Este sábado 29 comezan, con lista de espera, as visitas guiadas teatralizadas Antonio Palacios que seguirán ata outubro

Este sábado 29, a mediodía, comezará a primeira das dez visitas guiadas teatralizadas pola obra do excepcional arquitecto porriñés, promovidas polo Concello coa ocasión de celebrar o Ano Antonio Palacios polo 75 aniversario do seu falecemento.

Nesta primeira visita, previa inscrición por correo electrónico, haberá 8 persoas que é o aforamento completo que actualmente permiten as restricións anti-Covid decididas pola Xunta de Galicia. Os participantes partirán as 12 horas dende unha das obras icónicas de Palacios, o Templete da boca de metro da Rede de San Luis e percorreran durante 50 minutos outras obras realizadas polo arquitecto. Casa do Concello, a Fonte do Cristo ou a Botica Nova. Un actor e unha actriz encargaranse de representar a Antonio Palacios e a Corona Gónzalez, mecenas do arquitecto, contando ademais co acompañamento musical dun gaiteiro e un tamborileiro da Asociación Cultural Lumeirada.

“Xa temos lista de espera e agardamos que a Xunta alivie as restricións e permita maior aforamento para as vindeiras visitas”, manifestou Cami Moreira, concelleira de Cultura. O seu departamento xa ten datadas nove visitas máis que irán dende o 5 de xuño ata o 30 de outubro, segundo aparecen no cartel adxunto.

As inscricións deben realizase a través de correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org.

O Ano Antonio Palacios que celebra o Concello do Porriño comezou o 27 de outubro de 2020 coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal ante a tumba do arquitecto.

ADIF agarda financiar a supresión do paso a nivel con fondos “Next Generation”, segundo a información recibida pola alcaldesa

O ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) agarda que no prazo máximo de dez días rematen as catas xeotécnicas que están a realizar as empresas “GOC” e “Prointec” para determinar as características do chan. Coas conclusións dos traballos de sondaxes, acometerán a redacción do proxecto de construción coa alternativa que os técnicos elixan para soterrar a vía férrea e poñer en valor os terreos que se liberaran coa supresión do paso a nivel. Segundo o contrato que ADIF subscribiu con esas empresas, dispoñen dun prazo de 16 meses para entregar o proxecto, prazo que comezou a contar en novembro do ano pasado.

Esta información foi trasladada por Maria Luisa Domínguez, directora xeral de Planificación Estratéxica e Proxectos do ADIF á alcaldesa Eva García na reunión celebrada esta mañá na sede dese organismo en Madrid. Na reunión tamén participaron Miguel Angel Leor, Juan Carlos Monge e Luis Vicente Moreno, tamén directivos do ADIF.

A terceira cuestión que se abordou na reunión entre a alcaldesa do Porriño e os directivos de ADIF, é a consecución de fondos “Next Generation” da Unión Europea para o financiamento das obras. Eva García amosouse esperanzada polas expectativas que lle trasladaron os directivos do ADIF. 

“Saímos moi satisfeitos porque vemos que o proxecto avanza e que ademais xa está enriba da mesa o financiamento para a súa execución”, manifestou Eva Garcia. A alcaldesa asegurou que “o Concello do Porriño vai seguir pelexando para que se faga realidade”.

A Unidade Asistencial de Drogodependencias cede un local para reunións da escola de familias do programa “Achega” da Asociación “DOA Saúde Mental”

 

O Concello do Porriño cederá un dos locais da Unidade Asistencial de Drodependencias para a celebración de reunións da escola de familias do programa “Achega” da Asociación “DOA Saúde Mental”. Trátase dunha actividade subvencionada pola Xunta de Galicia.
Esta acción informativa e formativa de psicoeducación está destinada a aquelas familias que teñen algún membro cun trastorno mental grave ou una enfermidade mental crónica diagnosticada.
Mañá venres haberá unha primeira reunión do grupo psicoeducativo para familias e achegados para saber máis das enfermidades mentais, o seu manexo e como mellorar a xestión de certas situacións.
Os interesados poden contactar a través de número de teléfono e Whatsapp 664 64 93 07 ou a través de correo electrónico no enderezo jessica.gonzalez@asodoa.org

Deixamos ligazón con máis información 

Cartel informativo Escuela de familias – Achega

Dous axentes da Policía Local evitaron un suicidio desde unha ponte no polígono das Gándaras

Dous axentes da Policía Local do Porriño evitaron onte o suicidio dunha persoa que estaba na varanda da ponte de acceso á Autovía A55 co polígono das Gándaras. Grazas á colaboración cidadá recibiuse aviso de que unha persoa estaba agarrada pola parte exterior da varanda da ponte, “con claras intencións de arroxarse cara a vía do tren”, segundo sinala o atestado. Cando a patrulla policial chegou atoparon esa situación e tamén a un grupo de persoas que, a unha distancia prudencial, intentaban convencelo para que non se tirara. Nese intre circulaba un tren por debaixo da ponte.
Os dous axentes actuaron con rapidez e destreza. Mentes un deles empezou a falar coa persoa que pretendía tirarse, o outro policía agarrouno polos brazos e o pescozo para evitar que se lanzase e puideron retiralo da zona de perigo ata que chegou unha ambulancia e tralasdouno ata o Centro de Saúde.
A persoa protagonista desta tentativa de suicidio identificouse como un veciño de Salceda de Caselas, de 47 anos.

A alcaldesa reunirase en Madrid co “Adif” para coñecer as xestions para acadar fondos da UE para suprimir o paso a nivel

Eva García de la Torre viaxará o xoves a Madrid para manter unha reunión de traballo con responsables do “ADIF” (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) a fin de coñecer de preto como están as xestións que realiza este organismo para acadar fondos para suprimir o paso a nivel do centro urbano do Porriño

“ADIF” xa anunciara que o o financiamento deste proxecto realizarase con fondos “Next Generation” da Unión Europea.

A alcaldesa terá a reunión o venres 28, ás 9,30 horas con María Luisa Domínguez, directora xeral de Planificación e Proxectos e outros directivos do ADIF.

Namentres este mediodía Eva Garcia comprobou, á altura da Praza de Abastos, o avance das catas xeotécnicas que realizan as empresas “GOC” e “Prointec”, contratadas polo ADIF para estes traballos. Os resultados destas sondaxes servirán para definir a solución que contemplará o proxecto de supresión do paso a nivel.   

Este xoves inaugurase a V Feira do Libro do Porriño

 

A Feira do Libro do Porriño que cumprirá a súa quinta edición, volverá a partir deste xoves ás rúas da nosa vila despois dun ano de parón forzoso pola pandemia. A montaxe dos stands está a realizarse hoxe na rúa peonil, diante da Casa do Concello.

A Feira do Libro do Porriño será a terceira que se celebra este ano na nosa comunidade e será a primeira que terá lugar nun concello da provincia pontevedresa.

Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Victoria Alonso, deputada provincial delegada de Cultura e Cami Moreira, concelleira de Cultura do Porriño interviran no acto de inauguración que abrirá un representante da Federación de Librarías de Galicia.

O escritor novel porriñés Juancho será o encargado de pronunciar o pregón de apertura da Feira e a partir das 19,30 horas xa será visitable. Haberá catro stands das librarías “Cortizas”, “Recondo”, “Pedreira” e “Paz” e un quinto, da Deputación Provincial que estará presente cun stand sen actividade mercantil, tan só vai ser un espazo expositivo das publicacións nas que colaborou a institución provincial.

Nesta primeira quenda da Feira, o escritor local Juancho firmará exemplares do seu primeiro libro ‘Na procura do medo esquecido’, editado por “Galaxia”. Ao longo das seguintes xornadas ata once escritoras como Ledicia Costas ou María Reimondez, participaran na Feira firmando exemplares. Ao respecto, a concelleira de Cultura, Cami Moreira reivindicou que a Feira do Libro do Porriño “contribuirá a visibilizar a esas escritoras que moitas veces están ao marxe e hai que facer porque sexan coñecidas e recoñecidas pola súa valía”.

A Feira funcionará en horarios de mañá e tarde e rematará o domingo 30 de maio.

Hoxe celebrase pleno municipal ordinario de maio

A aprobación definitiva do contrato coa empresa “Soom Management”, nova concesionaria da Piscina Municipal do Porriño é un dos asuntos que se tratarán no pleno municipal ordinario que celebrará esta tarde a corporación local, a partir das 18 horas.

A aprobación provisoria desa adxudicación decidiuse en marzo e hoxe vai para a súa ratificación. No seu día aceptouse a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management” que foi a plica mellor valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e o compromiso de subrogar ao persoal actual de 24 traballadores desa instalación deportiva.

Tamén os corporativos coñeceran a proposta da mesa de adxudicación da licitación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e xestión do “Punto Limpo” do Concello, en favor da empresa “Valoriza Servizos Medio Ambientais”. 

Ademais o temario da sesión inclúe media ducia de mocións que se especifican na orde do día que se adxunta no seguinte “pdf”. 

Pleno Mayo 2021

 

 

 

A concelleira de Seguridade deu a benvida aos novos voluntarios que realizaran prácticas na Agrupación de Protección Civil do Porriño

Seis voluntarias e voluntarios que realizaran as súas prácticas de formación en atención de emerxencias, comezarán mañá mércores na Agrupación de Protección Civil do Porriño, ás ordes de Suso Gónzalez “Carrola”, responsable da unidade.

Están a realizar o curso de FP “Atención Sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes” para obter o certificado de profesionalidade no ámbito da atención sanitaria. Os alumnos e alumnas, de idades comprendidas entre 22 e 50 anos, comezaron en febreiro a súa formación teórica que, agora, van completar con as prácticas na Agrupación de Protección Civil do Concello do Porriño.


Lourdes Moure, concelleira de Seguridade, encargouse de darlles a benvida ao Concello do Porriño onde cada un deles realizarán 120 horas de prácticas atendendo accidentes, emerxencias, servizos de orde en probas deportivas e outros eventos.

Estas prácticas realízanse ao abeiro dun convenio entre o centro de formación CIFP Manuel Antonio, de Vigo, e o Concello do Porriño.

Na presentación dos voluntarios, acompañaban á concelleira de Seguridade, o Inspector Xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, o responsable da Agrupación de Protección Civil, Suso Gónzalez Pexegueiro, e a titora dos alumnos, María del Carmen López, en representación do CIFP Manuel Antonio. 

Firmada na notaría a venda dunha parcela municipal á empresa “Iberembal”para a construcción dunha fábrica de envases metálicos

Eva García, alcaldesa do Porriño firmou este mediodía con Enrique Mastral, director xeral da empresa “Massilly Ibérica Iberembal”, a operación de compra venda dunha parcela municipal que a industria navarra adquire para construir unha fábrica no termo municipal.

O predio ten 13.335 metros cadrados de superficie dos que 10.668 son edificables con fins industriais. Localizase no PPI 7, na parroquia de Budiño.  A firma compradora vai construir unha factoría de envases metálicos para conservas alimenticias. O director xeral da firma manifestou que “temos en marcha un importante proxecto de futuro para o seu desenvolvemento nos mercados de Galicia e Portugal”

“Masilly Ibérica IBEREMBAL” fora a única empresa que presentou plica no prazo de presentación de ofertas que o Concello do Porriño convocara e que rematou en decembro de 2020.

A operación é por un importe de 960.000 euros (máis IVE) o que suporá un ingreso moi importante para a tesorería municipal que “se destinará a diversos investimentos no concello para a mellora da calidade de vida da veciñanza”, manifestou a alcaldesa, Eva Garcia ao remate da firma.

Instrucións para inscribirse como público para o vindeiro pleno municipal

O vindeiro pleno da corporación municipal do Porriño celebrarase o mércores 26 (18 horas) e volverá a ser público. Coa ocasión das restricións de aforamento e dado que o salón de plenos ten capacidade para 32 persoas, tan só se permitirán 10 persoas como público. As veciñas e veciños interesados en asistir deberán rexistrar a súa petición a través da aplicación “BandoMóvil O Porriño Informa”. Por estrito orde de chegada e ata esgotar a cota.
No caso de non ter a aplicación, pódese descargar en “Google Play” ou na “App Store”. E tamén é posible comunicar a través do email, dende a a web https://www.bandomovil.com/porrino