Letras Galegas 2021: Inaugurada a exposición “A poesía do retrato”

 
Hoxe celebrouse o acto de inauguración da exposición “A poesía do retrato”, dedicada a Xela Arias, coa ocasión das Letras Galegas 2021.
Desenvolveuse no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. Cami Moreira, concelleira de Cultura actuou como mestra de cerimonia. O acto contou coa actuación da pianista Brais González Pérez. Na presentación tamén participaron o fotógrafo Xulio Gil; a escritora, Marga do Val e Pepe Puga, representante da editorial “Engaiolarte”. 
 
“A poesía do retrato”, é unha mostra baseada nunha reunión de retratos realizados por Xulio Gil en diferentes épocas de Xela Arias, emparellados con fragmentos da poesía dispersa da autora que se lembra este ano coa ocasión do Día das Letras Galegas.

Charlas de prevención da violencia psicolóxica ao alumnado dos centros de ensino secundario

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e a Concellería de Educación promoveron un ciclo de charlas de prevención da violencia sicolóxica dirixidas a mozas e mozos, alumnos dos centros de ensino secundario que se están a impartir durante esta semana.

Hoxe, a concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiu ao IES Pino Manso para seguir unha desas charlas que imparten Elena Gómez Amoedo, técnica superior en promoción de igualdade de xénero; Daniel Rodriguez González e Tania González Iglesias, funcionarios adscritos á unidade de policía xudicial de violencia de xénero en O Porriño.

A concelleira faloulles ás mozas e mozos de que presten “moita atención ás recomendacións destes técnicos e que ao menor indicio ou síntoma de que poidan estar sendo obxecto de violencia psicolóxica que reaccionen denuncien”.

O obxectivo destas charlas é formar os alumnos e alumnas na problemática da violencia de xénero e facilitarlles ferramentas para a detección, a prevención e a intervención fronte aos malos tratos físicos e psicolóxicos á muller, especialmente por parte das súas parellas. Así mesmo, abordase a problemática dos malos tratos no noivado e entre adolescentes.

As charlas están a desenvolverse nos centros IES PINO MANSO, IES RIBEIRA DO LOURO, CPR STO. TOMAS e CPR HNOS. QUIROGA. En total serán 97 as alumnas e alumnos participantes, con idades entre os 14 aos 16 anos.

 

O Concello renovou a achega anual co “Porriño Baloncesto Base”

 

Este mediodía, José Ruiz, presidente do “Porriño Baloncesto Base” firmou coa alcaldesa, Eva Garcia, en presenza do concelleiro de Deportes, David Alonso, a renovación do convenio anual polo que o Concello do Porriño outorga unha subvención nominativa ao “PBB” por un importe de 90.000 euros.

O PBB “é un dos clubes con máis impacto na promoción do deporte base, tanto polo seu traballo coas categorías inferiores como pola visibilidade que lle da o equipo senior en competición nacional, que milita na Liga EBA”, subliñou o concelleiro de Deportes.

Alonso Bargiela lembrou que con esta achega “estamos a dar continuidade no pulo ao baloncesto que por este Concello con diferentes gobernos municipais, vence realizando desde 1996 por un importe global que xa acadou os 4 millóns de euros, cantidade que se equipara coa que ten recibido o Balonmán Porriño e que supón un trato preferente sobre outros deportes”, segundo reivindicou o concelleiro.

Plan de bacheos: arranxos en Budiño, no Polígono Industrial A Granxa


O Concello do Porriño segue a desenvolver o plan de bacheos que realiza a Concellería de Vías e Obras en rúas e estradas de titularidade municipal en todas as parroquias do termo municipal. Hoxe actúase en Budiño, nomeadamente en rúas do Polígono Industrial de A Granxa para reparar numerosos desperfectos orixinados polo numeroso tráfico pesado que soportan.
A alcaldesa Eva García e a concelleira delegada, Lourdes Moure acudiron a comprobar os traballos en compañía de Miguel Feijóo, encargado da brigada de obras.
As imaxes refiren os arranxos que se realizaban na rúa “J A Toxa” na confluencia coa avenida principal, á altura das naves das empresas “Megalta” e “Velpa”. Esta actuación solicitouse ao Concello na última reunión da comisión delegada da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono A Granxa.
As obras realízanse con medios propios e os contratados por concurso para subministrar materiais e maquinaria pesada.

 

 

 

A Policía Local avisa de cortes de tráfico e solicita a retirada de vehículos estacionados nas rúas afectadas polo paso da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo.

A Policía Local do Porriño informa á veciñanza de que esta vindeira fin de semana, haberá cortes de tráfico e restricións para estacionamento de vehículos coa ocasión de celebrarse a “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que discorrerá por Porriño e outras poboacións da contorna.

Engadimos nas dúas imaxes adxuntas, os rutómetros das etapas con horarios de paso previstos e as rúas e estradas polas que circularán os ciclistas.

O sábado 8, data da segunda etapa con saída e chegada en Mos, haberá cortes de tráfico puntuais a partir das cinco da tarde cando a caravana circule en dirección Tui, e posteriormente, a partir das seis e media da tarde, cando regrese por Cans, rúa Antonio Palacios e Avenida de Galicia en dirección ao Pazo de Mos.
O domingo 9, coa ocasión da terceira e última Porriño-Porriño, haberá as maiores restricións.


A Policía Local solicita aos condutores que non estacionen os seus vehículos desde as 8.00 horas na avenida Domingo Bueno, en ambas marxes (entre a intersección con Fernández Areal ata a praza de San Sebastián). Tampouco poderá estacionarse, no mesmo horario, na rúa Parque Infantil que será cortada ao tráfico, de mesmo xeito que a rúa San Sebastián, entre a capela de San Bieito e a praza de San Sebastián.
A Policía Local prega a colaboración dos condutores e advirte que os vehículos que estean estacionados nas devanditas rúas, serán retirados polo guindastre.
A Policía Local sinalizará nas rúas afectadas e colocará follas informativas nos parabrisas dos vehículos para lembrar estas circunstancias aos condutores.



 

Letras Galegas 2021: A alcaldesa inaugurará a exposición “A poesía do retrato”, adicada a Xela Arias

 

A inauguración será este xoves 6, ás 19:00 h., no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. O acto estará presidido por Eva Garcia de la Torre, alcaldesa do Porriño, en compañía de Cami Moreira, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística. Iniciarase coa actuación da pianista Brais González Pérez. Na presentación participarán o fotógrafo Xulio Gil; a escritora, Marga do Val e Pepe Puga, representante da editorial “Engaiolarte”. A cerimonia rematará cunha visita á exposición.

“A poesía do retrato”, é unha mostra baseada nunha reunión de retratos realizados por Xulio Gil en diferentes épocas de Xela Arias, emparellados con fragmentos da poesía dispersa da autora que se lembra este ano coa ocasión do Día das Letras Galegas.

A inscrición para asistir ao evento de inauguración estará aberta ata hoxe mércores e ten que facerse a través do correo ao seguinte enderezo electrónico: cultura@oporrino.org, indicando os seguintes datos:
Indicar en asunto: “Exposición A Poesía do Retrato”
Nome e apelidos de cada asistente e número de teléfono.

Exposición “A poesía do retrato”

Actos “A Mocidade coas Letras Galegas 2021”


Este serán remataron os actos coa colocación das pancartas realizadas por mozas e mozos porriñeses, alumnos do IES Ribeira do Louro, en colaboración co persoal de “Vella Escola”. As pancartas colocáronse nas fachadas do Concello e do Centro Cultural Municipal, onde permanecerán expostas durante todo o mes.

Ao longo do día desenvolvéronse diversos actos do programa “A Mocidade coas Letras Galegas”, promovidos pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto coa Concellería de Normalización Lingüística para celebrar o Día das Letras Galegas 2021 dedicado á poeta Xela Arias.

 

Amplíase tres meses máis o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal no Cemiterio

A Concellería de Cemiterios que dirixe Sergio Casal comunica á veciñanza que amplía o prazo para regularizar a ocupación de nichos de titularidade municipal, por tres meses máis. O prazo anterior vencía mañá, día 5 e polo tanto agora amplíase ata o 6 de agosto.
Esta decisión está baseada no problema de falta de espazo no Cemiterio Municipal cos nichos de titularidade do Concello que levaban ocupados máis de 10 anos.
O bando da Alcaldía que reproducimos indica que se lle solicita á veciñanza que teñan inhumados nos nichos de propiedade municipal a familiares e que tiveran transcorrido máis de 10 anos, procedan a retirada dos restos e a limpeza para poñelos a disposición do Concello.
Durante o primeiro prazo baleiráronse 25 nichos e están en trámite outras 15 exhumacións máis.

 

Letras Galegas 2021: Exposición sobre Xela Arias

 
A Concellería de Normalización Lingüística informa que o vindeiro xoves 6 terá lugar a inauguración da exposición sobre Xela Arias, titulada “A poesía do retrato” que se amosará no vestíbulo do Centro Cultural Municipal.
A mostra permanecerá aberta ata o 30 de maio.
Para asistir á inauguración que comezará ás 19:00 horas é necesaria inscrición previa a través do correo electrónico cultura@oporrino.org
 

Este martes 4, acto “A mocidade coas Letras Galegas 2021”

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto coa Concellería de Normalización Lingüística trae o programa “A mocidade coas Letras Galegas 2021”. Este martes 4 de maio, na Praza do Cristo, para celebrar o Día das Letras Galegas 2021 dedicado á poeta Xela Arias, en horario de mañá, cunha duración prevista de catro horas, desde as 10:00 horas ata as 14:00 horas.

Con esta iniciativa, promóvese o uso da lingua galega entre a mocidade a través dun achegamento máis atractivo e usando os seus códigos nas actividades alternativas baseadas na cultura urbana, concretamente no “rap”. Partindo de contidos culturais relacionados coa nosa comunidade e a nosa contorna, motivamos a nosa rapazada a participar en proxectos creativos.

Por outro lado, dignificase a lingua galega, usando como vínculo artístico, musical e plástico, a figura de Xela Arias, aportando o recoñecemento da poeta e toda a súa traxectoria vital.

Con “A mocidade coas Letras Galegas 2021”, no Porriño, tamén contribuímos a promover e dar visibilidade as actividades de carácter artístico e o uso da lingua galega a través deste programa mediante a súa publicación nas redes sociais, páxinas web e noutros medios de comunicación e difusión.