O novo executivo continúa a súa rolda de visitas nos polígonos industriais para coñecer a fondo a situación actual da actividade empresarial e de I+D+i do Porriño, co obxectivo de establecer posibles vías de colaboración en materia de emprego e formación, entre outras.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Urbanismo, Antía Carrera, visitaron esta mañá as instalacións do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) acompañados polo seu director xeral, Luis Moreno, e o director da división de ITS e Electrónica, Francisco Sánchez.

Con máis de 900 empregados, o 80% deles titulados superiores, o centro tecnolóxico ubicado no Porriño sitúase á vangarda da investigación e da innovación, con máis de 50 proxectos colaborativos en marcha.

“O potencial da CTAG reside sen dúbida nos seus recursos humanos, que tal e como nos refire o seu director, son o seu maior activo”, apuntou o rexedor, “Isto supón unha enorme oportunidade para O Porriño, pois as nosas mozas e mozos poden formarse e desenvolver a súa profesión ao máis alto nivel sen necesidade de marcharse”.

Lorenzo destacou que a “capacidade innovadora do centro tecnolóxico e o seu volume  de investimento en ensaios e estudos fai que necesiten incorporar persoal cualificado de maneira constante”  e nese sentido tendeu a man do  concello para colaborar en materia de recursos humanos.

Lanzadeira de CTAG

Os representantes municipais coñeceron tamén en profundidade un dos seus proxectos máis recentes, o shuttle (lanzadeira) do CTAG, un vehículo de aspecto futurista que abre a porta ao transporte de pasaxeiros eléctrico, intelixente, autónomo e sostible.

Tras coñecer as características do proxecto e incluso realizar un recorrido de proba, valórase a posta en marcha dunha experiencia piloto en Porriño que permita coñecer o funcionamento deste bus nunha contorna aberta no que teña que interactuar con tráfico real.