A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, presentará unha querela por un delito de calumnias contra o diario ‘La Voz de Galicia’ e o xornalista autor da información publicada no mesmo ,este sábado día 9 de xuño, que ten coma titular “El gobierno de O Porriño vuelve a contratar a dedo al asesor que motivó la condena de Francés”.

Garcia de la Torre subliña que “o contido desta publicación é claramente constitutivo dun delito de calumnias dado que imputa ao Goberno local e aos seus membros a comisión dun delito de prevaricación” ao asegurar que fixo unha contratación “a dedo”.

Neste procedemento, enfatiza a alcaldesa, seguiuse exactamente o establecido pola Lei de Contratos do Sector Público: a decisión pasou, primeiro, por unha mesa de contratación integrada polo secretario do Concello do Porriño, unha delegada do interventor do mesmo, a arquitecta municipal, a propia alcaldesa e unha funcionaria municipal que actúa de secretaria da mesa e levanta acta da reunión.

Neste caso, en concreto, houbo catro ofertas iniciais, unha das cales  foi desbotada por non presentarse seguindo o procedemento regulamentado, considerándose as outras tres. Unha vez sometida á mesa de contratación, a proposta da mesma trasladouse á Xunta Local de Goberno, órgano na que a alcaldesa delegou, “dende o comezo do mandato do actual Goberno local”, as competencias para decidir sobre licencias de construción, licencias de actividade, expedientes sancionadores de Urbanismo e Medio Ambiente e contratación,  decisións ás que invitei a a participar cando cheguei á Alcaldía ao resto dos grupos políticos da Corporación”.

É a Xunta Local de Goberno, na que intervén así mesmo o secretario do Concello dando fe, e da que se levanta acta, coma se fai na Mesa de Contratación, a que toma a decisión final da adxudicación.

Todo o procedemento “é totalmente público” e calquera persoa o pode consultar tanto no propio Concello coma, de xeito inmediato, na plataforma dixital de ‘Contratos Públicos de Galicia, “algo que á posible facer nuns minutos dende calquera lugar cun ordenador, unha tableta ou mesmo un teléfono móbil”.

Á vista disto, a realidade é que o xornalista “podendo ter acceso á totalidade do expediente, preferiu non contrastar a información e imputar ao Goberno local a comisión dun delito doloso, saltándose a verdade e sabendo que o facía”, subliña Eva García de la Torre quen engade, que a intencionalidade desta calumnia é aínda máis evidente considerando que este ‘informador’ decidiu publicar este artigo “a pesares de que posto en contacto telefónico comigo expliqueille polo miúdo, e paso a paso, todo o procedemento”.