O Entroido volve este ano ao Porriño

O Concello do Porriño traballa xa na elaboración das bases do Entroido 2022. A expensas da evolución da pandemia e tamén do protocolo específico comprometido pola Xunta de Galicia que permita determinar a data do desfile, o goberno municipal aclarou hoxe que o Entroido volverá este anos ás rúas do Porriño e xa se está organizando.

“Temos claro que esta é unha das festas máis agardadas por moitos porriñeses e porriñesas e por iso decidimos seguir adiante e facelo con todas as garantías sanitarias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo,  “En principio  o desfile de comparsas e o Enterro da Sardiña celebrarase nas datas establecidas, sempre que os protocolos sanitarios e a situación epidemiolóxica nos permita facelo con seguridade. De non ser así, o aprazaremos para cando sexa posible, pero o Entroido anegará as nosas rúas este ano”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez,  animou ás comparsas a “ir preparando os seus disfraces e carrozas para devolver a cor, humor e troula destas festas á nosa vila”.

 

 

 

Por un Porriño máis habitable: en marcha un plan de mellora das beirarrúas do casco urbano

O Concello do Porriño executará un ambicioso plan de obras para mellorar a accesibilidade das rúas do centro urbano.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado do edil de Vías e Obras, Ramón Porto, e a arquitecta municipal, visitaron a zona onde se proxectan as primeiras intervencións.

Intervirase en seis viarios e as obras consistirán na renovación das beirarrúas das rúas Pinar, José Fernández López, Enrique Peinador, Doutor Paz Varela e Tranvía, que presentan un importante e crecente estado de deterioro. Tamén se acometerán melloras nas das rúas  Codesal e  Cruceiro,  onde se eliminarán os afundimentos existentes, e repararanse os bordos e baldosas rotos ou desprazados.

Planéase tamén ampliar beirarrúas en varios tramos para mellorar o tránsito de peóns, conservando as árbores existentes e plantando algúns exemplares novos, e intervir en puntos nos que se detectaron barreiras arquitectónicas que limitan a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.

A planificación do  concello inclúe tamén a renovación do firme de varios destes viais.

En definitiva, trátase de adecuar, potenciar e acondicionar o que é un dos principais itinerarios peonís da vila.

“Falamos dunha obra moi necesaria para o tránsito de peóns que ao mesmo tempo recuperará a estética dunha das zonas máis concorridas do Porriño”, explicou o alcalde, “Estas rúas dan acceso ao Centro de Saúde, ao instituto, aos colexios e a moitos servizos que cada día usan os porriñeses, ademais que contar coa maior densidade de poboación do centro urbano. É unha das principais arterias do municipio e debe ser accesible, habitable e  disfrutable”.

O rexedor concluíu explicando que se trata só do primeiro dos proxectos de obra encargados dentro do plan de mellora da accesibilidade do centro urbano. “Somos conscientes de que non é o único punto do centro que presenta carencias neste sentido”, afirmou, “As necesidades que presenta Porriño son moitas e é necesario planificar as actuacións.  Desa maneira poderemos dar resposta a todas elas”.

 

O Concello do Porriño actuará con contundencia ante os verquidos ilegais

Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, advertiuse hoxe que o Concello do Porriño actuará con contundencia ante os verquidos ilegais que se están a detectar no municipio.

A concelleira amosou a súa preocupación polo aumento de depósitos de residuos en zonas non permitidas do municipio e recorda que se trata de acción ilegais que conlevan importantes sancións económicas.

En moitos casos trátase de neumáticos que están sendo tirados en vertedoiros ilegais. “Tal e como recolle a normativa sobre a xestión de neumáticos fora de uso o almacenamento dos mesmos tense que levar a cabo en condicións de seguridade e salubridade adecuadas e en instalacións que cumpran coas condicións establecidas na deVandita normativa”, explicou a edil, Antía Carrera, “Do mesmo xeito , a norma que regula os residuos e solos contaminados recolle expresamente que está prohibido o abandono, verquido ou eliminación incontrolada de neumáticos fora de uso en todo o territorio nacional ao igual que o depósito en vertedoiro de neumáticos fora de uso”.

As sancións que conleva imcumprir esta norma son considerables: desfacerse de neumáticos non usados en zonas non autorizadas supón unha multa de 901 ata 45.000 euros.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que “estes verquidos non son só unha falla de civismo, senón que supoñen un deterioro grave para o medio ambiente e por iso dende o Concello serán perseguidos”. O rexedor concluíu apelando á colaboración cidadá para “poner fin a estas prácticas que nos perxudican a todos e todas”.

Número para a recollida de entullos: 665 571 555

Por outra banda, a concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González lembra que deixar enseres na vía pública sen previo aviso está prohibido conleva unha sanción de 600 euros.

 

O alcalde recolle as demandas dos veciños e veciñas de Cans

Representantes da Asociación de Veciños Castelo de Cans trasladaron ao goberno municipal as necesidades da súa parroquia nunha reunión na que estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Asociacións, Parroquias e Cultura, Bienvenido Estévez.

A xuntanza, incluída na rolda de reunións que o novo executivo está a manter coas asociacións culturais e veciñais do municipio, foi unha primeira toma de contacto onde os veciños trasladaron a necesidade de solucionar varias cuestións que afectan á parroquia, entre elas a limpeza, alumeado, o asfaltado de viais e varias intervencións que se requiren en vivendas e lugares puntuais.

Dous dos temas que centraron a xuntanza foron a histórica reclamación da veciñanza para o acondicionamento do local que utiliza a asociación e veciños e o arranxo da bancada e peche do torreiro.

Co compromiso de responder ás peticións da veciñanza de Cans o Alcalde afirmou que inciará “as xestións precisas para solucionar os problemas que nos trasmiten e ir valorando da man dos veciños e veciñas as que se poidan presentar”. Consciente de que moitas destas reclamacións levan anos sen ser atendidas, Lorenzo prometeu “traballar desde xa para que a veciñanza desta parroquia recupere a confianza no seu Concello” e concluíu “é unha parroquia pequena, como a miña, pero ten o mesmo peso que as outras que forman O Porriño e nesa liña traballaremos”.

O novo Goberno Municipal presentará un recurso para recuperar 645.000 euros perdidos do REACPON para humanizar Antonio Palacios

O novo goberno municipal, presidido por Alejandro Lorenzo, recurrirá o ditame da Deputación de Pontevedra que desestima a achega ao Concello do Porriño ao abeiro do programa REACPON. 

O proxecto de humanización e prolongación da rúa Antonio Palacios presentado polo anterior executivo local para a súa financiación con fondos provinciais non acadou o 50% da puntuación requerida nas bases.

“Falamos de 645.000 euros que nos permitirían levar a cabo unha obra de gran interese para o casco urbano e moi demandada polos veciños á que non podemos renunciar por unha mala xestión”, explicou Alejandro Lorenzo, “Faremos o que estea nas nosas mans para recuperala, comezando pola presentación dun recurso de reposición para que se revise o proxecto”.

A rúa Antonio Palacios ten un gran tránsito, tanto rodado como peonil, polo que sería adecuado levar a cabo as obras precisas que garantan a seguridade peonil e de circulación, proxectar pasos de peóns sobre elevados, plantar árbores e ademais de dispor zonas de uso e disfrute para a veciñanza e a creación dun carril bici.

 

O Porriño amplía os horarios da sala de estudio e xestiona a súa apertura tamén as fins de semana

O Concello do Porriño, a través da concellería de Cultura que dirixe Bienvenido Estévez, está a xestionar a reorganización de horarios e espazos da sala de estudos para atender á demanda do colectivo de estudantes.

O departamento de cultura iniciará os trámites para a contratación de persoal que permita que as instalacións estean abertas as fins de semana e horarios especiais para épocas de exames para que os mozos e mozas do Porriño dispoñan dun lugar propicio para o estudo no seu municipio. “Tamén estamos a valorar fórmulas para reubicala e coordinar o servizo coa Biblioteca Municipal”, afirmou o edil, Bienvenido Estévez.  

Mentres tanto, e atendendo á petición dos usuarios, ampliaranse os horarios da sala de estudio habilitada no centro cívico, que permanecerá aberta de luns a venres de 8:30h a 22 h de maneira continuada.

“Os horarios deben ser acordes aos horarios lectivos dos estudantes para poder responder ás súas necesidades”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Queremos que a sala de estudo estea aberta os sete días da semana e xa iniciamos as xestións necesarias para que así sexa. Os estudantes do Porriño teñen que disponer dese servizo no seu concello”.  

O Porriño recupera un dos seus tesouros naturais: o Paseo do Louro

O Goberno Municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, vén de poñer en marcha un plan de  recuperación e acondicionamento do paseo do río Louro a fin de recuperar este espazo como a alternativa verde de lecer saudable.

A tal fin, o rexedor anunciou hoxe que xa se traballa na licitación do mantemento e limpeza da senda fluvial. “O paseo do Louro é un lugar moi frecuentado polos veciños e veciñas para facer deporte ou pasear ao carón do río e é esencial que estea en boas condicións para poder disfrutar da contorna natural que ofrece”, explicou Lorenzo, “É o pequeno pulmón verde do centro urbano e neste momento atópase en moi malas condicións, por falta de mantemento, limpeza e iluminación”.

No marco deste plan de recuperación, iniciase tamén o acondicionamento funcional e estético da senda que discorre ao carón do río e das súas pontes. Unha labor que levarán a cabo os 10 alumnos/as traballadores/as da especialidade de carpintería do Obradoiro de Emprego Porriño Labora, promovido polo Concello do Porriño a través dunha subvención da Xunta de Galicia.

O rexedor, acompañado pola concelleira de Emprego, Rosario Costas,  persoal do Obradoiro de Emprego e técnicos municipais, visitou hoxe a zona para valorar sobre o terreo as accións que se van a acometer.

“Realizaranse reparacións no valado de madeira do paseo, repararemos os tramos das pontes que se atopan en mal estado e recuperaranse os bancos  que hai na senda que están deteriorados”, apuntou o Alcalde, “Tamén se ampliarán tramos con pavimento de madeira para poder pasear con comodidade, en definitiva, arranxaranse todos os elementos que se atopan na senda respectando a contorna natural”.

Pola súa banda, Rosario Costas, quixo destacar que estes obradoiros de emprego son “unha moi boa oportunidade para as persoas que carecen de formación xa que, se obteñen por un lado formación certificada con Certificados de Profesionalidade válidos en todo o país e á vez perciben un soldo”.  

O Concello do Porriño acondicionará a aula de xogo da escola unitaria de Mosende

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo,  iniciou hoxe a súa ronda de visitas aos centros educativos do municipio e o fixo na Escola de Educación Infantil de Mosende.

Son oito os cativos que están escolarizados nesta unitaria que da servizo ás parroquias de Mosende, Pontellas e Chenlo, e para o alcalde “é prioritario que o fagan en boas condicións”.

Trátase dun edificio que, aínda que depende da Xunta, é de titularidade municipal, e a falta de mantemento dos últimos anos fai que as condicións non sexan as adecuadas, máis se cabe cando falamos de nenos pequenos, de 3 a 6 anos.

“O edificio necesita melloras e reparacións que me comprometo a acometer”, explicou Alejandro Lorenzo, “Esta escola ten que manterse, é parte da nosa historia e un servizo que se presta ás familias destas parroquias. O edificio ten un especial encanto e dispón das instalacións precisas para impartir esta etapa educativa, pero ten que ser acondicionado”.

A escola necesita que se arranxen os aseos, o tendido eléctrico, a calefacción e a instalación dunha canaleta que evite os charcos que se forman á entrada. Esta mesma semana operarios municipais repararon a cuberta que estaba a provocar filtracións de auga e humidades e a continuación procederase ao pintado do centro.

Tras visitar a sala de xogos, que conta con piso de lousa, Lorenzo comprometeuse a cámbialo por tarima flotante, que garantirá que os alumnos e alumnas poidan xogar con máis comodidade e en mellores condicións.

O emblemático Quiosco de Mucha transformase en biblioteca escolar

O coñecido “Quiosco de Mucha” iniciará unha nova etapa este curso transformado en Biblioteca de Patio do CEIP Plurilingüe Antonio Palacios.

O que foi un dos elementos máis representativos da Praza Arquitecto Antonio Palacios instalouse alí na década dos 90 e varias xeracións de porriñeses e porriñesas compraron nel prensa e lambetadas. Tras varios anos en desuso e atopándose nunhas pésimas condicións, o Concello decidiu retiralo no ano 2016 e desde entón permanecía tirado nas instalacións municipais de Torneiros.

Foi alí onde Tatiana Pérez, responsable de Biblioteca deste centro escolar de Torneiros e impulsora da iniciativa, o vía cada mañá ao acudir ao cole.

“O quiosco de Mucha é algo especial para todos os porriñeses e pareceume que sería interesante reutilizalo”, explica Tatiana, “Desde hai anos levamos a cabo un plan de mellora do patio e tamén pretendemos levar a lectura a máis espazos do centro. O quiosco é perfecto para axuntar ambas as cousas reconverténdoo nunha biblioteca de patio onde os nenos e nenas poidan coller libros para ler e tamén xogos de mesa no recreo”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o colexio para interesarse polo proxecto e comprometeuse a colaborar no que sexa necesario para a súa posta en marcha. Así, o  Concello levará a cabo a restauración e posta a punto do quiosco, que inclúe o cambio de xanelas, reparación do interior e instalación de chan.

“Pareceume unha idea marabillosa e faime unha especial ilusión que este quiosco tan emblemático da nosa vila se convirta nun lugar que albergue libros e reivindique o hábito de ler entre os máis pequenos como unha alternativa de lecer”, afirmou Lorenzo, “Os nenos e nenas do Porriño de entón crecemos acudindo ao quiosco de Mucha e alégrame enormemente que os nenos  e nenas do Porriño de agora poidan seguir facéndoo”.

O rexedor anunciou que esta semana comezará unha ronda de visitas aos centros escolares para coñecer da man dos seus equipos directivos as necesidades que presentan.

 

24 mulleres participan na primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina

Un total de 24 mulleres de diferentes idades participaron hoxe na que foi a primeira quenda do ano do curso de defensa persoal feminina que organiza o Concello do Porriño, coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Policía Local.

O curso conta con monitores de defensa persoal que, en colaboración con axentes da Policía Local, ensinan ás participantes técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais.

A concelleira de Igualdade, Carolina González, participou hoxe da clase e ao terminar animou a todas as mulleres a acudir ás seguintes xornadas.  “É unha experiencia enriquecedora e moi práctica para a nosa vida cotiá que nos axuda a estar preparadas para resolver situación de risco”, apuntou a edil.

Para asistir non é preciso ter unas condicións físicas específicas nin rexistro previo. A asistencia é totalmente gratuita e está aberta a que participen mulleres dos concellos da contorna. 

As clases impártense en dúas quendas ao mes, en sábadoalternos, polo que a vindeira será o sábado 29 de xaneiro, como sempre no ximnasio Jovhen Sport de 10h a 12h.