A alcaldesa reitera aos representantes do Foro de Empresarios de Galicia que O Porriño ten 1 millón e medio de metros cadrados de chan industrial e esixe que se axilice a burocracia para facilitar a chegada de empresas á vila

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza con representantes do Foro de Empresarios de Galicia coa finalidade de tratar a necesidade do aproveitamento de chan industrial nos polígonos do Porriño.

García de la Torre salientou que O Porriño conta con 1 millón e medio de metros cadrados de chan industrial dispoñíbeis e subliñou a “necesidade urxente e perentoria” de que se atope xa o xeito de axilizar os trámites burocráticos que teñen que cumprir as empresas para poder radicarse na vila.

A xuízo da rexedora, a proliferación de organismos dependentes da Xunta de Galicia e os prazos, cumplimentacions, requisitos e moitas veces formalidades case interminábeis de  ‘papeleo’, fan que haxa compañías que opten por Portugal onde a tramitación de permisos é “moitísimo máis áxil”.

A alcaldesa, que está a manter contactos con diferentes entidades e asociacións privadas e organismos públicos para reactivar a chegada de novas empresas á vila, coincidiu cos empresarios en que hai unha “importantísima demanda de chan industrial” municipal no Porriño e que é “xa inaprazábel” poñelo canto antes a dispor das compañías que o están a solicitar.

Neste eido, Concello e empresarios traballarán xuntos nunha estratexia na para afrontar, ademais das dificultades que representa o poder dispor de chan, o facer que O Porriño, “seguramente a primeira zona industrializada de Galicia”,conte con comunicacións e servizos máis acaídos e demandados polas empresas e deste xeito poder contrarrestar o feito de que a presencia de empresas galegas nos parques industriais do norte de Portugal chegue ata o 50 por cento de ocupación das mesmas.

A alcaldesa acompaña aos veciños da Vaquería, na súa manifestación na PO-510, logo de estudar unha proposta que presentar á Xunta de Galicia para este barrio que “fica dividido por unha liña continua”

A alcaldesa, Eva García de la Torre, manifestouse na estrada PO-510, xunto coas veciñas e veciños do barrio da Vaquería, na parroquia de Budiño, para esixir, de novo, á Xunta de Galicia, que dea una solución aos porriñeses que viven neste barrio, “que fica dividido por unha liña continua na estrada que fai imposible aos coches xirar para chegar ás casas  ou negocios e cruzar aos peóns”.

García de la Torre lembrou que hai xa máis de 6 meses que os responsábeis da Xunta comprometéranse a estudar á proposta dos habitantes desta parte do Porriño para rematar con esta situación e ata hoxe non deron sinais de vida”.

Neste senso, esta mesma semana mantivo unha xuntanza, no Concello, con representantes dos veciños para, con axuda dun técnico municipal, deseñar, de novo, unha alternativa que presentar ao Goberno de Galicia para dar solución a un problema que alóngase xa máis de 5 anos.

Esa alternativa, como estudaron na reunión, pasa pola colocación de varios semáforos, “que fagan posible a redución da velocidade nunha vía moi transitada” e a situación de pasos de cebra que permitan que os veciños, “que teñen fincas ás dúas beiras da estrada” poidan cruzar con seguridade.

A Policía Local desartella dous puntos de venda de droga e detén a un individuo relacionado co trapicheo de estupefacientes, que levaban 5 anos fuxido da xustiza

Axentes da La Policía Local do Porriño veñen de desartellar dous puntos negros de venda de droga na vila e de deter a un individuo de 47 anos de idade relacionado coa venda de estupefacientes.

Os policías xa tiñan tenía constancia das actividades de un suxeito que adicábase a vender droga en dúas zonas do casco urbano, aínda que, ata a noite do pasado luns, día 17 de decembro, non puideron atopalo.

O detido estaba nunha  céntrica rúa do Porriño e, como constataron os axentes nun control superficial, levaba enriba varios ‘papeliños’ de cocaína, dous cadrozos de marihuana, diñeiro en efectivo, e un walkie-talkie, acendido empregado, presuntamente, para que unha terceira persoa o alertase da presenza policial.

Os policías comprobaron que, ademais, contra este home que levaba 5 anos fuxindo da xustiza, constaba una orde de arresto e ingreso en prisión contra este individuo ordenada polo Xulgado do Penal nº 2 de Pontevedra, polo cal procedeuse a súa detención e posterior presentación, o día 18, no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 do Porriño en función de garda, imputándolle a autoridade xudicial un presunto Delito contra a Saúde Pública e ordenando o seu ingreso no Centro Penitenciario de A Lama.

Seis arrestos por tráfico de drogas

Con este arresto, a  Policía Local do Porriño suma xa seis detidos por tráfico de drogas no que vai deste ano, actuacións que, subliña o inspector xefe, Daniel Rodríguez,  son unha “prioridade” para o Goberno local e a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure, de cara a acabar co tráfico de droga polo miudo no noso concello.

Este xoves, ás 7 da tarde, no Círculo Recreativo e Cultural, ‘Festival de Nadal da Escola Municipal de Música’

Dentro do programa de lecer destas festas, este xoves chega un dos días máis salientábeis co ‘Festival de Nadal da Escola Municipal de Música’, ás 7 da tarde no Círculo Recreativo e Cultural, no que participarán alumnas e alumnos de Música e Movemento, Coral Infantil, Coral Polifónica, Grupo Tradicional, Grupo de Guitarras, Orquestra e Banda de Música Municipal.

A Escola Municipal de Música do Porriño, unha das máis importantes do sur de Galicia, conta  con 14 profesores que semanalmente imparten clases das diferentes especialidades instrumentais a máis de 150 alumnos de idades comprendidas entre os 3 e 74 anos. Esta escola municipal está integrada por cinco agrupacións que dan cabida non só aos alumnos da escola, senón tamén a todos os vecinos e veciñas de O Porriño.

A Escola Municipal de Música de O Porriño está configurada como un primeiro paso para todos os alumnos que desexen estudar académicamente nun conservatorio, xa que os seus curso de Grao Elemental está programados seguindo as pautas de esixencia para una futura proba de acceso a grao medio. Na Escola Municipal de Música ademais, impártense clases ata segundo curso de Grao Medio.

Concentración en rexeitamento do asasinato de Laura Luelmo

A alcaldesa vén de convocar ás porriñesas e porriñeses, en nome da Corporación,a unha concentración este mércores, día 19 de decembro, ás 12:00 h. diante do Concello, para amosar o apoio e a solidariedade coa familia de Laura Luelmo, rexeitar o seu asasinato, e deixar claro que as veciñas e veciños do Porriño berran ben alto Basta Xa!

O Goberno local amosa o seu estupor pola decisión dos responsábeis da Interrunning, lamenta a súa deslealdade cos porriñeses e anuncia que asumirá, sen intermediarios, a organización desta proba

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e Manuel Carrera, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Concello do Porriño, veñen de amosar a súa estupefacción logo de coñecer a decisión, unilateral, dos responsábeis da Interrunning de non seguir  organizando esta proba no Porriño, logo de 12 anos.

García de la Torre e Carrera lamentan esta decisión e rexeitan as formas nas que vén de anunciarse a mesma por parte dos ata hoxe organizadores: nas redes sociais e sen contactar en momento algún, dende a finalización das carreiras deste ano, nin co concelleiro de Deportes nin coa alcaldesa para exponer as posibles diferencias ou discrepancias que puidesen ter co Concello do Porriño.

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes subliñan que nunca, en ningún momento nin de xeito algún, os organizadores da Interrunning trasladaron queixa, desencanto ou problema pola actuación do Concello: ao contrario, especialmente este 2018 amosáronse moi satisfeitos porque foi a edición na que máis atletas participaron.

Eva García de la Torre e Manuel Carrera lembran que a colaboración do Goberno local e do Concello do Porriño foi total coa Interrunning, tanto no que se refire nas achegas para esta proba, que na última edición subiron ata os 15.000€, coma en medios materiais e humanos- para facer posible que a proba puidese disputarse, coma a actuación de voluntarios, membros de Protección Civil do Porriño e axentes da Policía Local-.

En calquera caso, o Goberno local, que deplora a deslealdade co Concello do Porriño e cos porriñeses por parte dos responsábeis desta cita, non consentirá que os milleiros de deportistas que participan cada ano se vexan defraudados e, por tanto, na vindeira edición o Concello asumirá directamente a organización da Interrunning o Porriño.

“Non imos a tolerar que mediadores, intermediarios ou xestores externos nos poñan na picota por temas externos, completamente, á Alcaldía e ao Goberno local”. 

A alcaldesa e o delegado de Zona Franca, xunto co presidente e o xerente da Granxa consideran a radicacion de novas empresas no polígoo e a apertura da demandada gardería infantil no mesmo

Analizar as posibilidades que se abren no concello do Porriño para localizar novo chan industrial para a radicación de empresas, foi o centro da xuntanza mantida este mércores pola mañá, nas oficinas de Zona Franca, entre o delegado do Consorcio, David Regades, e a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Dada a relevancia do tema, sumáronse á reunión a directora de Promoción Económica do Consorcio, Rosa Eguizábal, o presidente da entidade urbanística do Polígono da Granxa, Indalecio Cuevas, e o xerente desta entidade, David Sobral.

Todos estiveron dacordo en que no Porriño pódense  atropar espazos acaídos para urbanizar e acoller sectores que proporcionen servizos a toda a comarca viguesa, o cal farase realidade en moi pouco tempo.

Como sinala a alcaldesa, na mesma xuntanza “estudamos a posibilidade de habilitar un espazo no inmoble do Centro de Iniciativa Empresarial (CIE) de A Granxa, propiedade de Zona Franca, para abrir no mesmo a gardería, tan demandada polos traballadores e empresas radicadas no polígono”.

Eva García de la Torre subliña que o delegado de Zona Franca amosou o “seu interese e sensibilidade” para que esta proposta poida ser unha realidade no menor tempo posible.

Máis de 300 veciñas e veciños do Contrasto, que se virán afectados pola aparición de lindano, teñen dende hoxe nas súas casas a acometida á ‘traída’ municipal

Dende este martes, día 11 de decembro,  máis de 300 veciñas e veciños do barrio do Contrasto, na parroquia de Torneiros, teñen xa acometida á Rede Municipal de Abastecento do Porriño, tal e como anunciara a alcaldesa, Eva García de la Torre, logo de que se atopasen refugallos de lindano nesta zona, o cal obrigara a pechar numerosos pozos.

A ‘traída’ municipal chega xa a 83 casas do barrio logo de que o Concello, sufragase na súa totalidade, “sen ningunha axuda por parte da Xunta, que ten as competencias en medio ambiente”, os preto de 350.000€ que custou, finalmente, esta obra que permite que todas estas vivendas poidan recibir auga para o consumo diario con todas as garantías sanitarias.

As devanditas obras, sinala a alcaldesa, axustáronse exactamente ás instrucións da Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente do Goberno de Galicia, e realizáronse cos máximos niveis de protección e seguridade, tanto para os traballadores encargados das mesmas coma para os habitantes do Contrasto.

García de la Torre, que cumpre deste xeito o compromiso persoal que asumira coas veciñas e veciños afectados pola aparición de lindano, manterá unha xuntanza con todos eles nos vindeiros días para informarlles, “polo miúdo, como fixen durante todos os meses pasados”, sobre a chegada do abastecemento municipal ata as súas casas.

Sen axuda ningunha da Xunta de Galicia

A alcaldesa, lembra, de novo, que foron os cidadáns do Porriño, por medio do seu Concello, os que asumiron “por completo en solitario, en sen axuda ningunha por parte da Xunta de Galicia”, os custos de todas e cada unha das accións que se levaron a cabo no Contrasto: o subministro de auga para o consumo diario,a colocación nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros -nalgún caso ata dous-; a contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”, ou o dobre asfaltado da zona na que se realizaron as obras do saneamento no seu día.

Eva García de la Torre agarda que o Goberno de Galicia, asumindo as súas competencias, “afronte o problema da existencia de lindano soterrado en varios lugares da nosa vila cun plan cuantificado e orzamentado para, en primeiro lugar, identificar e sinalizar as zonas afectadas en todo o Porriño polo depósito de lindano e, de seguido, dar unha resposta efectiva que acabe coa contaminación e os riscos para a saúde”.

@depo_es destinou este ano a O Porriño 1.883.863€, preto dun 80% máis que no ano 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, unha axuda ao concello de O Porriño por un valor de 18.129,02€ para financiar o mobiliario da Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía.

Con este investimento O Porriño pecha o Plan Concellos deste ano, ao través do cal o goberno provincial destinoulle 1.883.863,81€ un 79,05% máis que en 2017.

Este ano, ao través da Liña 1 do Plan Concellos, O Porriño tamén contou co financiamento do módulo de atletismo, por importe de 200.000€; da dotación da beirarrúa A Pontenova-A guía-Atios, por 463.007,15€; e da rotonda en A Pontenova, por 252.420,34€.

Amais a Deputación adxudicou 101.713€ no que corresponde á liña 2 e tamén outros 89.345,40€ que foron destinados á financiación da contratación de 25 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no Concello, dentro da liña 3 de emprego.

@carmelasilva e a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asinan un convenio polo cal @depo_es achega máis de 400.000€ ao Concello para a mellora da mobilidade e seguridade da rúa Doantes de Sangue e a súa contorna

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asinaron este luns pasado, no Pazo Provincial, un convenio de  de colaboración para a execución e financiación dun proxecto beneficiario do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse), impulsado pola Deputación e dos que resultaron tamén beneficiados outros 9 concellos, representados polas súas alcaldesas e alcaldes.

O Porriño desenvolve, indicou a alcaldesa “a mellora da mobilidade e seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e a súa contorna”, que contará cun orzamento total de 499.815,87 euros, dos que a Deputación pon 424.843,87 euros, o 85 por cento do total, e o Concello do Porriño, 75.000, o 15 por cento restante.

A presidenta da Deputación, subliñou que o Plan DepoRemse “continúa no obxectivo do Goberno provincial de implementar en toda a provincia un modelo de territorio baseado na seguranza viaria, na mobilidade, na accesibilidade universal e na recuperación do espazo público”.

Pola súa banda, a alcaldesa salientou que é moi importante no Porriño, o segundo concello que máis medra de Galicia e que está xa nos 20.000 habitantes, que as noas veciñas e veciños conten con espazos máis amplos, abertos, humanos e amábeis, nos que ‘facer vida’, nos que moverse, estar e relacionarse e facelo sen atrancos, sen barreiras e sen perigos”.