Os “Coidados porta a porta” chegan ao Porriño en maio

O Porriño recibirá os días 4, 5 e 6 de maio, a visita da unidade móbil de “Coidados porta a porta”, a iniciativa da Xunta de Galicia para achegar aos maiores de 55 anos as consultas de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria.

Profesionais sanitarios atenderán as consultas básicas e realizarán exploracións e valoracións nestas tres especialidades.

Cabe destacar que é un servizo gratuíto pero que require cita previa. Todas aquelas persoas que queiran facer uso deste servizo deberán solicitar cita no teléfono 622 748 283 ou a través do correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal .

A unidade móbil estacionará no aparcamento da Piscina Municipal.

O Concello acomete melloras nos centros escolares aproveitando as vacacións de Semana Santa

Aproveitando as vacacións de Semana Santa, o Concello do Porriño levou a cabo melloras nos centros educativos do municipio.

Operarios municipais levaron a cabo as reformas demandadas pola comunidade educativa, ademais de pequenas actuacións necesarias para garantir a seguridade e accesibilidade.

Entre elas, a reparación da baixante e canalización de pluviais do pavillón do CEIP Plurilingüe de Atios, o acondicionamento de parte do patio do CEIP Cruz Budiño,  e a execución do acceso adaptado no IES Pino Manso e no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios, onde tamén se acometeu a mellora de varias portas do ximnasio e a reforma do coñecido Kiosko para transformalo na Biblioteca de Patio.

Ademais, leváronse a cabo traballos de poda e xardinería nos diferentes centros. Ao término das vacacións as melloras nos centros escolares continuarán tal e como están programadas polo Goberno Local.

“Que os nenos e nenas do Porriño poidan cursar os seus estudios nas mellores condicións é  unha prioridade para este goberno”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Apostamos por unha educación pública de calidade e no marco das nosas competencias non escatimaremos esforzos para que así sexa”.

 

O proxecto ECOYOUTH no Porriño: colaboración na educación e na sustentabilidade

Os participantes no proxecto EcoYouth, coordinado polo Concello do Porriño e financiado con fondos da Unión Europea, foron recibidos onte na casa consistorial do Porriño pola alcalde, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Educación, Carolina González, e a concelleira Lourdes Moure.

Trátase dunha iniciativa na que participan o instituto porriñés Ribeira do Louro, a Universidade de Cabo Verde e asociacións de Portugal e Mozambique, que ten como obxectivo promover o empoderamento da mocidade na loita contra o cambio climático nos países participantes no proxecto.

As diferentes delegacións estarán no Porriño ata o venres desenvolvendo diferentes accións e actividades e seminarios dirixidos a empoderar á mocidade para facilitar a transición ecolóxica.

A primeira delas, tivo lugar esta mañá. Os participantes no proxecto visitaron as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable dos Valos e a Estación Depuradora de Augas Residuais, en Guillarei.

O alcalde e a concelleira de Educación acompañáronos nesta primeira xornada onde profundizaron na xestión de residuos, a depuración e o ciclo integral da auga.

“Esta experiencia está a ser moi enriquecedora, non só para eles, tamén para nós”, afirmou o rexedor, “O coñecemento e os valores medioambientais son a base deste proxecto, pero tamén o é a convivencia que reforza sen dúbida a aprendizaxe”.

Budiño será epicentro do ciclismo este domingo

O Porriño volverá ser este domingo epicentro do ciclismo . Máis de 600 deportistas subiranse á bici para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Oscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron onte a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.  Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.  

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e  14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: Benxamíns, Promesas, Principiantes, Alevíns e infantís.

 II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas.  A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

Beatriz Cabaleiro, finalista do premio Frei Martín Sarmiento

“Clover, unha porquiña diferente” é finalista no premio literario Frei Martín Sarmiento. A autora, a porriñesa Beatriz Cabaleiro, foi recibida no Concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e os concelleiros de Cultura e Educación, Bienvenido Estévez e Carolina González, para darlle a noraboa pola súa nominación e desexarlle moita sorte.

O libro, un dos poucos álbumes ilustrados bilingües en galego e inglés, opta a facerse co galardón na categoría de 1º e 2º de primaria. En maio saberemos se a autora, xunto coa ilustradora Blanca Millán, reciben o premio.

“Clover”, o debú literario de Beatriz Cabaleiro, é unha obra de literatura infantil publicada por Aira Editorial que conta as andanzas dunha porquiña norirlandesa que acaba de chegar ao equipo de baloncesto de Vila Liberdade. As súas manchiñas, coa curiosa forma do trevo, chamarán a atención das súas compañeiras e espertarán as súas supicacias. A través das súas páxinas os pequenas/os lectoras/es entenderán a importancia de respectar a diversidade e afondarán nos valores do respecto e a igualdade.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, felicitou a Beatriz e amosou o seu “orgullo porque O Porriño estea formado por xente coma ti, comprometida coa cultura e co seu pobo” e animouna a seguir “dando o mellor de ti mesma e facendo sempre o che apaixona. Esta nominación, e o premio que estou seguro recollerás,  dan  boa conta da importancia do teu traballo”.

Sobre a autora

Beatriz Cabaleiro naceu en 1992. Graduada en Xornalismo pola USC e na English Studies College of Marin, actualmente compaxina a docencia coa escritura. Tamén é membro do departamento de comunicación do Marisquiño e colaboradora do Festival de Cans. Redacta contidos relacionados coa cultura e a diversidade en diarios dixitais e exerce como profesora.  

O Porriño celebra “Do Libro ás Letras”

O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño celebra este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título “Do Libro ás Letras”. Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os días 18 de abril e 2 e 16 de maio na Biblioteca, en horario de 18 a 19:30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.

Nelas, as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán.

Programa especial despois de dous anos de celebracións a distancia

O club de lectura do Porriño volveu á súa actividade presencial o pasado mes de outubro, despois de case dous anos de pandemia, en que se vira obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia para conseguir manter viva a súa actividade.  En 2022, logo de dous anos en que tivera que celebrar estas dúas festividades na distancia, o club de lectura, que conta con vinte participantes, quere resarcirse con este programa especial presencial, organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes.

O ano pasado conmemoraron o Día do Libro compartindo unha fotografía mosaico onde saían todas a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura. Este ano, por fin, poden celebralo tamén cunha imaxe de todas xuntas na biblioteca, acompañadas polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.

E, se en 2020 e 2021 celebraran o Día das Letras Galegas cun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario de poemas das dúas persoas homenaxeadas, Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias, respectivamente;  en 2022 poden por fin facer as lecturas e comentarios en formato presencial. 

Ademais, as ferramentas desenvolvidas durante eses dous anos a distancia seguen a empregarse agora para complementar a actividade presencial do club. A información destas actividades especiais pode consultarse no blog https://clublecturaporrino.wordpress.com/, un espazo virtual no que están accesibles as guías de lectura e comentario dos libros, así como podcasts, recomendacións de lectura e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.

O Concello propón á Xunta a creación dunha aldea modelo

A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño.

Así o acordaron o titular deste departamento, José González, e o alcalde, Alejandro Lorenzo , nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.

Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa.

Restablecido o subministro da Fonte de San Sebastián

A emblemática Fonte de San Sebastián xa funciona de novo.

O Concello do Porriño levou a cabo obras de acondicionamento da fonte para evitar, na medida do posible, posibles focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes de subministro.

As obras consistiron na canalización do caudal no tramo do nacente ata o grifo para impedir filtracións contaminantes e na construción dunha arqueta na entrada da mina para a conexión da auga non potable coa rede de pluviais.

“Unha vez realizadas as analíticas os valores paramétricos volveron á normalidade e por iso acordamos restaurar o subministro”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “Dentro dun mes volveremos analizar a auga para comprobar que segue a ser apta para o consumo”.

Pola súa parte, o alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou que dende o Concello “farase todo o necesario para manter o subministro con todas as garantías sanitarias”.

45 nenas e nenos participan no Campamento de Semana Santa

45 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos participaron hoxe na primeira xornada do Campamento de Semana Santa do Concello do Porriño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, achegáronse ata o pavillón municipal, onde se está a desenvolver a actividade, para darlles a benvida e desexarlles que disfruten ao máximo da experiencia.

As cativas e cativos levarán a cabo moitas actividades dirixidas a fortalecer as súas habilidades, potenciar a súa seguridade e autoestima e traballar os valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto.

O campamento desenvolverase os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá.

 

O alcalde súmase á celebración do Día do Pobo Xitano no CEIP da Ribeira

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira, Antía Carrera, participaron hoxe na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano do CEIP da Ribeira, en Torneiros.

Como cada 8 de abril, conmemórase o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres, no ano 1971, e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.

O rexedor quixo unirse a unha celebración “que segue a ser moi necesaria para rematar dunha vez por todas coa discriminación e a estigmatización deste pobo e poñer en valor a súa cultura e historia”. Neste sentido salientou a importancia de que dende os colexios se traballe en valores para contribuír a crear unha sociedade máis xusta. “Colexios como CEIP da Ribeira son un exemplo de integración, sensibilización social e convivencia. Un colexio de todas/os e para todas/os no que as nenas e nenos poñen en valor o orgullo da súa identidade e valores xitanos”, apuntou Lorenzo.

O alumnado deu a benvida ao alcalde e agasallouno con traballos feitos por eles mesmos.  Prepararon un programa de actuacións que foron dende lcturas de poemas de Lorca, exposicións dos seus valores e principios e, como non podía ser doutro xeito, música e baile. Lorenzo, non dubidou en arrancarse e bailar flamenco ao son dos caixóns, guitarras e tacóns.