No primeiro semestre deste 2018 axentes da Policía Local do Porriño realizaron máis de 1.000 probas de detección de alcohol a condutores das que 47 foron positivas, imputando 22 delitos contra a Seguridade Vial ao superar as taxas os 0,60mg/l.

Segundo subliña o xefe da Policía Local, dende principio do ano realízanse controis de alcoholemia en distintos puntos do concello, pero “das 47 probas positivas, so 19 foron nestes puntos, sendo a maioría por infraccións de tráfico”.

De todas as probas realizadas, 25 corresponden a denuncias administrativas (o 53%) e 22 a denuncias penais (o 47%), ao superar os 0,60 mg/l de aire espirado. Polo que se refire a estas últimas denuncias, hai que salientar que  todas as probas positivas realizadas, 6 en total (o 13%) deron un resultado superior a 1,00 mg/l de aire espirado, sendo a taxa máis alta de  1,52 mg/l , o que representa seis veces o máximo legal establecido.

Polo que se refire ao xénero dos infractores, o 91% deles foron homes e un 9% mulleres; o 13% dos positivos foron condutores implicados en accidentes, “o que salienta os riscos que supón conducir baixo os efectos do alcohol, hai que lembrar que de cada 100 accidentes mortais de tráfico que hai en España o alcohol ten que ver en entre 30 e 50 de eles”, sinala o xefe da Policía Local.

Daniel Rodríguez lembra que o alcohol produce alteracións moi evidentes no comportamento, “inflúe en case todas as capacidades psicofísicas precisas para una condución segura” e que unha persoa que está bébeda infravaloras os efectos que o alcohol ten sobre a condución, “ten unha falsa seguridade en sí mesma e admite un maior nivel de risco ao volante”, aumenta as súas condutas agresivas e, especialmente, “ao consumir alcohol, un dos cambios máis importantes e graves é o aumento do tempo de reacción, polo cal  a toma de decisións ao volante faise moito máis lenta”.

O xefe da Policía Local subliña que as multas por conducir bébedo van dos 500 aos 1.000€ e a retirada de 4 a 6 puntos no Permiso de Conducir. As sancións penais poden chegar ás penas de cadea de 3 a 6 meses, cunha multa de 6 a 12 meses ou de traballos en beneficio da comunidade durante 31 a 90 días e, en calquera caso, a retirada do permiso de conducir vehículos a motor entre 1 e 4 anos.