A Policía Local, seguindo co seu programa de Eduación Vial, impartiu unha clase aos pais, técnicos e deportistas do clube cilista Avanza

A Policía Local do Porriño segue co seu programa de ‘Educación Vial’ que imparten os seus integrantes a alumnas e alumnos de colexios e institutos e tamén de asociacións, clubs deportivos e colectivos de fora do eido lectivo.

O xefe da Policía Local, Daniel Rodriguez, e o axente  Francisco Javier Rodríguez Fernández – medalla de ouro nas olimpiadas de Policías e Bombeiros nas categorías de crono escalada, velocidade e critérium- falaron a país, técnicos e deportistas, de entre 5 e 17 anos, do Club Ciclista Avanza, sobre a circulación en vías urbanas,  interurbanas e pistas forestais.

Na charla debatéronse temas como normativa vixente en materia de tráfico, que afecta á circulación dos ciclistas, a importancia de que sexan o máis visíbeis posible cando saen á rúa ou a estrada, a importancia del casco e, especialmente, a necesidade do cumprimento das  normas de tráfico.

Os axentes tamén explicaron cómo actuar no caso dun accidente, o funcionamento do Servizo de Emerxencias 112, cómo  como rodar en grupo ou a circulación por pistas forestais.

Xa está en marcha a programación do Punto SmartPeme do Porriño para este mes de marzo

Durante o mes de marzo, o Punto SmartPeme do Porriño desenvolve diferentes actividades na súa sede, situada no Multicentro Municipal de Torneiros.

O mércores, día 7,ás 7 da tarde, ‘Comercializa os teus servizos a través das redes sociais’; venres,día 9 ás 5 da tarde, ‘Google Calendar, moito máis que unha axenda’; o martes 13, ás 7 da tarde, ‘Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing’; o xoves, día 15, a esa mesma hora, ‘Facebook para non iniciados’; tamén ás 7 da tarde, o luns 19 de marzo, ‘Woocommerce II – A solución para vender por internet’; o mércores, día 21, ás 19:00h., ‘Crea os teus propios informes: Google Data Studio’ e o martes 27, tamén ás 7 da tarde, ‘Mellora a calidade das túas imaxes con editores online’

Para asistir as mesmos, as persoas interesadas teñen á túa disposición as seguintes canles: o teléfono 886 20 20 20, o enderezo electrónico oporrino.smartpeme@depo.es ou o rexistro na web www.smartpeme.depo.es.

#ParamosTodas A Concellería de Igualdade do Porriño chama a todas as veciñas a participar na ‘Folga de Mulleres’ deste xoves, 8 de Marzo

A Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, chama a participar este vindeiro xoves, Día Internacional da Muller, nunha concentración na Praza de Antonio Palacios, ás 12:30 horas, coma acto de apoio á folga de mulleres convocada para ese día.

Soledad Girón reitera que esa concentración será, dentro da programación que está en marcha co gallo do Día Internacional da Muller, o único acto oficial impulsado o día 8 co obxectivo de facilitar que “as mulleres que poidan ir á folga o fagan…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos apoiar a folga a apoiaremos, tamén no seu nome”.

Tal e como adiantara, a alcaldesa seguirá o paro e pide “o meirande apoio” para o mesmo porque “todas nós temos argumentos dabondo para sumarnos a esta xornada de folga”, por iso, Eva García de la Torre non traballará o vindeiro xoves, tal e como anunciara publicamente.

O Pleno da Corporación debatirá este martes a aprobación do Orzamento para o ano 2018

O Pleno da Corporación do Porriño celebrará este martes unha xuntanza extraordinaria (Salón de Plenos do Concello 18:30 h.) na que se levará a cabo o debate da aprobación inicial do Orzamento Xeral , plantilla de persoal e catálogo de postos de traballo do Concello para o ano 2018.

Hai que lembrar que no Pleno do pasado día 15, os voceiros de PSOE, UDDL, BNG, EU-Son e do Grupo Municipal de Non Adscritos, adiantaron o seu apoio ao proxecto de orzamentos para este ano, logo da negociación mantida coa alcaldesa, Eva García de la Torre.

O Porriño lidera, por detrás de Vigo, a baixada do paro en febreiro na Área Metropolitana viguesa

O Porriño lidera, so por detrás de Vigo,a baixada do paro en febreiro na Àrea Metropolitana viguesa. A finais do pasado mes pasado había na vila 1.666 persoas desempregadas, 168 menos que en febreiro de 2017.

Segundo os datos publicados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a  taxa de desemprego situouse no Porriño no 17,9%, en total 5,2 puntos menos que no inicio da xestión do actual Goberno Local cando 2.139 porriñeses estaban na procura dun posto de traballo,473 máis que na actualidade.

En relación co mes de febreiro de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.834 a 1.666, o que supón que hai 168 traballadoras e traballadores máis no concello: en so un ano o paro caeu en 2,5 puntos.

A alcaldesa, Eva García de la Torre subliña, unha vez maís a necesidade de seguir adiante coas medidas adoptadas pola Concellería de Emprego, que dirixe Soledad Giró, grazas as que hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou incorporáronse ao mesmo.

Os actos do ‘Día da Muller’ no Porriño estarán centrados nas novas xeracións cun programa desenrolado baixo o lema ‘Construíndo Futuro’

O acto central da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, no  Porriño non será o 8 de marzo. A concelleira de Igualdade, Soledad Girón sinala que ese día so haberá unha concentración, ás 12 e media, porque a intención é que “as mulleres que poidan ir á folga poidan facelo…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos facer folga a faremos, tamén no seu nome”.

Este 2018 o lema deste día será ‘Construíndo futuro’ porque a intención é que estea centrado nas novas xeracións, “nas mulleres que rematan a súa formación, ás que entran no mercado laboral e empezan a asumir responsabilidades”, sinala a concelleira, para quen ademais das xustas reivindicacións, este día ten que ser de “celebración por todo o conquerido ata hoxe”.

O programa empezará o mércores, día 7, ás 7 e media da tarde, no Centro Cultural Municipal co monólogo de Stephanie Llayora ‘Eu quero ser galega’; o venres, día 9, será a hora do espectáculo musical ‘De Vacas’, ás 8 e media da tarde, no Centro Recreativo e Cultural.

A programación rematará o martes, día 13, ás 5 da tarde-no Centro Cultural Municipal coa charla ‘Amor e sexo na Rede ¿A pornografía coma nova educación sexual’, a cargo de Mercedes Oliveira, Catedrática de Filosofía, e Amada Trabada, docente da Universidade de Vigo e socióloga.

Campamentos Deportivos ‘Príncipe Felipe 2018’ organizados pola Deputación

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do  Concello do Porriño informa que está aberto, a ta o vindeiro 23 de marzo, o prazo de solicitude para o campamento polideportivo Príncipe Felipe 2018 organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Este campamento está destinado a nenas e nenos nados entre os anos 2004 e 2011 (ambos os doús incluídos), con domicilio  habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.

Establécense  as seguintes  quendas:

  •   Primeira quenda: do 9 de xullo ao 14 de xullo
  •   Segunda quenda: do 16 de xullo ao 21 de xullo
  •   Terceira quenda: do 23 de xullo ao 28 de xullo
  •   Cuarta quenda: do 6 de agosto ao 11 de agosto
  •   Quinta quenda: do 13 de agosto ao 18 de agosto
  •   Sexta quenda: do 20 agosto ao 25 agosto

O prezo é de 125€ por nena ou neno.

A alcaldesa apoia a folga de mulleres do 8 de marzo e pide o “meirande apoio para ela”

A alcaldesa do Porriño apoia e seguirá a folga de mulleres convocada para o vindeiro día 8 de marzo e pide “o meirande apoio” porque “todas nós temos argumentos dabondo para sumarnos a ela”.

Eva García de la Torre salienta a importancia da muller en todos os eidos da sociedade, dende a cultura, á economía, dende o ensino, ao benestar, dende a historia á xustiza, dende os trabalos remunerados a aqueles que non o están e “temos que estar valoradas igual que os homes”.

García de la Torre amósase segura de que  se paran as mulleres autónomas, as que desenrolan o seu labor na xustiza, as que traballan por conta allea, as que están na sanidade, á fronte de empresas, as que traballan na casa, as que están en postos de decisión en distintas administracións, as que coidan a persoas con discapacidade, as funcionarias, as que imparten clases nos colexios, institutos e na universidade ou as investigadoras, “paralizamos este país, por iso temos que demostrar a importancia que temos e facer que se vexa que é así”.

A alcaldesa afirma que o día 8 non traballará e “pedirei que se me desconte da nómina ese día coma non traballado por estar en folga”.

O mércores unha Unidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) estará no Porriño

Unha Unidade da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), estará aparcada diante da Cafetería ‘Scala’, na rúa Domingo Bueno, o vindeiro mércores, día 1 de marzo, de 4 da tarde a 9 da noite, para que aquelas persoas que queiran poidan facer unha doazón.

Hai que lembrar que a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación.

Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

 

A Concellería de Vías e Obras segue adiante co seu obxectivo de levar o saneamento a todo O Porriño e en 15 días rematará os traballos de conexíon á Rede Municipal de Saneamento de varias vivendas de San Pelayo, en Pontellas

Seis vivendas máis de San Pelayo, na parroquia de Pontellas, poderán conectarse á Rede Municipal de Saneamento en apenas 15 días, prazo no que estarán rematadas as obras que a Concellería de Vías e Obras, que dirixe Manuel Carrera, está realizando neste lugar.

As mesmas son “un paso máis do esforzo realizado polo Goberno local para levar o saneamento a todo O Porriño”, un obxectivo que “para nós é absolutamente prioritario”, salienta Carrera.

No caso destes traballos, os mesmos consisten na colocación dun total de 190 metros lineais de tubaxes para o saneamento, 10 metros de colectores para recollida de pluviais e 6 pozos de saneamento, cun investimento de 15.000 €, “cuberto con fondos municipais”.

Manuel Carrera engade que en cando estean rematadas as obras de tendido do saneamento, “levaremos a cabo o asfaltado con cargo a unha subvención da Consellería do Medio Rural”, subvención que abrangue todo o territorio de San Pelayo.