O Concello do Porriño anuncia que puxo en marcha o Servizo de Asesoramento ao Emprendemento que comezará a funcionar a partir do vindeiro luns 18. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Emprego dirixida por David Alonso, con financiamento municipal e coa contribución da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego.

O servizo ofrece aos novos emprendedores do Porriño, un análise da viabilidade do plan de negocio; información para determinar a forma xurídica da empresa dado que cada proxecto conta cunhas características propias, e asesoramento laboral, fiscal e contable, segundo as obrigas de cada tipo de negocio.

Tamén o Servizo de Asesoramento a Emprendedores facilitará axuda para os trámites telemáticos de constitución da empresa, a través do sistema de tramitación que ten a Dirección Xeral de Industria e Pemes da Xunta de Galicia mediante a utilización do Documento Electrónico Unico (DUE). E por último, este novo Servizo de Asesoramento tamén axudará aos novos emprendedores a solicitar e tramitar axudas e subvencións da administración autonómica.

O novo Servizo de Asesoramento está ubicado no Multiusos de Torneiros, funcionará en horario de 8 da mañá a 3 da tarde e con cita previa.