A presidenta de ADIF garante á alcaldesa do Porriño que o proxecto de eliminación do paso a nivel segue adiante e será asumido directamente dor ADIF

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, falou este mesmo martes pola tarde, coa presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Vera, quen “garantiume” que o proxecto de supresión do paso a nivel do centro do Porriño “segue adiante” sendo asumido directamente por ADIF, un organismo público autónomo que conta co seu propio orzamento.

García de la Torre obtivo, de novo, a confirmación por parte de Pardo de Vera de que este é un “proxecto firme” que está sendo ultimado polos técnicos e que será, “sen dúbida” unha realidade, o que supón, salienta a alcaldesa, que “a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”.

Eva García de la Torre subliña que o compromiso adquirido o pasado mes de agosto na xuntanza que mantivo coa presidenta de ADIF en Madrid segue inalterable e que o mesmo fará realidade unha reivindicación que as veciñas e veciños levamos facendo máis de 70 anos: que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañou este venres ás veciñas e veciños de Cans que viaxaron ata o mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra, onde Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato e a “Señora Alicia”, veciña de Cans que colabora activamente co festival, recibiron hoxe o Premio da Cultura Galega que outorga o Goberno de Galicia.

O xurado indicou que o galardón para Festival de Cans, está baseado no feito de que é “un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

García de la Torre amosou o orgullo de todas as veciñas e veciños do Porriño por esta distinción, “a máis importante no eido cultural que outorga o Goberno de Galicia e que, e isto ainda afonda máis o orgullo de ser do Porriño e o recoñecemento ao traballo da organización e dos veciños de Cans, é a primeira vez que se conceda a un festival de cine”.

A alcaldesa confirmou que o meu compromiso, como fixen dende que cheguei á Alcaldía”, é seguir incrementando a colaboración, “en todos os ámbitos”, dende o Concello do Porriño co Festival de Cans, empezando pola achega económica que, lembrou Eva García de la Torre, xa foi na edición pasada a máis alta da historia do festival.

Remata a reforma e recuperación dos parques infantís da Fase I de Torneiros e do Centro Social e Cultural de Atios, cun investimento de preto de 90.000€

A Alcaldía segue adiante coa reforma e o arranxo dos parques infantís do Porriño que, en algún caso “ou ben estaban obsoletos ou en moi mal estado ou totalmente abandonados dende hai anos”, como sinala a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Dous deles están xa rematados, son os do Centro do Centro Social e Cultural de Atios, ao que o Concello destinou un orzamento de 40.000€, e o da Fase I de Torneiros, que contou cun investimento de 48.176,11€.

Atios

O de Atios,no que os traballos empezaran o pasado mes de novembro, dispón dunha nova  pista ‘polideportiva’ para a práctica de fútbol, balonmán ou baloncesto; novos bambáns, na zona infantil, que conta cun novo chan de caucho para garantir a seguridade das cativas e cativos, e un parque de actividade biosaudábel para adultos.

Fase I Torneiros

No caso da Fase I de Torneiros, “foi precisa unha reforma integral”, subliña a alcaldesa, “á vista do seu total deterioro e abandono dende hai moitos anos, coma denunciaran as veciñas e veciños”.

Neste caso fíxose, practicamente, unha nova ‘soleira’ de formigón; colocáronse planchas de caucho; retiráronse e renováronse os xogos e bambáns; acometeuse unha reparación “completa” de fendas e crebas; aplicouse na súa totalidade un novo revestimento, colocouse unha varanda de aceiro inoxidábel.

Nas vindeiras semanas, subliña a rexedora, procederemos a habilitar unha zona reservada a pista de skate na que se establecerá un horario de uso para non causar molestias aos veciños.

Máis obras

A alcaldesa adianta que esta iniciativas terán continuidade nas vindeiras semanas noutros parques da vila e súmanse ás xa realizadas no Parque da Urbanización do Sol, no investíronse preto de 22.000€ para  arranxar todos os bambáns, colocar un deles para persoas con diversidade funcional e a instalación dun chan de caucho.

Tamén rematouse o do Campo da Feira, que contou cun orzamento de 4.173€; o Parque Lamazares, detrás de Correos, no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655€; o de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952€ e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.

Dende o día 10 ao 30 de xaneiro estará aberta no Centro Cultural Municipal a exposición de fotografía do 12º certame ‘Viaxando’

Do xoves 10 de xaneiro  ao  30 deste mesmo mes, poderá visitarse na OMIX do Concello do Porriño -na planta baixa do Centro Cultural Municipal-a  Exposición de fotografía “Viaxando” que mostra os traballos presentados ao 12º Certame de fotografía do mesmo nome.

Este Certame, que aposta pola creatividade e orixinalidade da mocidade plasmada nunha fotografía,  foi creado no ano 2007 polas Oficinas de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos do Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Salceda de Caselas, Gondomar, O Porriño e o Espazo Xove de Tui, dentro do traballo en rede que veñen realizando o longo destes anos.

Participaron un total de 13 mozos de idades comprendidas entre os  12 a 30  anos e o ano pasado o gañador, unha vez reunido o xurado, foi   Sergio Lorenzo Ares pola súa foto“ Comeza a Viaxe”.

Aberta a inscrición para formarse no sector metalúrxico a persoas do Porriño menores de 30 anos

Se tes menos de 30 anos e baixa cualificación profesional, debes saber que a Asociación de Industriais Metalúrxicos (ASIME) ven de asinar un convenio coa Concellería de Emprego e Formación, dirixida por Soledad Girón, para desenvolver no O Porriño o Programa Integrado de Emprego de Galicia, impulsado pola Consellería de Economía Emprego e Industria, e o Ministerio de Traballo Migracións e Seguridade Social, que formará a 20 persoas no sector metalúrxico.

O obxectivo deste programa é a reinserción laboral de, a lo menos, o 45% dos participantes no mesmo, elaborando para cada persoa un itinerario personalizado personalizado, dacordo coas súas demandas e características.

As principais liñas de formación serán:  Soldadura, Tubaxe Industrial, Interpretación de plano; Fabircación e Montaxe de Estruturas Metálicas, Tratamento de Superficies, Operacións Auxiliares de almacenaxe, Carretilleiro e Mantemento.

Se estás interesado/a en formar parte deste programa formativo podes inscribirte no mesmo chamando ao teléfono 986 41 07 27.

A alcaldesa asume persoalmente a solución do problema de filtracións de auga do edificio da Fase V de Torneiros, no que xa empezaron as obras que contan cun orzamento de 294.000€ e estarán rematadas en 3 meses

Eva García de la Torre vén de asumir, persoalmente, a solución ao “gravísimo” problema de filtracións de auga que están a padecer, dende hai anos, os veciños dun edificio da Fase V de Torneiros.

A alcaldesa, que visitou varias veces o lugar e mantivo entrevistas e xuntanzas cos habitantes do inmoble, comprobou que, tal e coma sinalan os informes dos técnicos municipais, o “estado da terraza é desastroso, hai lousas soltas, co perigo que supón para os nenos que xogan aquí, a impermeabilización está esnaquizada, os garaxes anéganse os días que chove, a varanda que hai sobre eles está enferruxada e case solta e as filtracións poden chegar a causar problemas na propia estrutura do edificio”.

294.000€ de orzamento e 3 meses de execución

Tal e coma adiantara aos veciños, e “cumprindo un compromiso persoal que asumirá con eles”, García de la Torre sinala que o Concello aprobou, por vía de urxencia, destinar 294.000€ ao arranxo destas deficiencias.

Este orzamento abrangue, subliña a alcaldesa,  a demolición completa da varanda e a súa substitución por unha nova; o cambio total da cuberta, incluída a capa de impermeabilización; o corte perimetral das paredes exteriores do edificio ate unha altura de 35 centímetros, para rematar con calquera tipo de filtración; a escavación e aterrado dos xardíns ate atopar a “cabeza da forxa” para o seu cambio integral, a colocación de impermeabilizacións bicapa nas partes en pendente de uso peonil e a impermeabilización do muro soterrado.

O prazo de execución dos traballos terá unha duración estimada de tres meses, “hai que ter en conta que os días de choiva non será posible traballar, polo cal o seu remate pódese atrasar, aínda que está previsto o seu remate en ese tempo”.

A alcaldesa reitera aos representantes do Foro de Empresarios de Galicia que O Porriño ten 1 millón e medio de metros cadrados de chan industrial e esixe que se axilice a burocracia para facilitar a chegada de empresas á vila

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Industria, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza con representantes do Foro de Empresarios de Galicia coa finalidade de tratar a necesidade do aproveitamento de chan industrial nos polígonos do Porriño.

García de la Torre salientou que O Porriño conta con 1 millón e medio de metros cadrados de chan industrial dispoñíbeis e subliñou a “necesidade urxente e perentoria” de que se atope xa o xeito de axilizar os trámites burocráticos que teñen que cumprir as empresas para poder radicarse na vila.

A xuízo da rexedora, a proliferación de organismos dependentes da Xunta de Galicia e os prazos, cumplimentacions, requisitos e moitas veces formalidades case interminábeis de  ‘papeleo’, fan que haxa compañías que opten por Portugal onde a tramitación de permisos é “moitísimo máis áxil”.

A alcaldesa, que está a manter contactos con diferentes entidades e asociacións privadas e organismos públicos para reactivar a chegada de novas empresas á vila, coincidiu cos empresarios en que hai unha “importantísima demanda de chan industrial” municipal no Porriño e que é “xa inaprazábel” poñelo canto antes a dispor das compañías que o están a solicitar.

Neste eido, Concello e empresarios traballarán xuntos nunha estratexia na para afrontar, ademais das dificultades que representa o poder dispor de chan, o facer que O Porriño, “seguramente a primeira zona industrializada de Galicia”,conte con comunicacións e servizos máis acaídos e demandados polas empresas e deste xeito poder contrarrestar o feito de que a presencia de empresas galegas nos parques industriais do norte de Portugal chegue ata o 50 por cento de ocupación das mesmas.

A alcaldesa acompaña aos veciños da Vaquería, na súa manifestación na PO-510, logo de estudar unha proposta que presentar á Xunta de Galicia para este barrio que “fica dividido por unha liña continua”

A alcaldesa, Eva García de la Torre, manifestouse na estrada PO-510, xunto coas veciñas e veciños do barrio da Vaquería, na parroquia de Budiño, para esixir, de novo, á Xunta de Galicia, que dea una solución aos porriñeses que viven neste barrio, “que fica dividido por unha liña continua na estrada que fai imposible aos coches xirar para chegar ás casas  ou negocios e cruzar aos peóns”.

García de la Torre lembrou que hai xa máis de 6 meses que os responsábeis da Xunta comprometéranse a estudar á proposta dos habitantes desta parte do Porriño para rematar con esta situación e ata hoxe non deron sinais de vida”.

Neste senso, esta mesma semana mantivo unha xuntanza, no Concello, con representantes dos veciños para, con axuda dun técnico municipal, deseñar, de novo, unha alternativa que presentar ao Goberno de Galicia para dar solución a un problema que alóngase xa máis de 5 anos.

Esa alternativa, como estudaron na reunión, pasa pola colocación de varios semáforos, “que fagan posible a redución da velocidade nunha vía moi transitada” e a situación de pasos de cebra que permitan que os veciños, “que teñen fincas ás dúas beiras da estrada” poidan cruzar con seguridade.

A Policía Local desartella dous puntos de venda de droga e detén a un individuo relacionado co trapicheo de estupefacientes, que levaban 5 anos fuxido da xustiza

Axentes da La Policía Local do Porriño veñen de desartellar dous puntos negros de venda de droga na vila e de deter a un individuo de 47 anos de idade relacionado coa venda de estupefacientes.

Os policías xa tiñan tenía constancia das actividades de un suxeito que adicábase a vender droga en dúas zonas do casco urbano, aínda que, ata a noite do pasado luns, día 17 de decembro, non puideron atopalo.

O detido estaba nunha  céntrica rúa do Porriño e, como constataron os axentes nun control superficial, levaba enriba varios ‘papeliños’ de cocaína, dous cadrozos de marihuana, diñeiro en efectivo, e un walkie-talkie, acendido empregado, presuntamente, para que unha terceira persoa o alertase da presenza policial.

Os policías comprobaron que, ademais, contra este home que levaba 5 anos fuxindo da xustiza, constaba una orde de arresto e ingreso en prisión contra este individuo ordenada polo Xulgado do Penal nº 2 de Pontevedra, polo cal procedeuse a súa detención e posterior presentación, o día 18, no Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 do Porriño en función de garda, imputándolle a autoridade xudicial un presunto Delito contra a Saúde Pública e ordenando o seu ingreso no Centro Penitenciario de A Lama.

Seis arrestos por tráfico de drogas

Con este arresto, a  Policía Local do Porriño suma xa seis detidos por tráfico de drogas no que vai deste ano, actuacións que, subliña o inspector xefe, Daniel Rodríguez,  son unha “prioridade” para o Goberno local e a Concellería de Seguridade, que dirixe Lourdes Moure, de cara a acabar co tráfico de droga polo miudo no noso concello.

Este xoves, ás 7 da tarde, no Círculo Recreativo e Cultural, ‘Festival de Nadal da Escola Municipal de Música’

Dentro do programa de lecer destas festas, este xoves chega un dos días máis salientábeis co ‘Festival de Nadal da Escola Municipal de Música’, ás 7 da tarde no Círculo Recreativo e Cultural, no que participarán alumnas e alumnos de Música e Movemento, Coral Infantil, Coral Polifónica, Grupo Tradicional, Grupo de Guitarras, Orquestra e Banda de Música Municipal.

A Escola Municipal de Música do Porriño, unha das máis importantes do sur de Galicia, conta  con 14 profesores que semanalmente imparten clases das diferentes especialidades instrumentais a máis de 150 alumnos de idades comprendidas entre os 3 e 74 anos. Esta escola municipal está integrada por cinco agrupacións que dan cabida non só aos alumnos da escola, senón tamén a todos os vecinos e veciñas de O Porriño.

A Escola Municipal de Música de O Porriño está configurada como un primeiro paso para todos os alumnos que desexen estudar académicamente nun conservatorio, xa que os seus curso de Grao Elemental está programados seguindo as pautas de esixencia para una futura proba de acceso a grao medio. Na Escola Municipal de Música ademais, impártense clases ata segundo curso de Grao Medio.