Membros da Policía Local do Porriño participaron este mes de xullo nos campamentos de verán do Concello- abertos a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos de idade- co obxectivo de “reforzar a proximidade e a confianza cos máis pequenos”.

As actividades desenroladas pola Policía dividíronse en dúas partes: a primeira consistente na explicación das funcións dos axentes, normas de seguridade vial enfocadas ao uso da bicicleta coma vehículo e cal é o xeito de poñerse en contacto coa Policía Local en caso de necesidade, “subliñando sempre a idea de que un policía é un amigo”, indica o xefe do corpo, Daniel Rodríguez.

Doutra banda, os axentes desprazaron aos lugares nos que se celebran os campamentos distintos vehículos policiais: un furgón de atestados, coches e motos, nos que se explicaron ás rapazas e rapaces as súas particularidades, interactuando con elas e eles e respondendo as súas preguntas.

O xefe da Policía Local engade que estas actividades veñen de dar continuidade á ‘Campaña de Educación Vial’ que “realizamos cada ano en todos os centros de ensino do Porriño”.