Cortes de tráfico este domingo pola carreira “O PORRIÑO 10K”

A Policía Local do Porriño informa dos cortes de tráfico e restricións de estacionamento que se establecerán este domingo, día 1 de maio, pola celebración da carreira “ O Porriño 10K”.

Desde as 22h do sábado ata que finalice a proba deportiva queda prohibido estacionar e aparcar nas seguintes rúas:

  • de Galicia (carril de entrada de Mos ao Porriño).
  • Domingo Bueno (desde Aloques ata a gasolineira de Atios-A Guía).
  • Fernández López.
  • Manuel Rodríguez (desde o cruce de Pontenova ata a panadería Chinchina).
  • San Sebastián (desde Manuel Rodríguez ata a Praza de San Sebastián).
  • Leandro Diz.
  • Cando e Praza de Abastos.
  • Xogo da Ola.
  • Ramiranes (en sentido saída desde a praza central hacia LIDL).
  • Non se poderá circular polas rúas Pío XII e Fontevella durante a celebración da proba.

Nas mesmas rúas pecharase o tráfico rodado o domingo a partir das 9h.

 

O Porriño adhírese a un convenio de xestión da biomasa para loitar contra os incendios forestais

O Concello do Porriño adhírese ao convenio de Xestión da Biomasa suscrito pola Xunta, Fegamp e Seaga para a prevención e defensa contra os incendios forestais. 

A propagación dos incendios forestais afecta á nosa riqueza ambiental e paisaxística e tamén ás actividades agroforestais que se desenvolven no monte. Asimesmo, ameazan a seguridade das persoas e dos bens. 

“Para loitar contra os incendios forestais é necesario facilitar aos particulares o cumprimento das súa obriga de manter limpos os montes”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “Especialmente nas áreas máis sensibles, aquelas que abarcan o perímetro dos terreos forestais e os núcleos de poboación habitados”. 

O referido convenio establece facilidades para os titulares de montes que se comprometan co sistema, como o abono dunha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea cada ano para a xestión da biomasa nos seus terreos. 

A edil explicou que, unha vez formalizado o acordo, o Concello do Porriño informará nas diferentes parroquias das zonas afectadas e como proceder. 

O Porriño pon en marcha un novo servizo de recollida de cartón comercial

O Concello do Porriño continúa coa súa aposta pola reciclaxe e a favor do medio ambiente poñendo en marcha un servizo específico para a recollida de papel e cartón do que poderán beneficiarse os establecementos comerciais do municipio.

O concelleiro de Limpeza, José Carlos González, informou hoxe de que este novo servizo, que comezará a prestarse o vindeiro mes de maio, “busca garantizar a reciclaxe do cartón comercial e evitar que se acumule na rúa ou nos outros contedores” e precisou que “se trata de dar facilidades aos comerciantes para reciclar correctamente, pero aqueles que queiran xestionalo polos seus propios medios ou depositándoo no colector azul poden seguilo facendo”.

A vindeira semana, anunciaranse os días establecidos para a recollida e os usuarios/as só terán que depositar o cartón e papel de maneira ordenada ás portas dos establecementos onde o servizo de limpeza municipal o recollerá para trasladar á planta de reciclaxe.

“Alcanzar os obxectivos de reciclaxe que marcan as directrices europeas require da implicación de todos/as e sei que a veciñanza do Porriño contribuirá a conseguilo”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Trátase de coidar o planeta e os nosos recursos, de deixar un mundo mellor para as próximas xeracións. Entre todos/as o faremos”.

Teléfono de recollida de entullos: 665 571 555

Dende a concellería de Limpeza recordan que depositar entullos na vía pública está prohibido e é obxecto de sanción.

O Concello do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de cita previa.  Todos aqueles que queiran desfacerse de voluminosos deberán chamar ao 655 571 555 e o servizo de limpeza municipal indicaralles onde e cando deben depositar estes enseres.

Tamén poden acudir directamente ao Punto Limpo, sito no Polígono A Granxa (Rúa Cíes 187) de luns a venres en horario de 10 a 14 h (os luns tamén de 16 a 20h).  

Colocar carteis publicitarios sen permiso conleva multas de ata 3.000 euros

O Concello do Porriño lembra que colocar carteis publicitarios na rúa fora das zonas habilitadas e sen permiso está prohibido.

A “Ordenanza municipal reguladora de convivencia cidadá, limpeza de vías públicas e recollida de residuos”, aprobada no ano 2010, prohibe a colocación e pegado de carteis e adhesivos en inmobles, muros, pontes, paredes ou beirarrúas sen autorización expresa do Concello.

No caso de que un inmoble particular sexa obxecto de pintadas ou pegado de carteis, o propietario do mesmo o comunicará ao Servizo Municipal de Limpeza, que procederá á súa limpeza con cargo ao responsable da publicidade.

Asemade, a norma estipula que a colocación de cada cartel, pintada ou pancarta que constitúa infracción será sancionada considerándose responsables aos beneficiarios da propaganda ou publicidade. As sancións por incumprir esta norma van dende os 751 euros ata os 1.500 euros, podendo chegar aos 3.000 euros en caso de reincidir.

“O espazo público é un lugar de convivencia que disfrutamos todos”, concluíu o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Para iso debemos manter a nosa vila limpa e respectar as normas”.

Máis info: “ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DE CONVIVENCIA CIDADÁ, LIMPEZA DE VÍAS E RECOLLIDA DE RESIDUOS”

16 persoas maiores de 55 anos participan en “Cultiva a mente” no Porriño

Como cada luns, o centro sociocomunitario do Porriño acolle os obradoiros “Cultiva a mente”, organizados polo Concello do Porriño en colaboración con AFAGA. Nos mesmos, participan 16 persoas maiores de 55 anos que hoxe recibiron a visita do  alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Terceira Idade, Rosario Costas, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.

 “Desexo que esta actividade vos resulte útil e que vos achegue as ferramentas necesarias para disfrutar desta etapa da vida que, de seguro, garda momentos incribles para vós”, apuntou o  rexedor.

Trátase dunhas xornadas impartidas por un psicólogo con formación específica no desenvolvemento e execución do deterioro cognitivo nas que se abordan cuestións como o envellecemento activo, a promoción das relación sociais e a prevención da soidade ou a dependencia, entre outras cuestións.

 

 

 

Concello e Protección Civil do Porriño asinan o seu convenio anual

O Concello do Porriño e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil renovaron o convenio de colaboración para atención de emerxencias no termo municipal. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o presidente da agrupación local, Miguel Rivas, formalizaron o acordo que contempla que o Concello aportará 30.000 euros para dotar de persoal e uniformidade aos membros da agrupación, así como para a compra de material e subministros. No acto de sinatura estiveron presentes tamén a secretaria da agrupación, Avelina Tato  e o responsable do servizo, Jesús Pexegueiro.

“O labor destes voluntarios e voluntarias é esencial para garantizar a resposta ás emerxencias que se producen no municipio”, explicou o rexedor, “Situacións como a pandemia puxeron de relieve a eficacia do traballo que realizan os efectivos de protección civil. Foron claves para atender ás persoas máis vulnerables durante o confinamento ao igual que o son cada vez que hai algunha emerxencia”.  Con tal motivo, o novo executivo inclúe no seu novo orzamento (que presentará nas vindeiras semanas) un incremento de 10.000 euros para a agrupación de protección civil, consolidando unha partida de 40.000 euros.

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Porriño conta a día de hoxe con 24 voluntarios e voluntarias e aspirantes que colaboran coa Policía Local, Garda Civil e os demais servizos de emerxencias na atención ás alertas do 112, participando en máis de 2.300 operativos anuais.  Tamén desempeñan tarefas de seguridade e loxística nos diferentes eventos culturais e deportivos que se celebran no concello.

 

 

Os “Coidados porta a porta” chegan ao Porriño en maio

O Porriño recibirá os días 4, 5 e 6 de maio, a visita da unidade móbil de “Coidados porta a porta”, a iniciativa da Xunta de Galicia para achegar aos maiores de 55 anos as consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria.

Profesionais sanitarios atenderán as consultas básicas e realizarán exploracións e valoracións nestas tres especialidades.

Cabe destacar que é un servizo gratuíto pero que require cita previa. Todas aquelas persoas que queiran facer uso deste servizo deberán solicitar cita no teléfono 622 748 283 ou a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal .

A unidade móbil estacionará no aparcamento da Piscina Municipal.

O Concello acomete melloras nos centros escolares aproveitando as vacacións de Semana Santa

Aproveitando as vacacións de Semana Santa, o Concello do Porriño levou a cabo melloras nos centros educativos do municipio.

Operarios municipais levaron a cabo as reformas demandadas pola comunidade educativa, ademais de pequenas actuacións necesarias para garantir a seguridade e accesibilidade.

Entre elas, a reparación da baixante e canalización de pluviais do pavillón do CEIP Plurilingüe de Atios, o acondicionamento de parte do patio do CEIP Cruz Budiño,  e a execución do acceso adaptado no IES Pino Manso e no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, onde tamén se acometeu a mellora de varias portas do ximnasio e a reforma do coñecido Kiosko para transformalo na Biblioteca de Patio.

Ademais, leváronse a cabo traballos de poda e xardinería nos diferentes centros. Ao término das vacacións as melloras nos centros escolares continuarán tal e como están programadas polo Goberno Local.

“Que os nenos e nenas do Porriño poidan cursar os seus estudios nas mellores condicións é  unha prioridade para este goberno”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostamos por unha educación pública de calidade e no marco das nosas competencias non escatimaremos esforzos para que así sexa”.

 

O proxecto ECOYOUTH no Porriño: colaboración na educación e na sustentabilidade

Os participantes no proxecto EcoYouth, coordinado polo Concello do Porriño e financiado con fondos da Unión Europea, foron recibidos onte na casa consistorial do Porriño pola alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e a concelleira Lourdes Moure.

Trátase dunha iniciativa na que participan o instituto porriñés Ribeira do Louro, a Universidade de Cabo Verde e asociacións de Portugal e Mozambique, que ten como obxectivo promover o empoderamento da mocidade na loita contra o cambio climático nos países participantes no proxecto.

As diferentes delegacións estarán no Porriño ata o venres desenvolvendo diferentes accións e actividades e seminarios dirixidos a empoderar á mocidade para facilitar a transición ecolóxica.

A primeira delas, tivo lugar esta mañá. Os participantes no proxecto visitaron as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable dos Valos e a Estación Depuradora de Augas Residuais, en Guillarei.

O alcalde e a concelleira de Educación acompañáronos nesta primeira xornada onde profundizaron na xestión de residuos, a depuración e o ciclo integral da auga.

“Esta experiencia está a ser moi enriquecedora, non só para eles, tamén para nós”, afirmou o rexedor, “O coñecemento e os valores medioambientais son a base deste proxecto, pero tamén o é a convivencia que reforza sen dúbida a aprendizaxe”.

Budiño será epicentro do ciclismo este domingo

O Porriño volverá ser este domingo epicentro do ciclismo . Máis de 600 deportistas subiranse á bici para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Oscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron onte a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.  Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.  

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e  14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: Benxamíns, Promesas, Principiantes, Alevíns e infantís.

 II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas.  A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).