A alcaldesa, Eva García de la Torre, recibiu este martes o nomeamento do Porriño coma ‘Cidade Amiga da Infancia’, outorgado por UNICEF, nun acto celebrado no Pazo de Exposicións e Congresos de Oviedo.

O Porriño é un dos 8 concellos de Galicia que vén de recibir este  recoñecemento que fora aprobado o pasado 26 de Outubro por UNICEF grazas á iniciativa do persoal da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño que iniciou o procedemento para que a vila se representase a esta convocatoria.

A alcaldesa, que estivo acompañada pola concelleira Lourdes Moure, e polo concelleiro Orlando Márquez, presidira o pasado día 20 o Pleno Infantil, no que as rapazas e rapaces plantexaran distintas iniciativas relacionadas cos espazos públicos, as barreiras arquitectónicas existentes, a peatonalización das rúas ou a eliminación do paso a nivel do centro do Porriño.

Resumo do proceso

O proceso para que O Porriño chegase a ser considerada por UNICEF coma ‘Cidade Amiga da Infancia’ empezara ao comezo do curso escolar 2017-2018: realizouse unha xuntanza coas directoras e directores dos centros de ensino para presentarlles o proxecto e valorar a posibilidade de organizar en cada centro talleres de participación, en especial no referente aos dereitos dos máis novos.

Ao mesmo tempo, adiantábanse nos traballos de elaboración do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello do Porriño, que cubriu diferentes fases implicando, ademais dos centros educativos, a clubs deportivos, país e nais ou persoal técnico municipal.

Os talleres escomezaron hai máis dun ano en unha, dous ou tres aulas por centro, participando nos mesmos un total de 356 nenas, nenos e adolescentes de 19 grupos distintos, pertencentes aos  10 centros educativos existentes no concello.

Coma resultado celebrouse o primeiro Pleno Infantil no Concello o 28 de novembro de 2017 no que os representantes de cada centro, ademais de celebrar o Día dos Dereitos da Infancia, presentaron á alcaldesa as súas demandas, constituíndose o Consello Municipal de Infancia do Porriño.

Paralelamente se iniciara o labor de documentación e análise bibliográfico, coa intención de dar os primeiros pasos para coñecer a realidade da infancia e adolescencia no concello, as súas necesidades e demandas e así coma detectar situación de vulnerabilidade entre a poboación infantil e adolescente.

Coñecida a realidade e as demandas e opinión de cada un dos axentes participantes, elaborouse un documento base do plan cos obxectivos xerais de 5 grandes áreas e as actuacións concretas a realizar.

A participación seguiu nos meses de  marzo e abril deste ano materializando o seu traballo nun novo Pleno Infantil, o 18 de abril, con entrevistas individuais con técnicos municipais xuntanzas do órgano de coordinación interno (formado por persoal técnico de distintas áreas municipais), que finalmente deu a súa aprobación ás actuacións previstas.