O luns 21 remata o prazo de inscricións para as distintas actividades de Nadal organizadas polo Concello

O departamento de Cultura lembra que segue aberto ata o luns 21 o prazo de inscrición nas distintas actividades da Programación de Nadal, organizada polo Concello do Porriño.
 
Este prazo estará aberto para as seguintes actividades:
 
– Martes 22. Obradoiros de Nadal. Inscricións en: galopinocio@gmail.com
 
– Sábado 26. Concerto Banda Collón de Lola, pasa para o auditorio do Centro Cultural Municipal. Inscricións: cultura@oporrino.org
 
– Domingo 27. Concerto Amantes da Terra. Inscricións: cultura@oporrino.org
 
– Martes 29. Teatro “As pitas baixo a choiva”. Inscricións: cultura@oporrino.org
 
VÍDEO CHAMADAS DOS REIS MAGOS 
Tamén segue aberto o prazo, ata o 29 de decembro, para inscricións para que os nenos e nenas do Porriño reciban unha vídeo chamada dos Reis Magos. 
 
A inscrición realizase a través da web (www.nadal2020.es). Pódese solicitar información nó número de teléfono móbil 641 585 245.
 
Ata o venres 18, hai xa 337 nenos e nenas do Porriño inscritos para poder falar en primeira persoa con Reis Magos, segundo indicou o departamento de Cultura. 
 
 
Para máis información da programación de Nadal consultar a web 

“Chegou Papá Noel” aos colexios do Porriño

 

A actividade “Chegou Papá Noel” nos colexios de Primaria do Porriño está a desenvolverse dende hoxe e ata mañá venres 18, organizada pola OMIX do Porriño e a Concellería de Educación.

Debido as circunstancias actuais acordouse realizar esta actividade ante as dificultades que estamos a vivir coa Covid-19 e cumprindo cos protocolos de seguridade para garantir que as nenas e nenos poidan gozar dun Nadal como vimos facendo en anos anteriores e non perderse falar en primeira persoa con Papá Noel.

A actividade realizase nos seguintes centros: CEIP ANTONIO PALACIOS, CEIP DA RIBEIRA, CEIP MOSENDE, CEIP FERNÁNDEZ LÓPEZ,CEIP CRUZ BUDIÑO, CPR STO TOMÁS , CPR HERMANOS QUIROGA e CEIP DE ATIOS.

O Concello rematou hoxe o pagamento das axudas pola Covid aos autónomos e micro empresas do Porriño

O Concello rematou hoxe o pagamento mediante transferencia bancaria da segunda e última quenda de axudas económicas directas concedidas pola administración municipal pola Covid. Abonáronse en total 84.589 € entre autónomos e micro empresas do Porriño que se acolleron á convocatoria municipal.

Concedéronse 72 axudas entre o total de 78 solicitudes que se presentaron no prazo correspondente. Denegouse unha por incumprir as bases e 5 por non completar a documentación requirida.

As solicitudes procederon de bares, cafeterías, restaurantes, perruquerías e comercio téxtil, entre outros. A maioría recibiron o máximo estipulado nas bases da convocatoria, é dicir 1.200 € por peticionario, segundo resolveu a comisión técnica municipal de avaliación formada por funcionarios do Concello e presidida por David Alonso, concelleiro de Emprego e Servizos Sociais.

A meirande parte deses cartos solicitáronse para gastos xerais sobre todo alugueres e amortización de préstamos bancarios. Os demais repártense entre costear gastos de mellora tecnolóxica e medidas anti-covid.
O Concello do Porriño por acordo plenario da corporación habilitou esta liña de axudas cunha partida de 100.000 euros.

A alcaldesa Eva García sinalou que “aínda que non esgotamos a partida, iso non significa que non vaiamos a habilitar unha nova liña de axudas en 2021 enfocada aos sectores máis necesitados, especialmente comercio e sobre todo a hostalaría que é a gran damnificada polas medidas de restrición. Quero que saiban que este goberno municipal e esta alcaldesa está preocupada e empatiza cos problemas que teñen e estou a súa enteira disposición para seguir artellando as medidas de apoio que necesiten”, engadiu García de la Torre.

A alcaldesa pediu ao conselleiro de Sanidade un cribado masivo no Porriño ante o aumento dos contaxios

 

Eva García solicitou hoxe ao Conselleiro de Sanidade que o Sergas realice un cribado masivo no Porriño ante o incremento de contaxios que ven producíndose nos últimos días.

A alcaldesa propuxo a Julio García Comesaña que o Servizo Galego de Saúde “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo desestimouse pola melloría”, segundo manifestou Eva Garcia durante a reunión telemática por vídeo conferencia que hoxe mantivo co Conselleiro de Sanidade e os demais alcaldes e alcaldesas da área sanitaria de Vigo.

A rexedora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de contaxios “son preocupantes”. O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 nos últimos 7 e 66 casos activos nos últimos 14 días. E ademais a taxa de incidencia pasou de 180 a 307 o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.

A alcaldesa indicou de “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño que seguen a ser: aforos do 30% no interior e 50% nas terrazas dos establecementos da hostalaría que deberán pechar ás 17 horas; reunións limitadas a 4 persoas, sexan ou non conviventes; aforos de 250 persoas en recintos deportivos pechados e 500 en recintos abertos e observar todos os demais protocolos de hixiene e distancia.

A alcaldesa exhortou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e polo tanto seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”, manifestou García de la Torre.

 

 

O programa “Porriño Accede” conseguiu 75 prazas de emprego

O programa de formación e inserción “Porriño Accede” obtivo a inserción laboral de 75 persoas, todas elas residentes no municipio, durante este ano 2020. A maioría das inseridas no mercado laboral estaban desempregadas.  Todos eles participaron nos cursos de aprendizaxe impartidos por “Porremprego” no Multiusos de Torneiros así como nas posteriores prácticas nas empresas colaboradoras con esta iniciativa do Consello, a través da Concellería de Emprego.

Este mecanismo de colaboración e formación chámase “Porriño Accede” co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos porriñeses.  Ao longo deste ano rexistráronse 165 inscricións nos cursos impartidos.  E organizáronse 104 entrevistas de traballo en empresas.

Segundo o Informe 2020, baixo a protección de “Porriño Accede” impartíronse 15 cursos de formación sobre especialidades como operador de carretillas elevadoras: manipulación de alimentos;  empregados das gasolineiras;  axudantes de almacén ou soldadura “mig mag”, entre outros.

O Departamento de Emprego agradece a colaboración das seguintes empresas colaboradoras: “Maviva”, “Izmar Automotive”;  “Comercial Udra”, “Alonarti Envases”;  “Staroil Porriño”;  “Stef Transportes”;  “Fegoblan”;  “Chousal”;  “Peinador SL”, “Inversiones Febeco”;  “Construcións Vidal Salvaterra”;  “Asentos de Galicia”;  “Obradoiros de montaxe de servizos Recan”;  “Copo Galicia” e “Gestamp Vigo”.

Diversas intervencións de Protección Civil por inundacións

 
O Grupo de Voluntarios de Protección Civil do Porriño realizou ao longo da madrugada e durante a madrugada varias intervencións a petición do 112 e da Policía Local, por balsas de auga e inundacións polas fortes choivas.
 
Segundo os rexistros da estación meteorolóxica de Atios, caeron máis de 62 litros de choiva por metro cadrado.
 
En Torneiros os voluntarios de Protección Civil do Porriño responderon a tres avisos. Levantaron coviñas para aliviar as concentracións de auga e colocaron sinais de perigo para alertar aos condutores.
 
Tamén interviñeron noutras inundacións en Eidos (Atios); na curva do campo de fútbol de Lourambal; na recta principal do polígono das Gándaras, ata “Nueva Pescanova”; no PPI 7 e no parque industrial da Granxa, onde tamén tiveron que axudar e remolcar dous vehículos atrapados.
 
 
Ningún destes incidentes tivo consecuencias importantes.
 
Por outra banda, Protección Civil colabora na vixilancia do río Louro que presenta unha notable enchente en diversos puntos ao seu paso polo municipio.

O CTAG desenvolve un sistema intelixente para detección de semáforos que está a proba no Porriño

O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, establecido no polígono da Granxa do Porriño, desenvolveu un sistema intelixente de axuda á condución que recibe información en tempo real dos semáforos para a mellora de seguridade viaria.

Os responsables do CTAG, encabezados polo director xeral, Luis Moreno explicaron o sistema que aínda está en fase de proba á alcaldesa de Porriño, Eva García, e aos concelleiros de Tráfico, Sergio Casal e Novas Tecnoloxías, David Alonso. Foi durante unha viaxe de demostración en varios vehículos equipados con esta tecnoloxía.

 A proba tivo lugar na avenida Domingo Bueno e na avenida Antonio Palacios.  Nas dúas rúas hai un total de sete semáforos equipados con dispositivos “V2X” que envían o sinal a través de ITS, G5 ou a teléfonos móbiles.  Informan sobre a fase na que se atopa o semáforo (verde, ámbar ou vermello) e sobre o tempo restante para que o semáforo cambie de fase.

 

Ao remate da viaxe a alcaldesa Eva García manifestou “o orgullo que sentimos no Porriño pola contribución que centros de investigación como o CTAG realizan para a mellora da seguridade, que supón un pulo para o desenvolvemento tecnolóxico”. “Como falaba con Luis Moreno, teño a satisfacción de ser a alcaldesa dunha cidade laboratorio”. O director xeral do CTAG engadiu que “nos imos perder o tempo investigando o xenoma da miñoca, senón que temos como norte desenvolver tecnoloxía útil”.

 

Acción informativa da OMIX sobre o Carné Xove con alumnos dos institutos porriñeses

 

Cento noventa alumnos dos institutos porriñeses “Ribeira do Louro” e “Pino Manso” participaron hoxe nunha acción da Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello do Porriño sobre o “Carné Xove”.
A concelleira de Cultura e Xuventude, Cami Moreira asistiu á sesión. Recomendoulles aos mozos e mozas que acaden o “Carné Xove” porque “é unha ferramenta moi útil e necesaria para moitas prestacións e servizos”.

A relatora da charla informativa foi a a Directora do “Espazo Xove” de Tui, Mónica Bugarín Gómez, acompañada de Noelia de la Fuente Pérez, responsable da OMIX do Concello do Porriño. Detallaron aos asistentes as vantaxes que ten tanto en axencias de viaxes, aloxamentos, compras, cultura, educación, parques temáticos, seguros, talleres, tempo libre, e transportes.
Para máis información sobre o Carné Xove, destinado para os mozos/as de 12 ata 30 anos inclusive, pódese consultar na ligazón www.xuventude.net

Comeza o prazo de inscricións para as distintas actividades de Nadal organizadas polo Concello

 

A partir de hoxe luns 14, comezou o prazo de inscrición nas distintas actividades da Programación de Nadal, organizada polo Concello do Porriño.

Este prazo estará aberto ata o luns 21 de decembro, para as seguintes actividades:

– Martes 22. Obradoiros de Nadal. Inscricións en: galopinocio@gmail.com

– Sábado 26. Concerto Banda Collón de Lola, pasa para o auditorio do Centro Cultural Municipal. Inscricións: cultura@oporrino.org

– Domingo 27. Concerto Amantes da Terra. Inscricións: cultura@oporrino.org

– Martes 29. Teatro “As pitas baixo a choiva”. Inscricións: cultura@oporrino.org

Para máis información consultar a web ecultura.net
https://ecultura.net/

O Concello pon ao dispor da veciñanza un novo servizo municipal “O Concello informa” a través dunha aplicación para o móbil

O Concello pon ao dispor da veciñanza un novo servizo municipal denominado “O Porriño Informa”. Trátase dunha app de comunicación bidireccional entre Concello e os cidadáns.

“O Porriño informa” é unha aplicación para teléfonos móbiles que notifica aos veciños e veciñas sobre bandos, anuncios, noticias e información do Concello de xeito inmediato a través do teléfono móbil. E ademais os veciños poderán reportar incidencias, consultas e propostas ao Concello.
A partir de hoxe o Concello inclúe nas súas redes sociais información sobre este novo servizo así como o xeito de descargarse a aplicación no móbil. Ao mesmos tempo están a colocarse en edificios e dependencias municipais, carteis co anuncio do servizo e as instrucións e o código QR para descargar a “app”.

A través deste servizo, calquera veciño ou veciña poderá reportar incidencias, formular consultas e propoñer novas ideas ao seu concello. Todo desde o teléfono móbil, dunha forma sinxela e intuitiva.

David Alonso, concelleiro de Novas Tecnoloxías valorou que esta nova aplicación “permite a proximidade tanto para o Concello como para os veciños que nos poden avisar inmediatamente de avisos sobre avarías, actos vandálicos e moitas outras anomalías que constitúen unha información moi valiosa para os servizos municipais e aforra aos cidadáns o proceso de rexistro destes incidentes ante o Concello”.