A presidenta da Deputación de Pontevedra  informou á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, da aprobación pola Xunta de Goberno dun investimento para O Porriño con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019.

En concreto, son 604.227,42€ cos que O Porriño poderá financiar a adecuación paisaxística da Avenida de Galicia e o seu entorno. Este ano a institución provincial pon a disposición de O Porriño ao través do Plan un total de 1.132.222,96€ un 3,22% máis que no 2018.

Máis polo miúdo, coma Carmela Silva comentou con Eva García de la Torre, a actuación está orientada a acondicionar o espazo urbano da avenida e a súa contorna, como acceso principal a O Porriño.

As obras contemplan a mellora estética e dotacional de máis de 2.000 metros cadrados, vaise incrementar o espazo para usos pasivos e recreativos, dotarase de atractivo e unidade o conxunto e limparanse os elementos confusos e negativos. Amais, vaise executar a implantación de mobiliario, creación de zonas recreativas e de descanso, integración a través da vexetación, e instalación de beirarrúas con zonas verdes. A actuación tamén implica a execución dunha zona de estancia cuberta e axardiñada, unha mediana de viario con xardín descontinuo de céspede e macizos, novos xardíns, supresión de barreiras arquitectónicas e rotonda con novo xardín.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 786.933,47€, o concello de O Porriño tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 100.133,94€ na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 245.155,51€ da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 40 traballadores e traballadoras para o concello.