estrela no Torreiro ao remate dos seus coloquios.

O Goberno local leva a cabo traballos de desborde, roza e aviado de camiños, pistas e beiravías para previr os incendios e que o ano pasado fixeron que O Porriño fose un dos concellos menos afectados polo lume

A Concellería de Limpeza, que dirixe Orlando Márquez, iniciou a principios de mes o desborde dos camiños, corte de maleza, retirada de silvas, saneamento de pontes e sendas, corte de herbas, roza, poda e o aviado de pistas e beiravías.

Os traballos seguirán de xeito “ininterrompido” ata finais de setembro – principios de outubro e abranguerán todas as parroquias, tal e coma se fixo xa os anos pasados.

Márquez subliña que dende hai tres semanas estes traballos están a realizarse en Atios, Mosende e Cans e nos vindeiros días seguirán por Torneiros, Chenlo, Budiño, Pontellas e Porriño.

Na actualidade son catro as brigadas as que están realizando esta labor que, “en canto complete todas as parroquias volverá a comezar”, salienta o concelleiro, de xeito que “actuaremos durante os meses nos que hai máis risco de incendios”.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, lembra que o ano pasado a actuación de prevención, “rozando e desbordando, facendo un traballo constante durante meses de coidado dos camiños, quitando a maleza e mantendo limpas as pistas e beiravías, tivo coma resultado que os danos dos lumes no Porriño fosen moitísimo menores que noutros concellos”.

Suspendida a VI edición do ‘Triatlón Concello do Porriño” por mor da explosión en Tui

O Goberno local do Porriño, dacordo cos organizadores da VI edición do ‘Triatlón Concello do Porriño”, logo da explosión ocorrida no barrio de Paramos, en Tui, veñen de decidir a suspensión da proba que ía disputarse o vindeiro sábado día 26 de maio. Hai que lembrar que parte do percorrido do triatlón  estaba previsto que transcorrise polo concello de Tui.

O Goberno local do Porriño e a organización da proba, estudan posibles datas para a súa celebración.

A concelleira de Educación acompaña a alumnas e alumnos de varios centros do Porriño ás primeiras actividades do @festivaldecans

Este mércores, a concelleira de Educación, Lourdes Moure, participou xunto con alumnas e alumnos de ACEESCA, o C.P.R. Santo Tomás e do IES Ribeira do Louro, en dúas actividades que están a desenrolarse dentro do XV Festival de Cans: ‘Cans do Futuro’ e os ‘Roteiros Cinéfilo-Literarios’, con Carlos Meixide.

No primeiro deles as rapazas e rapaces asistiron, da man de Keka Losada, presidenta da Asociación Arela, organizadora do festival, a varias proxeccións no ‘Baixo de Bugarín’. Os estudantes tiveron a oportunidade de ver, es estrea, de parte do ‘making of’ da pasada edición de Cans, a de 2017, ademais de unha das curtas e coñecer, de primeira man, todo o que hai ao redor da montaxe e posta en marcha do festival e das persoas que o fan posible, empezando polas propias veciñas e veciños da parroquia de Cans, pasando polos integrantes da organización, os técnicos, actores, directores, realizadores ou invitados.

Doutra banda, os participantes no Roteiro, estiveron nos lugares mais salientables e coñecidos do festival, empezando polo ‘Torreiro de Cans’ onde están as estrelas dos realizadores e actores que pasaron polo certame- dende a primeira, a do lucense Luís Tosar, ata as deste 2018, que serán as do director, gañador dun Oscar,  Fernando Trueba, e da directora Gracia Querejeta-, o Parque do Río ou os baixos de Carlos, Moncho ou Bugarín, a Leira de Alicia-onde se fan os coloquios cos invitados- o Cuberto de Mucha do Peso ou o Jalpón de Alicia, ademais de facer un repaso dos quince anos de historia do Festival polo que cada ano pasan milleiros de persoas.

Todo listo para a III Feira do Pan do Porriño

Todo está xa preparado para a que será a III Feira do Pan do Porriño que este 2018 celébrase os días 1 e 2 de xuño, venres e sábado, na Praza de San Benito e que, como todos os anos conta co patrocino do Concello do Porriño, por medio da Concellería de Comercio que dirixe Marcelino Coto.

O programa desta edición abrague unha importante variedade de propostas, entre elas maridaxes, show cooking, convinación do pan con produtos da zona, obradoiros para nenas e nenos, música e, coma novidade, o 1º Certame ‘ Empanadas no Ring’, un concurso pensado para para coñecer cal é a mellor empanada das parroquias da vila- Atios, Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Porriño ou Torneiros-.

Os interesados e interesadas en participar neste concurso poden inscribirse, de balde, ata o vindeiro mércores 30 de maio, mandando un correo ao enederezo electrónico  comunicacion@acipor.es. O mesmo debe conter o nome de 5 integrantes do equipo que se presenta e o teléfono do ‘capitán ou capitana’ do mesmo, para poder comunicarse coa organización.

Programa

O programa da Feira empezará o venres, día 1, ás 7 da tarde, coa apertura da mesma e a degustación, gratuita, de 200 racións de pan, xamón e cerveza artesán.

O sábado, día 2, os 15 postos da Feira,  formados por 8 panaderías- Argibay, Amaquía, O Forno de Mosende, Chinchina, Panadería Torneiros, Los Milagros, Erundina e O Progreso- e 7 de diferentes produtos, coma marmeladas, cervexas, embutidos, viño, licores, mesmo o famoso Requeixo de As Neves, abrirán ás 10 da mañá.

Ás 10 e media será  o momento da ‘Animación na rúa’, coa actuación da Charanga OT. A mesma dará paso, ao mediodía, ao pregón, que este ano será a cargo da cociñeira porriñesa Marta Rodal, que compaxina o seu posto de directora da Escola de Cociña ‘O Xogo da Ola’, co traballo no Restaurante Jorge Lorenzo. No mesmo tmén intervirán o concelleiro de Comercio, Marceino Coto, e a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Ás 12:30 horas empezará o show cooking  ‘Maridaxes do Pan do Porriño con produtos artesáns’, a cargo das alumnas e alumnos da Escola EFA A Cancela.

Xa pola tarde, ás 5, empezará a xornada do ‘Mini Pan’ co obradoiro infantil no que as cativas e cativos aprenderán a facer pan; ás 7 da tarde coñeceranse as gañadoras e gañadores do Certame ‘Empanadas no Ring’ e ás 9 da noite será a clausura da edición da Feira do Pan deste ano.

Máis de 200 triatletas tomarán a saída o vindeiro sábado, día 26 de maio, no VI Triatlón Concello do Porriño

Máis de 200 triatletas– o número aínda pode aumentar dado que o prazo de inscrición non remata ata as 12 da noite de mañá– tomarán a saída o vindeiro sábado, día 26, no Triatlón Concello do Porriño.

A proba, que foi presentada este luns, pola alcaldesa, Eva García de la Torre; o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, o presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Suris; o Comandante Naval do Miño, Ignacio Tobarra García; o Cabo da Garda Civil de Tráfico da agrupación do Porriño, Alberto Pérez, e o deportista, Kike Morán, chega a este ano a súa sexta edición sendo, segundo o propio presidente da Federación Galega, unha das máis importantes que se disputan en Galicia.

Kike Morán salientou a importancia de que xunto coas e cos triatletas que disputarán a proba central, haxa 45 rapazas e rapaces de 4 a 10 anos que competirá no ‘MiniTriatlón’, o cal salientou, asegura a permanencia desta modalidade.

Son os máis cativos os primeiros que abrirán a competición, ás 12 menos cuarto da mañá, na piscina Municipal, nadando 25 metros; de seguido, montarán nas bicicletas para facer 700 metros, pasando polo Cristo dos Cachos, ata a Igrexa de Santa María e, finalmente, correrán 300 metros ata a Praza de Antonio Palacios, diante do Concello.

Pola súa banda, os triatletas que competirán na proba absoluta, sairán ás 5 da tarde-categoría masculina e 5 e 10 minutos, a feminina- do Porto Deportivo de Tui para nadar 750 metros no Miño; logo farán a primeira transición na Comandancia Naval do Miño, collendo a bicicleta para completar 20 quilómetros ata a rúa Domingo Bueno onde, xa na segunda transición, sairán correndo para completar, nun circuito polo centro do Porriño, 5 quilómetros de carreira.

Estímase que os primeiros clasificados fagan un tempo por debaixo da hora e que prácticamente todos os competidores completen a proba en 1 hora e 30 ou 1 hora 40 minutos.

Manuel Carrera, que foi ciclista profesional, amáis de subliñar a esixencia desta proba, transmitiu a súa noraboa a todos os participantes, clubes, organizadores, colaboradores, patrocinadores  e voluntarios que fan do Triatlón do Porriño, unha cita xa imprescindible no calendario deportivo.

Carrera tivo unha lembranza especial para a triatleta porriñesa Meri Ferreira, participante habitual nesta proba, que morreu o ano pasado.

Pechou o acto a alcaldesa amosando a súa ledicia pola alta participación feminina, reclamando para as mulleres o mesmo trato e o mesmo espazo que os homes e asegurando que as participantes e os participantes contarán, como sempre, co agarimo e o calor das veciñas e veciños do Porriño.

Noemí García, finalista do concurso ‘La Voz Kids’, de Telecinco, actúa este domingo, ás 6 da tarde no Porriño, coma integrante de ‘Os MaiS’on fire’

Noemí García, finalista do concurso de Telecinco ‘La Voz Kids’, actúa este domingo, ás 6 da tarde, na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, coma integrante de ‘Os MaiS’on fire’,  un grupo de alumnos da Escola de Música e Danza MaiSon, do Porriño.

Xunto a ela forman parte ds ‘Os MaiS’on fire’, Alba-canto e piano-, Laura- canto, piano e guitarra-, Miguel-guitarra- e Íker – canto, piano, guitarra e percusión-.

@depo_es inicia as obras da glorieta do lugar da Costeira, na intersección de Cerquido-Budiño

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar nesta semana as obras da nova glorieta de ordenación do tráfico no cruce  da intersección da estrada provincial EP-2405 Cerquido-Budiño con dúas vías municipais no lugar de A Costeira.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xa están derrubadas a antiga marquesiña de autobús e os galpóns expropiados para ampliar a zona de actuación, e tamén se están a realizar estudos sobre as canalizacións existentes na zona co que o persoal técnico denomina unha ‘toupeira’. Estímase, segundo o nacionalista, que se non se producen complicacións a obra poderá estar rematada no mes de xullo.

O concelleiro de Vías e Obras Manuel Carrera, que estivo visitando os traballos, subliña que os mesmos comezan logo de ser “longamente demandados por veciñas e veciños desta zona” e lembra que xa pedirá ao anterior goberno da Deputación, “sen que nos fixeran caso”, que acometeran esta obra.

Carrera agradece aos actuáis responsábeis do organismo provincial que tomaran en conta a reivindicación do Porriño, e salientou que ista é unha actuación “moi necesaria” dada a perigrosidade deste lugar , con “moi pouca visibilidade” e dificultades para circular sen correr riscos.

Hai que lembrar que as obras en A Costeira estaban paralizadas debido a que no momento en que a empresa adxudicataria, Construcciones Vale SL, asinara o contrato e pressentara a acta de replantexamento había unha climatoloxía moi adversa debido á chuvia. Unha vez mellorou o tempo a actuación comezou tan pronto a empresa estivo dispoñible.

O orzamento global do proxecto ascendeu a 220.336,36€, sendo 21.534 para expropiacións e o resto á execución da obra. Finalmente a licitación pechouse por un prezo menor: 132.719,68€.

Os traballos consisten na instalación dunha nova glorieta para reordenar o tráfico, suavizar o trazado e mellorar as condicións de visibilidade e manobra dos vehículos. Foi necesario ocupar dúas parcelas privadas e unha municipal, e víronse afectadas dúas construcións, un alpendre-almacén e unha marquesiña de bus na parcela municipal, cuxa demolición e nova instalación se incluíu no orzamento do proxecto.

Urbanizarase a zona con novas beirarrúas para prestar continuidade ao tránsito peonil, habilitaranse pasos de peóns e a limitación específica de velocidade baixará de 50 a 30 quilómetros hora. Tamén se instalarán oito novas luminarias tipo led que garantirán a correcta visibilidade na intersección.