A Policía Local arresta a un individuo de 38 anos de idade reclamado hai ano e medio pola xustiza para entrar na cadea

Axentes da Policía Local do Porriño detiveron o pasado domingo, día 15, a un individuo de 38 anos de idade, que atopábase  fuxida da xustiza tentando evitar o seu ingreso en prisión e, deste xeito, forzar a prescrición da súa condena.

A orde de busca e captura para o seu traslado á prisión fora dictada polo Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, logo de que este home fora xulgado e atopado culpable dun Delito de Lesións.

Logo da súa detención, foi conducido, este luns, polos axentes ao Xulgado de Instrución nº 2 do Porriño, en función de garda, e dende o mesmo emitiuse a orde para o seu traslado á cárcere de A Lama.

Non é o primeiro arresto deste tipo que fai a Policía Local do Porriño este ano: o pasado mes de febreiro  fora detido un home que levaba un ano fuxido dende que o Xulgado do Penal número 3 de Vigo ordenase a súa entrada en prisión.

O Concello do Porriño pásase ao híbrido adquirindo por ‘renting’ un novo vehículo para a Policía Local

A Policía Local do Porriño dispón xa dun novo coche, adquirido polo sistema de ‘renting’, que vén tanto a iniciar a renovación do parque deste corpo, que conta con vehículos de máis de 15 anos de antigüidade algún deles superando os 350.000 quilómetros, coma a facer unha aposta polo coidado do medio ambiente.

O novo coche, un Citroen DS, modelo 5, que foi recibido pola concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, e polo xefe da Policía, Daniel Rodríguez, supón que O Porriño pasa a ter un vehículo de que dispoñen moi poucos concellos e, ademais, segundo subliña o xefe da Policía, “mellora e actualiza os nosos medios, preserva a seguridade dos axentes e, o máis importante, mellora notablemente o servizo aos cidadáns”.

Os coches híbridos aportan beneficios para o medio ambiente grazas ao seus baixos consumos globais, á posibilidade de condución en modo EV (eléctrico) e as baixas emisión que emite á atmosfera.

Tres días de lecer, entretemento, música, diversión e xogos, proposta de ‘Porrigalia 2018’ que ‘tomará’ as rúas do Porriño do día 20 ao 22 deste mes

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e a concelleira de Festexos, Soledad Girón, presentaron este venres a ‘Porrigalia 2018’, a 5ª edición desta festa que ‘tomará’ O Porriño entre os días 20 e 22 xullo e que  terá coma grandes citas os concertos de ‘Mojinos Escozíos’, o venres, día 20, e de ‘Ses’ o 21 que, coma salientou a alcaldesa toca en Porrigalia grazas á contribución da Deputación de Pontevedra, que asume o seu caché.

Soledad Girón indicou que Porrigalia mantén o seu carácter de celebración aberta a todas as idades e, neste sendo, a súa programación está pensada para que as veciñas e veciños poidan gozar da mesma nas rúas,con actividades nas que pode participar toda a familia.

Venres, día 20

A festa empezará ás 9 da noite do venres co ‘Desfile da Garda Pretoriana’, entre San Sebastián e o Concello, diante do cal será o aceso do pebeteiro, que este ano fará a atleta porriñesa Carla Guisande.

De seguido, chegará o momento da ‘Animación’ por parte dos ‘Gardas de Ent’, xusto antes da actuación de ‘Mojinos Escozíos’ na rúa Domingo Bueno (22:30h.).

Sábado, día 21

O sábado 21, empezará coa ‘Animación na rúa’, ás 11 da mañá na Praza de Antonio Palacios, seguida da Exhibición de Cetrería, unha proposta que recupérase nesta edición de Porrigalia e, de novo, o Desfile da Garda Pretoriana’. Xa pola tarde-ás 6- será o momento da ‘Exhibición de loitas e xogos’, diante do Concello, ao tempo que ábrese, ata as 9 da noite, fronte á Igrexa de Santa María, ‘Pekegalia e Bebegalia.

A tarde seguirá coa Exhibición de Cetrería, a actuación pola rúa de ‘Festicultores Troupe’, dende as 8, e ás 10 e media, no escenario de Domingo Bueno, a actuación de ‘Ses’.

Domingo, 22

O domingo, día 22, ao mediodía, Pablo Trasno empezará animando o día na Praza de Antonio Palacios; de seguido unha nova Exhibición de Cetrería, antes da Butukada e a Charanga polas rúas da vila.

Ás 6 da tarde, diante do Concello, ‘Exhibición de loitas e xogos’ e as ‘Finais dos xogos’-tiro de corda, traga-bolas, carreira de ovos, tres en raia, canastra, puntería, tiro de menhir e serpe de globos-; de novo, ‘Exhibición de cetrería’, ás 7 e media, Animación e, ás 10 da noite, na Praza de Antonio Palacios, Espectáculo de Clausura e Lume, da man de Deabru Beltzak, con ‘Les tambors de Feu.

A concelleira de Festexos, subliñou que ‘Porrigalia 2018’, aposta tamén por ‘Obradoiros participativos’, aos que pode sumarse todo o mundo, e que teñen coma obxectivo o entretemento, este ano serán de pedra, petroglifos, forxa, cestería, cerámica coiro e madeira.

A alcaldesa visita o xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño no que se retomaron, logo de máis de 20 anos, os traballos arqueolóxicos, nos que colabora o Concello do Porriño

Un equipo de investigadores internacionais, liderado polos arqueólogos Eduardo Méndez-Quintas e Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH) retomaron a semana pasada os traballos de investigación nas Gándaras de Budiño, “considerado historicamente o xacemento paleolítico máis importante de Galicia”.

Como puido comprobar a alcaldesa, Eva García de la Torre, que fixo unha visita ao lugar, estas investigacións, nas que participan investigadores portugueses, españois, franceses e australianos, teñen como obxectivo “explicar as características xeolóxicas deste importantísimo xacemento e datar definitivamente os diferentes episodio de ocupación humana”, sinala Eduardo Méndez-Quintas, director destes traballos.

200.000 anos de antigüidade

O xacemento de As Gándaras de Budiño foi un dos primeiros lugares de época paleolítica escavados en Galicia, tralo seu descubrimento en 1961. Inicialmente perforado por Emiliano Aguirre, mundialmente coñecido por ser o impulsor do proxecto Atapuerca, Budiño pasou a converterse nun xacemento altamente problemático, subliña Méndez-Quintas, “posto que as primeiras datacións deste lugar indicaban un cronoloxía de uns 26.000 anos, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos de antigüidade”. Esta circunstancia levou a idea de que no NW da Península Ibérica existía un Paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do SW de Europa. “Isto supuña un argumento para defender a idea do “atraso secular de Galicia”, o cal xa arrincaba no Paleolítico.

As investigacións actuais inciden nunha situación totalmente diferente, xa que “na actualidade sabemos que a primeira presenza humana na nosa rexión é anterior aos 300.000 anos, en cronoloxía semellantes as de outras rexión Europeas. Doutro lado os traballos en curso no xacemento indican que estamos ante depósitos moi antigos e con restos arqueolóxicos cunha cronoloxía que debe exceder amplamente os 200.000 anos de antigüidade”, afirma  o director da escavación.

Estes traballos enmárcanse dento do proxecto de investigación internacional “Minho/Miño: Os primeiros poboadores do río Miño”, que estase a desenvolver de xeito simultáneo nas dúas beiras do río . Asemade estas investigación nas Gándaras de Budiño contan co apoio económico do Concello do Porriño.

Difusión dos traballos

Durante os traballos de escavación, e en colaboración co Concello, organízanse visitas guiadas aos traballos arqueolóxicos todos os días ás 5 da tarde, ata o vindeiro sábado, 14 de xullo, último día de traballos nesta primeira fase de investigación no xacemento.

A alcaldesa comprométese cos empresarios de A Granxa á realización de melloras no polígono e pon á súa disposición unha parcela municipal para a construción dunha gardería

Aumentar a seguridade vial coa construción de tres novas rotondas, controlar o cumprimento da ordenanza municipal que limita as horas de estacionamento de camións ou que o transporte metropolitano chegue ata o polígono industrial, foron algún dos temas tratados pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e empresarios da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, co seu presidente, Indalecio Cuevas, á cabeza, nunha xuntanza que as dúas partes cualificaron de “moi positiva”.

Os empresarios trasladáronlle  á alcaldesa os asuntos principais tratados hai días na Asemblea Xeral da Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, entre os que cabe salientar a necesidade urxente, coma sublimaron os empresarios e a propia García de la Torre, que “entre xa en funcionamento a extensión do transporte metropolitano ata o polígono industrial”, no que traballan milleiros de persoas e polo que circulan, a diario, varios milleiros máis.

Outro asunto tratado na xuntanza foi o da necesidade de suprimir a peaxe de AP-9 para camións no  treito Vigo-O Porriño. As dúas partes salientaron que é unha oportunidade para aproveitar mellor as infraestruturas, posto que “ademais de optimizar o uso da autoestrada rebaixaríase a densidade de tráfico da A-55”.

Outra das demandas dos empresarios da Granxa, da que informaron á alcaldesa, é a necesidade da construción e posta en funcionamento dunha  Central de Transporte na Área de Vigo, “a ser posible no Porriño”, que dea servizo ao sector, sendo esta unha iniciativa que está en mans do Consorcio da Zona Franca de Vigo onde xa hai partida orzamentaria para facelo.

Gardería

Tamén tratouse dun dos principais obxectivos dos empresarios: que haxa unha gardería en A Granxa. Neste senso informouse á alcaldesa que a Entidade Urbanística de Conservación da Granxa, colabora coa Consellería de Política Social, para poder dotar ao polígono desta escola infantil.

Eva García de la Torre ofreceu a colaboración do Concello para poñer unha parcela dotacional municipal, no PPI6 sector 2, ao servizo desta iniciativa.

Por último, a alcaldesa amosou a súa total disposición á seguir realizando melloras, “de xeito continuado”, nas estradas, beirarrúas, limpeza e mantemento de zonas verdes que, para os empresarios é un tema de grande importancia, en especial para os usuarios e traballadores do parque empresarial.

Este luns, día 9 de xullo, no Porriño, o ‘Mago Teto’

O vindeiro luns, día 9 de xullo, ás 8 da tarde, na Praza de Antonio Palacios, diante do Concello, as personas que se acheguen á mesma poderán gozar co Mago Teto, un dos magos máis veteranos e relevantes a pesar da súa xuventude. Habitual na televisión desde os seus comezos, goza de grande popularidade e recoñecemento.

Trátase dun mago con espectáculos de rúa (como O Afiador) ou de gran formato para teatros (A Maxia da Santa Compaña) e todoterreos como o seus clásicos ʻTolemaxiasʼ e “Perto de Ti”.

Despois de tres anos xogando con outras artes escénicas nos seus espectáculos, como a música en directo, o teatro, a danza… na “Maxia da Santa Compaña” e “O Afiador”, retorna a esencia do ilusionismo en estado puro cun espectáculo cheo de efectos novidosos tocando todas as disciplinas da maxia (dende efectos de maxia de cerca ata grandes ilusións, pasando polo mentalismo, a manipulación…) sempre acompañados de situacións absurdas e surrealistas cun toque canalla.

Publicadas as bases do Concurso de Comparsas e Coplas de ‘Porrigalia 2018’

O Concello vén de publicar as Bases e Convocatoria para a concesión de premios a Comparsas e Asociacións Culturais e Veciñais do Porriño que participen na celebración de ‘Porrigalia 2018’.

As presentes bases que rexirán a Convocatoria do Concurso de Comparsas e Coplas estarán suxeitas á Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de subvencións, RD. 887/2006, de 21 de xullo polo que se aprobar o regulamento da devandita lei e demais normativa de aplicación.

Publicadas as bases para a colocación dos postos en ‘Porrigalia’ que se celebrará os días 20, 21 e 22 deste mes de xullo no Porriño

O Concello vén de publicar as bases para a colocación dos postos  en Porrigalia que se celebrará no Porriño os días 20, 21 e 22 deste mes de xullo.

A solicitude de inscrición, dacordo coas mesmas bases, pode descargarse na web porrigalia.gal ou ben recollela no Centro Cultural Municipal do 9 ao 13 de xullo en horario de 9 da mañá a 2 da tarde.

 

A alcaldesa visita as obras do Contrasto e o luns día 9, na Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, informará polo miúdo do que se ten feito na zona e do que se fará nas vindeiras semanas

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, supervisou  este mércores as obras que están a realizarse no barrio do Contrasto, onde apareceron refugallos de lindano, para levar a rede municipal de abastecemento de auga a todas as vivendas que carecían deste servizo, e que hai días que acometeu o Concello nesta zona de Torneiros e nas que se investirán uns 350.000€ que serán sufragados, na súa totalidade, con fondos municipais.

Hai uns días García de la Torre supervisara o inicio destes traballos que, lembrou, de novo, realízanse seguindo, “exactamente” os protocolos para garantir a seguridade dos operarios e dos veciños.

A alcaldesa reiterou que as obras están nos prazos previstos de xeito que a finais do verán todas as casas estarán xa conectadas á traída de augas municipal, “tal e coma prometerá ás veciñas e veciños”.

Outro dos compromisos que tiña con eles é o de informarlles “periodicamente e polo miúdo de canto fixeramos neste lugar”, e neste senso, o vindeiro luns, día 9, ás 8 da tarde, na sede da Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, manterá unha xuntanza con todos eles para explicarlles cal é o estado das obras, indicarlles cales son os seguintes pasos a seguir, e respostar calquera pregunta e dúbida que teñan.

Todos os custos foron asumidos, polo dagora, polo Concello

A alcaldesa salientou, de novo, que o Concello do Porriño asumiu a totalidade dos custos de cantas iniciativas e accións acometéronse no Contrasto:  o subministro de auga para o consumo diario, a instalación nas vivendas nas que non se podían usar os pozos  e depósitos de 1.000 e 2.000 litros, que se enchen a demanda dos veciños; a  contratación dos servizos dunha empresa especializada en tratamento de terras, dacordo coas indicacións, normas e criterios do Servizo galego de Xestión de Refugallos ou a realización dun dobre asfaltado no lugar nos que se apareceron restos de lindano cando estaban a facerse obras de saneamento.

Eva García de la Torre, insistiu en que sempre, dende o primeiro minuto”, o Goberno local, a “seguirémolo a facer así”, mantivo puntualmente informados, tanto ás veciñas e veciños do Contrasto e aos representantes dos grupos municipais, coma á administración que ten a competencia exclusiva no que se refire á actuación en casos de contaminación coma este: a Xunta de Galicia.

A taxa de paro no Porriño situouse en xuño en niveis de hai 10 anos: dende que o actual Goberno local iniciara o seu mandato o desemprego baixou en máis de 700 persoas pasando do 23,1 ao 15,3%

O número de desempregados no Porriño estaba, a finais do pasado mes de xuño a niveis de hai dez anos. En total, 1.430 personas estaban anotadas coma demandantes de emprego na vila, 66 menos que o pasado mes de maio, o que representa un descenso do paro dun 0,7%.

A taxa de desmprego no Porriño, dacordo cos datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, situouse na vila no 15,3%, o que supon preto de 8 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato: daquela  2.139 porriñeses –o 23,1% da poboación en idade de traballar- estaba sen traballo, 703 máis que na actualidade.

En relación co mes de xuño de 2017, o número de veciñas e veciños anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego baixou de 1.705 a 1.430, o que supón que hai 275 traballadoras e traballadores máis no Porriño e que en so un ano o paro caeu en 3 puntos.

Un 73% de insercións laboráis dende os plans do Concello

As medidas postas en marcha dende o Goberno local para reducir o desemprego no Porriño , fundamentalmente por medio dos programas ‘Porriño Accede’ e ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, conqueriron que un total de 113 porriñesas e porriñeses estean xa traballando.

No que vai deste 2018, os 14 convenios asinados polo Concello con outras tantas empresas de automoción, loxística, mantemento ou distribución, fixeron posible que 46 persoas asinasen un contrato de traballo, o 73% das 66 que participaron neste programa dende o 1 de xaneiro.

Polo que atingue ao ‘Plan de Emprego para Mulleres (PIEM)’, está dirixido este ano a un total de 85 porriñesas en situación de desemprego, especialmente, mulleres novas, menores de 30 anos e sen cualificación profesional.

Como resultado do mesmo, hai tres meses, 11 delas comezaron a traballar coma soldadoras na planta de Viza Automoción no Porriño, que conta cun plantel de 500 persoas e subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Dentro destes mesmos programas, outras 12 persoas demandantes de emprego iniciaron as súas prácticas en Gestamp grupo internacional adicado ao deseño, desenrolo e fabricación de componentes metálicos para o automóvil.