O comité directivo do Consorcio de Augas do Louro, presidido por Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, aceptou a proposta de adxudicación para a contratación de seis obras en materia de saneamento no Concello do Porriño. As actuacións supoñen unha inversión de máis de 900.000 euros e darán servizo a preto de 300 veciños de distintas parroquias.

Serán unhas 80 vivendas as que a finais deste 2023, algunhas delas antes xa de rematar o verán, estarán conectadas ao sistema de saneamento do Louro. “Trátase de darlle á veciñanza un servizo básico que lle corresponde, que neste caso levamos a cabo con fondos propios do Consorcio, que non debemos esquecer que dependen dos recursos que aporta cada municipio (Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui), co pago dos impostos dos seus cidadáns, pero que dende todos os concellos debemos impulsar e dar prioridade a actuacións como estas, con axuda tamén doutras entidades supramunicipais, para dar resposta a todas as demandas”, explica o presidente Alejandro Lorenzo.

Estas seis actuacións no termo municipal do Porriño son: na Rebouza, parroquia de Atios, onde se instalarán 700 metros de tubaxe que conectarán á rede de saneamento a unha ducia de casas, beneficiando a máis de 40 veciños, cunha inversión de 145.436,17 euros. Outro dos proxectos engloba catro actuacións dúas en Atios (Portela de Souto e en A Rocha-Covelo), unha en Pontellas (Igrexa-Centeáns Arrotea) e outra en Torneiros (San Roque-A Areeira), nas cales a inversión chega aos 310.846,18 euros e suporán a posta en funcionamento de máis dun quilómetro de canalización, dando servizo a 19 casas e preto de 70 usuarios. Por último, a de maior magnitude en canto a inversión e beneficiarios, é a proxectada na estrada de Mosende a Tui, en Madorras, onde se instalarán seis colectores cunha lonxitude de 1.100 metros e unha estación de bombeo, ademais esta actuación permitirá anular un canon de vertido non autorizado da CHMS e poñer en servizo outros 1.200 metros lineais de canalizacións existentes posibilitando así a conexión á rede de medio cento de edificacións, entre as que se atopa tamén a Escola de Mosende, e preto de 200 habitantes; a inversión neste caso é de 450.460,17 euros.

Prevese que ao longo do vindeiro mes de xuño comecen a executarse os traballos de todas estas actuacións, quedando rematadas antes de que finalice o ano.

Con todo, Lorenzo volve facer fincapé en que “as inversións continuaranse nos próximos meses: máis proxectos, licitacións e recepcións de obras que irán completando e tecendo toda a rede de saneamento dos catro municipios para dar servizo á totalidade da veciñanza”.