Ao longo do 2019 a Biblioteca Municipal do Porriño, que depende directamente da Alcaldía, desenvolverá un amplo programa de actividades gratuítas relacionadas coa “aprendizaxe permanente”.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, subliña que “trátase de accións formativas non académicas que teñen como obxectivo o desenvolvemento do cidadán no plano laboral, social e persoal”. García de la Torre sinala que  “cada vez hai máis persoas con inquietudes de aprendizaxe permanente, e a Biblioteca Municipal do Porriño tentará responder durante este ano a estas inquietudes cun complto programa de actividades”.

Alfabetización dixital,inglés, linguaxe de sinais…

Desta forma están programados cursos de alfabetización dixital para maiores, grupos de conversación en inglés de varios niveis, cursos de lingua de signos, cursos de español para inmigrantes, de ferramentas de Google, obradoiros de cociña sen glute, cursos para aprender a falar en público, club de lectura, un wiki-maratón, ou unha intensa colaboración cos centros de ensino do Porriño que se traduce en visitas escolares á biblioteca con formación no uso da mesma, charlas para a “busca, selección e uso de información en internet” ou obradoiros de ciencia para escolares.

Animación Infantil á Lectura

Ademais desta intensa programación relacionada coa aprendizaxe, a Biblioteca Municipal do Porriño tamén ten presentado o seu programa de animación infantil á lectura para o 2019, que recibe o nome de “A Contateca”. Unha programación que ofrece ata trinta actuacións ao longo do ano, converténdose nunha das máis variadas e extensas das bibliotecas galegas.

Dende este mes, todos os xoves ás 18:00 horas celebrarase unha actividade de animación distinta na biblioteca porriñesa. Haberá contacontos en galego e inglés, obradoiros para toda a familia, talleres participativos, actuacións con kamishibai e libros pop-up, etc.

A biblioteca destaca a gran variedade da proposta, toda articulada ao redor do libro e da lectura, pero na que se tratarán ademais temas como a intelixencia emocional, as tradicións populares, a igualdade de xénero, a concienciación mediambiental ou o bullying. A programación da ‘Contateca’ está pensada para familias e público infantil, de 0 a 12 anos de idade, destacando a realización de numerosas actividades pensadas especificamente para bebés.

Aposta pola innovación e compromiso

Con esta programación, salienta a alcaldesa,  biblioteca do Concello do Porriño redobra a súa aposta pola animación á lectura e o traballo cos veciños e veciñas, coa “intención de afianzarse como un servizo público innovador e comprometido coa súa comunidade”.

…de novo ‘Premio María Moliner’

Eva García de la Torre subliña que por este labor “a nosa Biblioteca Municipal vén de ser  recoñecida, de novo, nos Premios María Moliner de Animación á Lectura convocados polo Ministerio de Cultura e a FEMP, como unha das 350 mellores bibliotecas do Estado”. Unha distinción que a biblioteca porriñesa leva conseguido “¡nada menos que 14 veces!” entre os anos 2002 e 2018.