O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e a presidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño, Juana Pérez, presentaron hoxe a XXV edición da feira de oportunidades “Merca na rúa”. 

O evento, programado para esta fin de semana, tivo que ser aprazado en vista das previsións meteorolóxicas, e celebrarase finalmente o sábado 19 e domingo 20.

Serán 22 os postos de venta que se instalen na rúa peatonal, cunha ampla representación de sectores e productos. Roupa, calzado, óptica, mercería ou accesorios son algún dos artigos nos que poderedes conseguir descontos desde 60% e ata o 70%, tal e como indicou a presidenta de ACIPOR.

A feira estará aberta ao público o sábado en horario ininterrumpido de 10 a 21h e o domingo de 11 a 20 h. Ademais, para facilitar as compras ás familias, haberá inchables para os máis pequenos e unha visita moi especial, a dos Bolechas que estarán no Merca na Rúa o sábado pola tarde a partir das 17h. O domingo pola mañá, ás 12:30 h., Rafa Fernández ofrecerá un concertó de jazz na praza Arquitecto Palacios.

O alcalde puxo en valor o evento polo seu efecto “dinamizador e por incentivar o comercio local e reactivar a economía da vila nestes momentos tan difíciles” e invitou a toda a veciñanza a encher as rúas e “beneficiarse das ofertas que proponen ao tempo que axudan aos nosos comerciantes”.

No mesmo sentido se manifestou a presidenta, Juana Pérez, que invitou “aos porriñeses e porriñesas e á veciñanza dos municipios da contorna a visitarnos e mercar na que xa é a terceira edición despois do obrigado parón pola pandemia”.