A Concellería de Medio Ambiente ‘mobiliza’ aos veciñas na loita contra a Velutina e empeza a entregar 500 trampas que estarán distribuidas en todo o territorio do Porriño

A Concellería de Medio Ambiente quere mobilizar aos veciños na loita contra a vespa velutina e xa empezou a repartir 500 trampas -300 máis que o ano pasado- e 175 litros de líquido atrainte deste insecto que estarán situados en todas as parroquias do Porriño.

“¿Quén mellor que os propios veciños, algúns deles apicultores, para facerlle fronte a esta especie invasora?”, sinala o concelleiro Marcelino Coto, quen asegura que cada trampa que entregue o Concello estará numerada e nunha localización concreta, “o cal permitirá ter un rexistro exacto da súa efectividade”.

Coto subliña que as porriñesas e os porriñeses son os máis interesados en acabar coa vespa velutina, en defender as súas casas, as súas árbores, as súas colmeas, e defender eles mesmos, “non esquecemos a morte de Ángel González, veciño de Orbenlle, en Budiño, logo do ataque de varias destas vespas”.

O reparto e a colocación destas trampas, o 95% das cales serán reutilizabeis o ano que ven, coincide, “como xa tiñamos previsto”, co comezo da floración, que é o momento, segundo indican os expertos, no que empezan a sair as raíñas, ao redor das cales formaranse os panais,e ista é unha época do ano que é clave para causar o maior daño posible a esta especie”. Ademáis, está a poucas semanas do celebración da XXX edición da Feira Apícola das Rías Baixas, impulsada polo Concello do Porriño e organizada pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores de Pontevedra, coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia.

Marcelino Coto lembra o “constante traballo” que se fai, dende hai anos, polo Concello para afrontar a invasión da vespa velutina, unha labor que foi recoñecida pola Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo o pasado 2017, cando se eliminaron 3.800 exemplares deste insecto, “o 85% deles raíñas fundadoras”, aproximadamente unas 3.300.

“Promociona a túa empresa con Pinterest”, no Punto SmartPeme do Porriño este mércores

O Punto SmartPeme do Porriño organiza o taller “Promociona a túa empresa con Pinterest” que será o mércores, día 21, ás 7 da tarde no sede de SmartPeme no Multicentro do Concello do Porriño, en Torneiros.

No taller coñecerase polo miúdo Pinterest, unha rede social na que a imaxe é todo. Baseada en taboleiros nos que compartir e gardar  fotografías. Os asistentes aprenderán a sacarlle o partido e cómo implementala na estratexia social media das empresas.

Os contidos serán: Introdución, Como crear unha conta en Pinterest, Primeiros pasos, Taboleiros,  ¿Que é como se engade un pin? ou Pinterest para negocios.

A asistencia pode facerse por teléfono, no 886 20 20 20 ou tamén mediante alta no portal web SmartPeme  – www.smartpeme.depo.es.

O Goberno local do Porriño apoia as reivindicacións das traballadoras e traballadores de Maderas Iglesias e esixe o mantemento dos seus empregos

O Goberno local do Porriño está, como fixo sempre dende que empezara a actual conflito en Maderas Iglesias, a carón das traballadoras e traballadores e todas as accións de reivindicación que emprendan para que se manteña a actividade da empresa, que é clave para un sector estratéxico, tanto en Galicia como no sur da provincia de Pontevedra e especialmente no Porriño.

A alcaldesa, subliña o seu apoio “total e incondicional” ás xustas esixencias das empregadas e empregados de Maderas Iglesias, e reitera que o mantemento dos postos de traballo é un obxectivo xusto, lexítimo e irrenunciábel, e insta ao Goberno de Galicia a impulsar cantas medidas sexan precisas para acadar que non se perda un so emprego.

Este xoves, membros do Goberno local do Porriño acompañarán ás traballadoras e traballadores que cubrirán a pé a distancia que separa a fábrica, situada na estrada de Atios a Pontellas, da Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.

O Concello pon en marcha este mes de febreiro o programa ‘Xuventude en Valores’ dirixido a máis de 1.000 alumnas e alumnos de ESO e FP

O Concello do Porriño, a través súa  Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), e coa colaboración dos, IES Pino Manso e  IES Ribeira do Louro,  vai levar a cabo uns ciclos de charlas, obradoiros e  cursos formativos  dentro  da terceira edición  do Programa de Actividades de  Educación en Valores “XUVENTUDE EN VALORES 2018” (educación non formal)  dirixido  ao redor de  1.100  alumnos  da  E.S.O  e Ciclos de FP.  

A temporalización establecida para o desenvolvemento deste programa será entre os meses de febreiro e xuño de 2018 cun total de 73 obradoiros  sobre os seguintes temas:

Non sexas bocachancla. Comportamento nas Redes Sociais; O meu corpo é meu.Sexualidade responsable; Prevención, drogadiccións e outras adiccións; Dinámica da risa. Accións positivas; Hábitos saudables de alimentación; Hábitos saudables.Botellón; Educación emocional; Igualdade e diversidade; Prevención de condutas aditivas nas TIC-IS e Sensibilización e prevención de condutas sexuais de risco.

No desenvolvemento deste programa, prevalecen as dinámicas que xeran aprendizaxe dunha forma máis didáctica e divertida, para  xerar reflexión e debate de forma participativa co alumnado. 

O Concello cita aos veciños do Contrasto a unha xuntanza, o luns, con técnicos da Xunta que darán explicacións do que fixeron para afrontar a contaminación por lindano

O Goberno local vén de convocar, un por un, ás  veciñas e veciños do Contrasto afectados pola presenza de lindano a unha xuntanza con técnicos das consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, no Salón de Plenos do Concello o vindeiro luns, día 19, ás 6 da tarde.

Nesta xuntanza, que se realiza logo de que a alcaldesa mantivese unha reunión en Santiago, o pasado luns, día 12, con responsábeis das dúas consellerías, os especialistas de Sanidade e Medio Ambiente do Goberno de Galicia, que é quen ten a competencia exclusiva no tratamento e resolución da contaminación por lindano, informarán aos veciños das xestións que están a realizar para solucionar esta situación.

Antes da dar explicacións ás veciñas e veciños de Torneiros, os técnicos manterán unha xuntanza coa alcaldesa e os voceiros dos grupos municipais e na mesma, Eva García de la Torre reiterará a demanda que ven de facer a Corporación do Porriño dende hai meses, “que non é outra que a esixencia de que a Xunta de Galicia, que ten a competencia exclusiva nesta situación, asuma os custes da des-contaminación”.

Neste senso, a alcaldesa lembra que, ata hoxe, “en todo o que se refire á contaminación por lindano a iniciativa foi sempre, dende o primeiro día, do Concello do Porriño”: foi o Concello quen informou-primeiro aos veciños e logo a todos os medios de comunicación- da presenza de lindano; foi o Goberno local quen solicitou a primeira reunión con responsábeis e técnicos da Xunta de Galicia, xuntanza que se levou a cabo o 27 de outubro pasado en Compostela, coa presenza da alcaldesa; foi o Concello a que convocou a todas e todos os veciños do barrio do Contrasto a unha primeira xuntanza conxunta o 8 de novembro e, 9 días despois, a unha  segunda reunión, no Salón de Plenos do Concello, con técnicos da Xunta;  foi o Concello quen fixo chegar, hai meses, auga en garrafas a cada unha das casas do Contrasto que so tiñan subministro de auga de pozo, auga, necesaria para poder beber e cociñar, subministro que continúa na actualidade.

Foi o Concello o que, o día 25 de novembro, colocou nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros de auga-nalgún caso ata dous-con motores que garanten a súa chegada ás casas; foi o Goberno local quen, dende o 4 de decembro pasado, ten xa un proxecto para levar a rede municipal de saneamento a todas e cada unha das casas afectadas polo lindano, unha obra orzamentada en máis de 350.000€, que asumirá na súa totalidade o Concello do Porriño, sen axuda algunha Xunta.

Foi a Xunta de Voceiros o órgano que, como aprobara o Pleno do Concello, aprobou a constitución da ‘Comisión de Seguimento do Lindano’; foi o Goberno municipal quen  contratou os servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”; o pasado 21 de decembro, a alcaldesa mantivo unha reunión en Vigo con 11 técnicos e responsábeis das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade do Goberno de Galicia para dar conta, “moi polo miúdo”, das accións emprendidas polo Concello.

Ata o día de hoxe, o Concello do Porriño, é única administración que vén de destinar orzamentos e tomar medidas concretas, avaliábeis e demostrábeis, con accións e datas exactas e rexistradas, para protexer á saúde das veciñas e veciños.

Neste tempo, o Concello recibiu información das accións que tiña previsto impulsar a Xunta de Galicia, que ata o día de hoxe non se plasmaron noutro acto que a toma de mostras no Contrasto, sendo o Concello do Porriño, de novo, quen asumiu a totalidade dos gastos tanto das catas previas coma das obras de levantado do pavimento para poder tomar as devanditas mostras, sen que a Goberno de Galicia asumise o pago de un so euro, maila “que, hai que reiterar, é quen ten a competencia absoluta e exclusiva nesta materia” . 

O Concello do Porriño terá novos orzamentos por primeira vez en 6 anos

O Porriño estreará orzamentos logo de seis anos de prórrogas –hai que lembrar que o goberno do PP non foi quen de aprobalos entre 2012 e 2015 maila a ter maioría absoluta- das contas municipais tra-lo acordo acadado pola alcaldesa cos voceiros de EU-SON, Pedro Ocampo, BNG, Pedro Pereira, e a concelleira do Grupo de Non Adscritos, Sabela Landín.

As contas que ían este xoves a un Pleno Extraordinario, serán ratificadas a semana que ven nunha nova xuntanza da Corporación, tempo que será necesario para incorporar as propostas, negociadas hoxe ata apenas 2 horas antes do comezo do Pleno desta tarde e, subliña Eva García de la Torre, “abren tamén unha marxe para intentar sumar aos oito concelleiros do Partido Popular”.

A alcaldesa amósase “moi satisfeita” polo feito de reeditar o apoio que tivo na sesión de investidura e recoñece e agradece a “actitude e a predisposición de Pedro Ocampo [voceiro de EU-SON], Sabela Landín [Non Adscritos] e Pedro Pereira [portavoz do BNG], para poder sacar adiante estas contas”.

García de la Torre, quen reitera que este acordo é froito dun traballo “moi intenso e prolongado”, sinala que o contido do novo orzamento é “realista”, con partidas “suficientemente dotadas para non ter que acudir a outras fórmulas, como os créditos extraordinarios” e, sobre todo, “fai posible que contemos con máis de 3 millóns que se adicarán integramente a inversión para resolver moitos dos problemas que preocupan ás veciñas e veciños do Porriño”.

Estes 3 millóns terán como destinos principais a extensión da rede municipal de saneamento ás parroquias; a mellora de camiños e estradas municipais; a realización dun estudo urbanístico, social e medio-ambiental, “moi polo miúdo”,  en Torneiros; acometer una “moi necesaria e agardada” humanización de San Benito ou afrontar a regularización da situación de traballadores municipais e considerar una Oferta Pública de Emprego na medida que nos permita a lei.

@festivaldecans impulsa un curso de vídeo co obxectivo de realizar un documental sobre a figura da mestra “Dona Sara”

O Festival de Cans impulsa un ano máis o seu Proxecto Cans 303, un curso de gravación, edición e montaxe de vídeo, coa intención de iniciar no audiovisual a todas as persoas que desexen adquirir coñecementos. O obxectivo será facer como exercicio final unha curtametraxe colectiva que se estreará na vindeira edición do Festival de Cans, que terá lugar do 23 ao 26 de maio deste ano.

En pasadas edicións, o festival traballou con veciñas e veciños de diversas idades na creación de pezas documentais co obxectivo de recuperar a memoria da aldea e recompilar material fotográfico, en vídeo ou sonoro. Isto axudou e segue axudando a contruír a historia recente de Cans e a facer un archivo de imaxes sobre a parroquia.

O curso comezará o sábado 24 de febreiro para celebrarse todos os sábados dos meses de marzo e abril, entre as 10,00 e as 13,00 horas da mañá. Esta formación, que será impartida na sede do Festival de Cans polo realizador Juanma Lodo, terá un prezo de 40 euros, pero haberá un desconto do 50% para todas as persoas que colaboren na organización do festival ou sexan socias da Asociación de veciños O Castelo de Cans.

As persoas que desexen presentar a súa candidatura para o curso poden inscribirse no mail festivaldecans@festivaldecans.com, ou no número de teléfono 679 433 076. O prazo para a inscripción rematará o xoves 22 de febreiro ás 15,00 horas.

Este ano, as persoas que se inscriban no grupo, traballarán nun documental sobre a figura de Sara Quinteiro, mestra histórica de Cans durante varias décadas -á que todo o mundo na aldea coñecía como Dona Sara-, e que impartía as súas clases na “Casa da Mestra”. O festival fai un chamamento a todas aquelas persoas que poidan aportar material fotográfico e reseñas biográficas desta mestra e das que foron as súas alumnas para recuperar a súa historia coa maior exactitude posible.

O Proxecto 303 tamén se complementa cun blogue do mesmo nome, coordinado por Juanma Lodo, onde se van escribindo os avances do curso ao mesmo tempo que se explican nocións técnicas de algunhas das secuencias máis coñecidas da historia do cinema.

O Punto SmartPeme do Porriño organiza o taller “Woocommerce I – a solución para vender por internet”

SmartPeme O Porriño organiza este xoves, día 15, as 7 da tarde, no Multicentro do Concello do Porriño  en Torneiros, o taller “Woocommerce I – a solución para vender por internet”.

O mesmo está dirixido a todos aqueles empresarios e empresarias que queiran xestionar a súa propia tenda online de xeito doado e, ao mesmo tempo, potente.

Baseado en Woocommerce, integrado no xestor de contidos de WordPress, este taller forma parte dun itinerario formativo de comercio electrónico que terá continuación co módulo II. Dado que o mesmo partirá de que os asistentes teñen certos coñecementos informáticos básicos, considérase que ten un nivel medio de dificultade.

Índice de contidos:

Xestores de tendas online: Prestashop, Magento, WooCommerce

Elixir un entorno de aloxamento rápido e seguro.

Instalación de Woocommerce

Elixir un tema axeitado para a túa web

Métodos de pago e métodos de entrega

Engadir categorías e produtos.

Para asistir é preciso chamar ao número de teléfono 886 20 20 20 ou entrar no  portal web SmartPeme  – www.smartpeme.depo.es .