O Concello do Porriño continúa coa súa aposta pola reciclaxe e a favor do medio ambiente poñendo en marcha un servizo específico para a recollida de papel e cartón do que poderán beneficiarse os establecementos comerciais do municipio.

O concelleiro de Limpeza, José Carlos González, informou hoxe de que este novo servizo, que comezará a prestarse o vindeiro mes de maio, “busca garantizar a reciclaxe do cartón comercial e evitar que se acumule na rúa ou nos outros contedores” e precisou que “se trata de dar facilidades aos comerciantes para reciclar correctamente, pero aqueles que queiran xestionalo polos seus propios medios ou depositándoo no colector azul poden seguilo facendo”.

A vindeira semana, anunciaranse os días establecidos para a recollida e os usuarios/as só terán que depositar o cartón e papel de maneira ordenada ás portas dos establecementos onde o servizo de limpeza municipal o recollerá para trasladar á planta de reciclaxe.

“Alcanzar os obxectivos de reciclaxe que marcan as directrices europeas require da implicación de todos/as e sei que a veciñanza do Porriño contribuirá a conseguilo”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Trátase de coidar o planeta e os nosos recursos, de deixar un mundo mellor para as próximas xeracións. Entre todos/as o faremos”.

Teléfono de recollida de entullos: 665 571 555

Dende a concellería de Limpeza recordan que depositar entullos na vía pública está prohibido e é obxecto de sanción.

O Concello do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de cita previa.  Todos aqueles que queiran desfacerse de voluminosos deberán chamar ao 655 571 555 e o servizo de limpeza municipal indicaralles onde e cando deben depositar estes enseres.

Tamén poden acudir directamente ao Punto Limpo, sito no Polígono A Granxa (Rúa Cíes 187) de luns a venres en horario de 10 a 14 h (os luns tamén de 16 a 20h).