O Porriño é un dos concellos da área sanitaria de Vigo que entrará en maiores restricións a partir das cero horas do xoves 21, cando entrarán en vigor as novas medidas anunciadas hoxe polo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

As máximas restricións supoñen que a hostalería só poida servir en terraza, con 50% da capacidade e ata as 18:00 horas; se non a teñen, a súa actividade limítase ao servizo a domicilio ata a unha da madrugada.

Outra medida salientable é o peche perimetral individual, co que ninguén pode entrar nin saír do seu concello excepto por causas xustificadas, como sanitarias, laborais ou coidado de maiores e menores.

O goberno municipal fará unha valoración máis polo míudo cando o DOG publique a orde coas novas medidas para decidir se engádense outras restricións de ámbito local que se trasladarían á Comisión Municipal de Seguimento da Covid.

Desde o seu domicilio onde garda corentena, a alcaldesa Eva Garcia prégalle a toda a veciñanza que “usen as máscaras, garden a distancia, cumpran cos protocolos de hixiene e limiten a súa mobilidade a cuestións indispensables. O compromiso de todos nos é fundamental para vencer esta terceira vaga”, manifestou a rexedora.