O Porriño entrará en maiores restricións a partir deste xoves

O Porriño é un dos concellos da área sanitaria de Vigo que entrará en maiores restricións a partir das cero horas do xoves 21, cando entrarán en vigor as novas medidas anunciadas hoxe polo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

As máximas restricións supoñen que a hostalería só poida servir en terraza, con 50% da capacidade e ata as 18:00 horas; se non a teñen, a súa actividade limítase ao servizo a domicilio ata a unha da madrugada.

Outra medida salientable é o peche perimetral individual, co que ninguén pode entrar nin saír do seu concello excepto por causas xustificadas, como sanitarias, laborais ou coidado de maiores e menores.

O goberno municipal fará unha valoración máis polo míudo cando o DOG publique a orde coas novas medidas para decidir se engádense outras restricións de ámbito local que se trasladarían á Comisión Municipal de Seguimento da Covid.

Desde o seu domicilio onde garda corentena, a alcaldesa Eva Garcia prégalle a toda a veciñanza que “usen as máscaras, garden a distancia, cumpran cos protocolos de hixiene e limiten a súa mobilidade a cuestións indispensables. O compromiso de todos nos é fundamental para vencer esta terceira vaga”, manifestou a rexedora.

A Alcaldesa obrigada a gardar corentena pola aparición dun positivo entre o persoal de confianza

A aparición dun positivo por Covid, aínda que asintomático, entre o persoal de confianza da Alcaldía do Porriño, obriga á propia alcaldesa, Eva García, e a outras persoas do seu equipo, a gardar corentena durante dez días, segundo establecen os protocolos.

De xeito que a axenda oficial para hoxe luns 18 cancelouse. A alcaldesa vese na obriga de suspender as reunións presenciais que ía manter hoxe. Unha delas con Andrés Fernández, conselleiro delegado do “Grupo Zendal”, que fabrica na factoría “Biofabri”, sita no Porriño, unha das vacinas contra a actual pandemia. A entrevista que se adía está relacionada cos plans de expansión desta firma no Porriño.

Tamén a alcaldesa porriñesa ten que aprazar a visita e reunión que ía manter co empresario Indalecio Cuevas, presidente da entidade urbanística de conservación do polígono da Granxa.

Sen embargo, a alcaldesa manterá parte da súa actividade a través de tele traballo.

 

O Concello vende unha parcela de titularidade municipal á firma “Iberembal”

O Concello do Porriño anuncia a venda dunha parcela de titularidade municipal á firma “IBEREMBAL” por un importe de 960.000 euros, cantidade á que hai que engadir o correspondente 21% de IVE.

O predio ten 13.335 metros cadrados de superficie dos que 10.668 son edificables con fins industriais. Localizase no PPI 7.  A firma compradora vai construir unha fábrica de envases metálicos para conservas alimenticias.

“IBEREMBAL” fora a única empresa que presentou plica no prazo de presentación de ofertas que o Concello do Porriño convocara e que rematou en decembro de 2020.

A operación realizase mediante un decreto da Alcaldía, despois de que no último pleno da Corporación Local, celebrado o 30 de decembro, a suma de votos do PP bloquease a venda fronte á suma de votos de PSOE, BNG máis as dúas concelleiras de EU Son que votaron tamén a favor da operación, moi importante para a tesorería municipal.
 
Segundo estableceu o pacto de goberno municipal que firmaron PSOE e BNG, a Alcaldía delegou no pleno da Corporación, desde decembro de 2019, as competencias sobre vendas, permutas, arrendamentos e cesións de bens inmobles de titularidade municipal.
Sen embargo, debido ao bloqueo motivado polos votos do PP,, a Alcaldía decidiu avocar para sí esta competencia delegada con carácter especial para a formalización da venda desta parcela, segundo o decreto firmado pola alcaldesa, Eva García con data de 12 de xaneiro.
 

 

O Concello creou un Servizo de Asesoramento a Emprendedores

 

O Concello do Porriño anuncia que puxo en marcha o Servizo de Asesoramento ao Emprendemento que comezará a funcionar a partir do vindeiro luns 18. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Emprego dirixida por David Alonso, con financiamento municipal e coa contribución da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego.

O servizo ofrece aos novos emprendedores do Porriño, un análise da viabilidade do plan de negocio; información para determinar a forma xurídica da empresa dado que cada proxecto conta cunhas características propias, e asesoramento laboral, fiscal e contable, segundo as obrigas de cada tipo de negocio.

Tamén o Servizo de Asesoramento a Emprendedores facilitará axuda para os trámites telemáticos de constitución da empresa, a través do sistema de tramitación que ten a Dirección Xeral de Industria e Pemes da Xunta de Galicia mediante a utilización do Documento Electrónico Unico (DUE). E por último, este novo Servizo de Asesoramento tamén axudará aos novos emprendedores a solicitar e tramitar axudas e subvencións da administración autonómica.

O novo Servizo de Asesoramento está ubicado no Multiusos de Torneiros, funcionará en horario de 8 da mañá a 3 da tarde e con cita previa.

Reparado un tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras

A alcaldesa Eva García informou hoxe que o Concello do Porriño está a planificar e desenvolver nestes primeiros días de 2021, unha serie de obras de mellora das infraestruturas viarias nos polígonos industriais.

Esta semana, a través do departamento de Vías e Obras dirixido por Lourdes Moure, acometeu e concluíu esta semana a reparación dun tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras.  Esta é a sección que discorre fronte ás instalacións da empresa “Gestamp”.

O vial atopábase en moi mal estado, polo que foi necesario fresar e renovar o pavimento.  A reparación realizouse cos medios propios do Concello. Executouse esta semana unha vez que o persoal de Vías e Obras reincorporouse despois das vacacións de Nadal.

O Concello anuncia que acometerá en breve a reparación mediante obra nova das dúas rotondas do polígono da Granxa,  a cargo do departamento de Infraestruturas dirixido por Pedro Pereira.  A primeira que se arranxará será a rotonda da gasolineira que se acometerá cando se obteña a autorización do Ministerio de Transportes e Mobilidade.

No abeiro destas actuacións, o vindeiro luns 18, ás 12,30 horas, a alcaldesa Eva García manterá unha reunión de traballo con Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono da Granxa.

A concelleira de Educación entregou o agasallo de Nadal para os nenos e nenas das garderías

Nun acto celebrado esta mañá nas instalacións da Biblioteca Municipal, Lourdes Moure, concelleira de Educación, fixo entrega ás directoras das garderías do agasallo habitual de Nadal para os nenos e nenas, consistente en material didáctico.

 

Debido ás restricións actuais impostas polos protocolos anti-Covid, a entrega e distribución realizouse ás “Galiñas Azuis” de Doantes de Sangue e Torneiros, para que puxeran o material en corentena.

A partir do vindeiro martes 19, comezará a distribución entre pais e titores dos alumnos de ambas garderías públicas.

Yago Martínez, campión de España sub 18 de motocross por segundo ano consecutivo, agradeceu o apoio do Concello

O piloto porriñés, Yago Martínez, proclamado por segundo ano consecutivo, campión de España sub 18 de motocross, agradeceu persoalmente ao Concello do Porriño o apoio recibido na tempada que acaba de rematar.  Yago recibiu a través do contrato de patrocinio que asinou co Concello, unha achega de 3.000 euros en 2020.

O piloto entregou a través do concelleiro de Deportes, David Alonso, agasallos para o Concello como se mostra na imaxe do encontro celebrado no Polideportivo Municipal.

De cara a esta nova tempada, o concelleiro de Deportes informou a Yago Martínez de que se convocará unha bolsa de axuda para deportistas individuais de alto nivel, cunha partida do orzamento municipal de 2021 á que poderá acceder para recibir unha vez máis o apoio do Concello do Porriño.

O último número de “Carta Local” salienta o protagonismo de O Porriño na producción de vacinas contra a Covid

O último número da revista mensual “Carta Local”, editada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), publica un extenso informe baixo o título “Municipios de vacinas” no que eloxia o papel protagonista do Porriño e da fábrica “Biofabri “na produción dunha das vacinas contra a pandemia actual.


O informe inclúe declaracións da alcaldesa, Eva García de la Torre a “Carta Local”, que expresou a súa satisfacción polo papel protagonista de “Biofabri” e o “Grupo Zendal” que “amosa o alto nivel tecnolóxico que teñen as empresas de Porriño “.
A alcaldesa tamén salientou o impacto que pode ter a produción da vacina na creación de emprego para o municipio.


As ilustracións do informe inclúen imaxes da visita do ministro de Sanidade ás instalacións do “Grupo Zendal” en Porriño o pasado 5 de novembro, onde foi recibido pola alcaldesa Eva García e por Abel Caballero, presidente da FEMP.

Axuntamos ligazón co “pdf” da publicación

file:///C:/Users/Usuario/Downloads/Carta%20Local%20n%C2%BA%20341,%20diciembre%202020.pdf

Os Reis Magos recibirán á infancia porriñesa no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal

 

As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán este martes 5 de xaneiro, de xeito presencial, aos nenos e nenas do Porriño que queiran falar con eles.  Os Reis Magos atenderán en dúas quendas, pola mañá entre as 12 e as 14 horas, e pola tarde de 17 a 20 horas, no auditorio exterior do Centro Cultural Municipal onde está habilitada unha zona de recepción.

A entrada é libre, sen necesidade de cita previa.  Pero haberá un control de entrada e capacidade, con rexistro de datos dos participantes e aplicación de protocolos de hixiene e seguridade.

Debido ás restricións actuais derivadas da pandemia, o Concello rexeitou a celebración da tradicional Cabalgata.  A Concellería de Festas, que dirixe Cami Moreira apostou por outras formas de interacción da infancia porriñesa cos Reis Magos como esta recepción que terá lugar mañá e as videochamadas realizadas por Melchor, Gaspar e Baltasar a máis de 600 familias que previamente se rexistraron para este fin.

O Consello Municipal da Infancia intercambiará experiencias con Tomiño e Redondela

A Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, informan que os nenos e nenas que forman o Consello Municipal de Infancia e Adolescencia do Porriño acordaron incrementar as sesións de traballo neste novo ano 2021.

Foi un dos acordos acadados na última reunión telemática celebrada o pasado mércores, na que avaliaron o traballo realizado ao longo de 2020.

Os membros do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Porriño decidiron tamén aumentar o intercambio de experiencias con outros consellos da Infancia de concellos veciños como Redondela e Tomiño.

O traballo do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia do Concello do Porriño pódese seguir na súa páxina de Instagram @infanciaporrino